Ofensiva parlamentaria para desbloquear a VAC Ferrol - San Cibrao

Ofensiva parlamentaria para desbloquear a VAC Ferrol - San Cibrao

Ofensiva parlamentaria para desbloquear a VAC Ferrol – San Cibrao

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe o desbloqueo das obras pendentes da VAC Ferrol – San Cibrao, que o goberno de Feijóo mantén paralizado con só dous tramos finalizados e 60 quilómetros pendentes. Así o dixo durante unha visita á infraestrutura en Ortegal xunto cos alcaldes socialistas de Cariño, Ortigueira, Cedeira e Cerdido e os representantes do partido na comarca.

O responsable socialista anunciou unha ofensiva parlamentaria para reivindicar unha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento das comarcas de Ortegal e A Mariña, ás que conectaría con Ferrol e a Transcantábrica para “darlle saída a toda a súa potencialidade económica da pesca, o turismo ou a industria forestal”.

Lembrou que a obra, concibida hai 20 anos polo conselleiro Cuíña, tan só ten hoxe realizados dous tramos, que son a variante de Ortigueira e a conexión Celeiro – San Cibrao, que foron licitados polo goberno socialista de Emilio Pérez Touriño. Dende entón a obra permanece esquecida con “moitas promesas, moitas afirmacións e moitos estudos pero ningunha realidade”.

Instou ao goberno galego a “transformar promesas en realidade” e anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para incorporala á axenda política “dunha forma sensata e razoable”. Leiceaga reclamou un “programa de actuación efectivo para presentar o proxecto construtivo e comezar coas licitacións no primeiro semestre do próximo ano”.

Debilidade económica

O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, advertiu que dende a licitación en 2009 dos dous tramos xa executados “non se executou nin se expropiou un só metro máis” o que “deixa ás comarcas de Ortegal e A Mariña nunha situación de debilidade económica, de futuro e de desenvolvemento”.

Reclamoulle ao goberno galego que retome o proxecto e cumpra co compromiso acadado en 2016 en Cariño diante de tódolos alcaldes afectados de executar “un cronograma serio e real”, recuperando ademais a variante de Cariño incluída no trazado orixinal aprobado en 2009.

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, advertiu que as infraestruturas actuais resultan “insuficientes para comunicarnos con Viveiro e Ferrol e darlle continuidade á actividade económica que precisa dunhas comunicacións suficientemente adaptadas, que é o que necesitamos”.

Sinalou que “cada vez máis persoas queren visitar unha zona rica en recursos, polo que necesitamos o apoio da Xunta para axudar ao desenvolvemento da comarca como se merece”. Resumiu que “temos recursos turísticos, temos madeira, pesca, agricultura, minería, o Porto de Cariño, pero nos faltan comunicacións”.

A delegación socialista, na que tamén participaron o parlamentario autonómico José Manuel Pérez Seco e os alcaldes de Cedeira –Pablo Moreda Gil- e Cerdido –Benigno Galego-, visitou hoxe a entrada do Polígono Industrial da Rega, en Cuíña –Ortigueira-, de onde parte o tramo de 7 quilómetros da Vía de Alta Capacidade licitado polo goberno de Touriño.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar