Optimismo irreflexivo nos orzamentos da Xunta para 2016

Optimismo irreflexivo nos orzamentos da Xunta para 2016

Optimismo irreflexivo nos orzamentos da Xunta para 2016

Pleno do parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, criticou hoxe o “optimismo irreflexivo” amosado pola Xunta, que presenta uns orzamentos destinados unicamente a “abrir a campaña electoral”. Os socialistas reclamaron a devolución das contas para o ano 2016 porque carecen de “ningunha directriz nova ou iniciativa para saírmos do estancamento”.

O responsable socialista advertiu que malia o moderado incremento do gasto, as contas do goberno galego “non inclúen ningunha política nova suficientemente dotada para recuperar os dereitos sociais tan gravemente deteriorados nos últimos seis anos”. A Xunta, dixo, quere liquidar ao Estado do Benestar impoñendo unha sociedade dual fendida “entre os que teñen e os que non”.

De aí, dixo, que Galicia teña sido, baixo o goberno de Feijóo, a terceira Comunidade Autónoma do Estado na redución de efectivos entre o profesorado e a cuarta en redución do persoal sanitario. As contas para o próximo ano, dixo, “apuntan á consolidación do modelo asistencial, unha exclusión crónica apenas amortiguada con pequenas liñas de axuda”.

Sinalou a Feijóo como “corresponsable, xunto con Mariano Rajoy, do clima de ruptura que se vive en España, non só pola falla de capacidade de evitar a crise catalá, senón pola crise social, a fenda entre aqueles aos que lles vai moi ben e aos que lles vai moi mal”. Estes últimos son, dixo, “a maioría en situación de pobreza e dependencia permanente das axudas públicas, unha situación rara vez reversible e que se estenderá moito tempo”.

A mellor mostra do seu fracaso, dixo, é que Feijóo “leva seis anos, 300 semanas, rexeitando comparecer no Parlamento, o que evidencia que a súa política é sinxelamente indefendible”. O PP, dixo, “aproveitou a crise para arruinar o Estado do Benestar, impoñer a lei da selva no traballo, arruinar ás clases medias e crear a maior desigualdade da historia moderna”.

Parte do problema

Méndez Romeu sentenciou que “non haberá posibilidade algunha mentres Feijóo sexa presidente da Xunta”, a quen sinalou como “parte do problema”, en primeiro lugar ao levar á clase traballadora á ruína mentres asinan unhas contas que “carecen de indicios de cambio no modelo produtivo”.

O PP, dixo, favoreceu ás rendas máis altas e prexudicou ás máis baixas impoñendo unha maior presión fiscal que na media do Estado para os que non chegan aos 80.000 euros e menor para os que superan dito límite. Hoxe hai en Galicia, lembrou, 900.000 asalariados, dos que 300.000 perciben uns salario que “non lles permite saír da pobreza”, 123.000 cobran menos de 7.000 euros ao ano -600 ao mes- e 130.000 perciben menos de 1.000 euros ao mes.

Galicia conta con 250.000 parados, 90.000 máis que en 2009, cando Feijóo chegou ao goberno galego, unha etapa na que “perdemos o dobre do emprego que a media estatal”, con menos poboación activa e ocupada e cotizantes á seguridade social, o que á súa vez provoca menores ingresos nas arcas públicas e empeora os servizos públicos. Explicou que dende aquela data o paro medrou en Galicia un 51,5 por cento fronte ao 24,4 por cento do conxunto do Estado.

A cambio, o goberno galego incrementou a débeda pública un 250 por cento, pasando de 4.000 millóns de euros en 2009 aos 10.000 actuais, sen incluír os máis de 1.500 correspondentes ao Hospital de Vigo, e que non se ten traducido en investimento produtivo.

Comparación

O portavoz do Grupo Socialista comparou os orzamentos para o próximo ano cos últimos elaborados polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño para sinalar que Feijóo baixou as políticas sociais nun 15 por cento, a sanidade nun 7 por cento, a educación un 11 por cento e as políticas de emprego nun 50 por cento “mentres medra o desemprego, evidenciando que a vostede lle trae literalmente sen coidado”.

Na mesma liña, as partidas destinadas ao medio rural baixaron un 25 por cento, á pesca un 53 por cento, o apoio ás empresas nun 47 por cento, o comercio un 63, o turismo un 44 por cento e o I+D un 9 por cento.

As partidas para cultura reducíronse un 56 por cento, a vivenda un 76 por cento, facendo desaparecer pro completo as partidas para vivenda social, o medio ambiente un 60 por cento, as infraestruturas un 54 por cento e o gasto en investimentos un 47 por cento. Sinalou que “malia esta situación, nesta etapa incrementaron os gastos de funcionamento da administración nun 6 por cento, o que demostra a falsidade da súa austeridade”.

Méndez Romeu sinalou ademais que os compromisos asinados polo goberno galego convértense en “papel mollado” no momento en que reducen a licitación de obra pública nun 93 por cento e “o 40 por cento dos seus investimentos non pasan do papel” e quedan un ano tras outro sen ser executados.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar