Os cidadáns non teñen por qué pagar os erros da Xunta na Lei do Solo

Os cidadáns non teñen por qué pagar os erros da Xunta na Lei do Solo

urbanismoO Grupo Socialista aprobou hoxe a reforma preventiva da Lei do Solo porque “o conxunto dos cidadáns non deben pagar os erros e carencias dos representantes públicos”. Así o explicou o responsable da Área do Territorio, Xosé Sánchez Bugallo, no debate da Lei de materias en proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, aprobada para modificar a Lei do Solo antes da súa entrada en vigor.

Os socialistas galegos aceptaron a Lei presentada pola Xunta malia que non foi aprobada a emenda “sensata, positiva e razoable” presentada polos socialistas, polo que Sánchez Bugallo admitiu “defender os intereses dos cidadáns por enriba dos nosos criterios e pareceres”. O obxectivo é resolver a situación creada pola suspensión do PXOM de Vigo para non frear o desenvolvemento da área empresarial ou a estación intermodal.

Sánchez Bugallo lembrou que esta situación deriva dunha Lei do Solo moi deficiente, aprobada polo PP sen incorporar unha exención aos proxectos públicos de urxencia ou excepcional interese, para que non dependan da “inexistencia ou inadaptación” do planeamento urbanístico. Sinalou que esta é a primeira norma do Solo dende 1985 que non incorpora esta cláusula.

O goberno galego tivo que salvar o escollo, sinalou, aprobando hoxe e polo procedemento de lectura única, unha norma que entrará en vigor un día despois que a propia Lei do Solo, acadando o cuestionable mérito, lembrou, de modificar unha norma mesmo antes de que entre en vigor.

Acto de maldade innecesario

Os socialistas galegos presentaron unha emenda á totalidade para mellorar o texto incorporando unha fase de incorporación pública que permita “corrixir erros e dar seguridade xurídica”. Ademais, buscaba cambiar a consideración do concello como administración expropiante e beneficiaria da expropiación, o que cualificou como un “acto de maldade innecesario, inxustificado e carente de toda lóxica”.

Sánchez Bugallo explicou que “o beneficiario da expropiación pode ser outro que non sexa o propio Concello”, e sinalou que tal e como o vén de aprobar o PP, o custe da diferenza dos xustiprezos “recaerá sobre o Concello” e polo tanto sobre os seus habitantes, o que considerou “fondamente inxusto e innecesario”. Reclamou que a condición de beneficiario “sexa algo a pactar entre o Concello e a institución beneficiaria”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar