O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou que os Orzamentos da Xunta ofrecen “máis do mesmo, atonía, conformidade, escaso proxecto e atención ás necesidades da xente” demostrando “pouca empatía social”. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou o calendario de tramitación das contas da Xunta para o ano 2019, que foron enviados hoxe á Cámara.
O responsable socialista lamentou que a Xunta e o conselleiro de Facenda “vexan todo de cor de rosa” e fagan caso omiso das consecuencias de anos de crise que deixan “demasiadas feridas sociais abertas e a necesidade imperiosa de impulsar a modernización económica”. Reclamou un “esforzo moito maior” que os “pequenos retoques” que ofrece o goberno galego.
Fernández Leiceaga sinalou á necesidade de “curar as feridas sociais”, afrontar unhas desigualdades “demasiado amplas”, cun desemprego que hai tempo que non baixa dos dous díxitos e con máis de 100.000 persoas nunha situación de carencia material severa. Sinalou neste sentido por exemplo que os resultados da modernización económica en Galicia dependen “do esforzo de empresas punteiras e teñen pouco que ver co impulso da Xunta”.
Un goberno galego, continúa, que renuncia a facer calquera esforzo de infraestruturas cunha partida que “por moito que aumenten continúa estando ao 60 por cento dos investimentos orzamentados en 2008”. A nivel de I+D+i, engade, realiza un “pequeno esforzo que queda moi lonxe doutras comunidades autónomas” e que en calquera caso “compromete o futuro” da economía galega.
Tamén lamentou o escaso esforzo en formación para o emprego e apoio ás empresas, unhas partidas que ademais rexistran “baixísimos niveis de execución” a final de ano, o que fai aos socialistas “enormemente escépticos” sobre o resultado real das contas do goberno galego.
Reforma fiscal
Fernández Leiceaga criticou tamén os “anuncios grandilocuentes” de rebaixas fiscais de Feijóo, que “na realidade teñen un impacto moi limitado”, no que tildou dun exercicio de “clientelismo de mercadotecnia”. Advertiu que despois estas promesas, presentadas con “gran pompa e dimensión”, o goberno galego fai “mutis polo foro” cando se trata de analizar o seu impacto real.
Advertiu que “o diaño está nos detalles” destas modificacións fiscais, que a pesares de que son anunciadas como rebaixas á hora da verdade a recadación por tributos do goberno galego aumenta. Así sucede por exemplo co anuncio de eliminar a tributación de sucesións mentres “a nivel recadatorio continúa aumentando”.
Acusou ao goberno galego de utilizar de novo a Lei de Acompañamento aos orzamentos da Xunta para incluír un “rosario de modificacións legais” de textos alleos ás contas do Executivo para “evitar debates” parlamentarios.
Comparecencia Alcoa
O portavoz socialista saudou hoxe a decisión unánime da Xunta de Portavoces de incluír no Pleno da próxima semana a comparecencia do conselleiro de Economía para dar conta da situación da factoría de Alcoa na Coruña, afectada polo anuncio de ERE extintivo por parte da empresa.
Fernández Leiceaga instou aos gobernos galego e español a realizar “tódalas accións oportunas que favorezan a continuidade da planta” coruñesa e lograr que “non fructifique” esta nova ameaza, que replica ás de 2014 e 2016.