Ofensiva socialista no Parlamento e nos concellos para que Feijóo retire a taxa do lixo e auditar a xestión de Sogama

Ofensiva socialista no Parlamento e nos concellos para que Feijóo retire a taxa do lixo e auditar a xestión de Sogama

Ofensiva socialista no Parlamento e nos concellos para que Feijóo retire a taxa do lixo e auditar a xestión de Sogama

Nunha rolda de prensa conxunta, o portavoz parlamentario, Méndez Romeu, anunciou unha iniciativa para que se retire o canon ou, como alternativa, o asuma o Orzamento da Xunta

O Secretario de Política Municipal, González Formoso, esixiu a auditoría externa sobre a xestión económica e ambiental de SOGAMA

Os rexedores de Ribadavia e Piñor, denunciaron a intención de Feijóo de converter ós concellos en recadadores da Xunta. Eixen diálogo a través da FEGAMP ou os alcaldes pecharanse en San Caetano a partires do 9 de decembro

Os socialistas levarán a cabo unha serie e accións parlamentarias, municipais e sociais en apoio da demanda dos alcaldes de que se retire a suba do canon do lixo recollido por SOGAMA anunciado polo Goberno galego.

O portavoz parlamentario, Méndez Romeu, acusou a Feijóo de tratar os concellos, os alcaldes e a veciñanza “como súbditos”. Censurou o desleixo do Presidente galego cara os rexedores pechándose a todo diálogo sobre este asunto.

Méndez anunciou a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa que se debaterá o vindeiro Pleno na que os socialistas demandan a retirada do canon, “porque non está xustificado”. Alternativamente, os socialistas propoñen que recaia nos propios Orzamentos da Xunta de Galicia.

En segundo lugar, piden que se inicie un proceso de negociación cos concellos, cos alcaldes, que considere os custos reais do tratamento de cada fracción, non necesariamente do custe máis caro, e que explore alternativas ao actual modelo. Tamén reclama a iniciativa socialista que se elabore unha auditoría financeira e medioambiental.

O portavoz socialista recriminou ao Executivo que anuncie unha suba “unilateral do canon” que teoricamente é polo tratamento do lixo, e non polo abandono nun vertedoiro. Estamos, por tanto, diante dun “fraude de lei”, afirmou Méndez. A mesma situación de falta de diálogo amosouna o Goberno galego en outros moitos temas. Méndez Romeu recordou a reforma electoral, a venda de Novagalicia Banco ou a situación do sector naval, “do que cada día recibimos unha nova negativa”.

Para o portavoz socialista, “a mala xestión do Presidente da Xunta, a quebra do modelo ambiental, non pode ser repercutida soamente nos veciños, a través dos concellos”. Repítese, segundo Méndez Romeu, o que sucedeu co canon da auga, co custo dos medicamentos ou cos libros de texto.

O Secretario de Política Municipal do PSdeG, e alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, esixiu que se apliquen criterios de transparencia na xestión de SOGAMA e se expliquen os custos reais da xestión de ese ente público, que polo de agora non recibiu do Presidente.

Para o alcalde das Pontes, non se trata de que o incremento da taxa represente o prezo dun café, senón de que “café a café a xente pode non chegar a final de mes ou chegar malamente”. Recordou que os alcaldes son a “última barreira da política” a que se enfronta a diario cos cidadáns e “témoslle que explicar por que lle subimos un recibo”, e por iso esixe unha auditoría de xestión. Que explique, por exemplo, a falta de previsión do impacto e repercusión das medidas do Goberno central en canto a reforma enerxética.

O secretario de Política Municipal do PSdeG considera que os alcaldes non poden explicar aos veciños unha suba “bestial” do 33% da taxa cando a empresa pasa a ter uns beneficios despois de impostos de 4 millóns de euros. Os socialistas reclaman unha auditoría de xestión económica e ambiental.

O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, informou da reunión de alcaldes das catro provincias do pasado sábado, en Ourense e na que participaron máis de 80 rexedores. O obxectivo foi propoñer a apertura do diálogo entre a FEGAMP e a Xunta de Galicia para intentar chegar a acordos. Consensos “fundamentais”, falaba Blanco, “algo que a Xunta rachou de xeito sistemático sen ter en conta a opinión do municipalismo galego, non só con esta medida, senón co canon da auga, os repagos, etc.”.

Os alcaldes teñen previsto dar “un prazo prudente” á Xunta, ata o 30 de novembro, para que se produzan eses acordos co organismo municipalista, de non ser así, a seguinte medida sería o “peche de gran parte dos alcaldes para deixar ben claro que estamos cos veciños e defendemos os seus intereses”, dixo o rexedor de Ribadavia.

O alcalde de Piñor, Francisco Fraga, propuxo aos alcaldes do Partido Popular que se sumen a estas reivindicacións, porque estando a maior parte dos municipios en estado de “anemia financeira” se pretende converter os municipios en recadadores da Xunta, a través do canon da auga, primeiro e agora coa suba do lixo.

Fraga Civeira salienta que aínda que os concellos asuman a taxa, esta repercute nos veciños, pois ao final “son cartos de todos nós”. Preguntou as razóns polas que Feijóo “non se planta ante Rajoy” para pedirlle que elimine a supresión de primas ás eléctricas. Replicou a Núñez Feijóo que “doe escoitar do Presidente da Xunta a acusación de que pretendemos unha suba encuberta de impostos”, porque este coñece que se trata dunha “taxa” e que, polo tanto, financia o custe duns servizos, “nin máis nin menos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar