Os anuncios da Xunta sobre a internacionalización da economía galega só agochan "autocomplacencia e propaganda"

Os anuncios da Xunta sobre a internacionalización da economía galega só agochan "autocomplacencia e propaganda"

Os anuncios da Xunta sobre a internacionalización da economía galega só agochan "autocomplacencia e propaganda"

O portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, advertiu “tan só autocomplacencia e propaganda” nos anuncios presentados pola Xunta sobre a internacionalización da economía galega. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Economía no Pleno do Parlamento, na que advertiu que os seus datos “dilúense como bágoas na chuvia”.

O deputado socialista aproveitou unha cita da película Blade Runner para evidenciar que as cifras que presenta a Xunta “non resisten unha mínima análise polo miúdo”. Aludiu así a que a mellora das exportacións no ano 2013 agochan un peor comportamento que a media estatal, a duplicación do déficit en só un ano e unha caída notable das importacións pola menor capacidade de compra dos galegos e galegas.

Explicou así que malia que entre 2008 e 2013 as exportacións galegas medraron, o fixeron 15 puntos por debaixo que a media estatal -32 por cento fronte a un 46,5 por cento-. Ao mesmo tempo, as importacións caeron pola diminución da venda de bens de consumo e o financiamento “literalmente paralizado”, mentres o investimento público mantense baixo mínimos “pola súa obsesión co déficit cero”.

Denunciou que a consellería de Economía e Industria foi en 2013 a que rexistrou a execución mais baixa de tódalas consellerías do goberno galego, deixando sen investir un total de 113,4 millóns de euros. Dixo que só executou o 30,5 por cento do programa de apoio á modernización e internacionalización do tecido económico, deixando sen gastar 86,5 millóns de euros.

Advertiu que “estamos internacionalizando porque baixamos os salarios dunha maneira terceiromundista” e explicou que “así tamén internacionalizan Vietnam, Túnez, Marrocos ou Turquía, e eu non quero que Galicia internacionalice así”.

Subdesenvolvemento

Abel Losada advertiu ademais que a xestión do goberno galego provoca en Galicia un tecido empresarial exportador “característico do subdesenvolvemento económico” ao estar concentrado en dúas empresas concretas. Advertiu deste xeito que o 50 por cento das exportacións están en realidade agrupadas en torno ao téxtil e a automoción, o que é característico da “estrema debilidade dos tecidos produtivos”.

Ademais, dixo, a produción tecnolóxica de Galicia resulta moi pobre, nunha economía que conta cun número reducido de empresas, que ademais contan cun tamaño medio “moi reducido con relación á media do Estado”.

Criticou neste sentido a “intolerable utilización propagandística” por parte do goberno galego dunha suposta sinatura dos contratos para construír floteis coa petroleira Pemex. Logo de amosar a súa satisfacción pola chegada de contratos aos estaleiros de Vigo e Ferrol, acusou a Feijóo de realizar unha “utilización puramente electoral das necesidades laborais dramáticas dos traballadores do naval” destas localidades.

Igape

Abel Losada denunciou o desmantelamento do Igape por parte do goberno galego logo de que “levara documentos constatando as subvencións fraudulentas concedidas polo presidente da Xunta ao empresario Jorge Dorribo” a través de “empresas pantasma que non existían”. Lembrou que ata o momento “non deron ningunha explicación” sobre un proceso que provocou a negativa do BEI a concederlle préstamos a esta entidade.

Criticou que logo de 20 anos promovendo unha rede exterior para a internacionalización da rede empresarial galega “chegou Feijóo e deulle 18 millóns de euros á Confederación de Empresarios de Galicia para en teoría expandir a rede comercial de Galicia no exterior e para que o seu presidente apoiara o programa electoral do PP”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar