O PSdeG vota a favor da Lei de Medios Públicos de Comunicación para "quitarlle á Xunta o mando a distancia da CRTVG"

O PSdeG vota a favor da Lei de Medios Públicos de Comunicación para "quitarlle á Xunta o mando a distancia da CRTVG"

O PSdeG vota a favor da Lei de Medios Públicos de Comunicación para "quitarlle á Xunta o mando a distancia da CRTVG"

O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, defendeu a reforma da lei que rexe os medios públicos de comunicación de Galicia. Salientou que a Lei debatida hoxe parte dunha proposta socialista aprobada na Cámara o 23 de febreiro de 2010, “e a partir da nosa proposta púxose en marcha unha reforma sempre adiada e que era imprescindible para acabar cun modelo caduco, gobernamental e que está esgotado”.

Lage Tuñas dixo que “coa reforma que impulsamos os socialistas pretendemos sacar das mans do goberno o mando a distancia do control da CRTVG e poñelo en mans dos profesionais e de directivos independentes”.

Así o dixo na tramitación en Comisión da Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia presentada conxuntamente polo PSdeG-PSOE e polo PP en xuño pasado, e da que “se desmarcou o BNG cinco minutos antes de pechar os traballos da ponencia, e aínda hoxe non o explicou”.

O deputado socialista explicou que a Lei busca “dotar dun novo marco legal aos medios públicos, profesionalizar a xestión, dotar de independencia real aos xestores ao decidir elixilos por maioría cualificadas de 2/3 e 3/5, e mellorar os mecanismos de control interno coa creación dun consello de redacción composto polos profesionais da información. A lei tamén prevé a creación dunha Autoridade Audiovisual Independente de Galicia”.

Sinalou que a norma aposta por “rematar cun modelo caduco e gobernamental para dar paso a un servizo público rexido por criterios profesionais e con directivos independentes do Goberno”. Sinalou que neste sentido a partir de agora será o Parlamento quen nomee por maioría cualificada de 2/3 ou 3/5 ao director ou directora xeral do ente, que dende 1984 era nomeado pola Xunta.

Ademais desta medida, que garante maior independencia e reforza a profesionalidade da xestión, esta Lei “impide a cesión a terceiros a realización e edición dos informativos, e establece por vez primeira un estatuto profesional da Corporación da RTVG que contempla a creación dun consello de informativos”.

Lage Tuñas explicou que os medios públicos “son viables, e boa proba disto está nesta Lei que ampara a existencia dunha nova corporación cen por cen pública”, e que ademais “adecúa a entidade ás circunstancias económicas actuais”.

Así, incorpora medidas de mellora da eficiencia na xestión mercantil reforzando a súa independencia sobre o executivo e incorporando a eficiencia económica como principio das súas actividades. Ao mesmo tempo incorpórase ao texto legal o posible cese do/a director ou directora xeral no caso de desviación orzamentaria ou mala xestión económica.

Lingua galega

O portavoz da Área Institucional explica que “a lingua é unha das razóns de ser da RTVG, e a súa promoción, defensa e uso para a normalización do idioma nun contexto adverso para as linguas minoradas é unha liña vermella para o PSdeG-PSOE. Non aceptamos que ninguén nos veña dando leccións. Ninguén é máis galego por levar unha estreliña colgada. Nós defendemos a nosa cultura, a nosa lingua como o que máis”.”.

Lage Tuñas pensa que a RTVG “será un instrumento eficaz de vertebración da identidade de Galicia como pobo e da difusión e normalización da súa principal manifestación que é a lingua”.

Con este obxectivo atribúese á RTVG un réxime xurídico, patrimonial e organizativo que permite axustar as emisións e a súa penetración no público ás evolucións tecnolóxicas e tendencias do mercado para conseguir que a entidade siga sendo competitiva e un elemento de cohesión e impulso da identidade colectiva.

Explicou que a Lei “garante os valores de pluralismo, veracidade e accesibilidade co fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada” e ademais “prevé a regulación da organización e o control parlamentario dos medios de comunicación social de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Ponencia conxunta

Lage Tuñas sinalou que esta norma é a conclusión de case ano e medio de traballo, primeiro con comparecencias de expertos en comunicación, organización ou finanzas, así como representantes ou directivos de operadores audiovisuais ou ás súas agrupacións profesionais, persoas destacadas no ámbito da comunicación e directivos, xestores e representantes sindicais da CRTVG que compareceron na ponencia conxunta constituída no Parlamento.

Dixo que este texto adecúa o réxime xurídico da entidade audiovisual ao novo contexto normativo marcado pola Lei 7/2010 Xeneral da Comunicación Audiovisual, logo de case tres décadas dende a súa creación nas que “ten contribuído decisivamente á normalización da lingua galega, ao reforzamento da identidade do pobo galego, á promoción da cultura galega e o impulso da industria audiovisual do país”.

Corporación Pública

Explicou que esta norma garante o carácter público da corporación, xa que “non hai un só texto que fale de privatización”, e preserva a función de servizo público dos servizos informativos, garantindo que non se cedan a terceiros e “simplifica as sociedades, pasando de tres a un ente único”.

A lei tamén garante que a maioría da programación sexa de produción propia. “A maioría é a metade máis un, creo que é fácil de entender. É comprensible que se poida pedir máis, pero para chegar a acordos hai que estar dispostos ao entendemento e nós conseguimos que figure na lei que a produción interna – propia sexa a maioría”.

Sobre as acusacións do BNG de “privatizar” ou “politizar” a TVG, o deputado socialista aclarou que “a lei é moi clara e nela falamos dunha Corporación RTVG cen por cen pública, o resto é faltar a verdade e intentar enganar á xente” e engadiu que “nos defendemos eliminar a presenza dos aparatos dos partidos políticos no consello de administración, outros como o BNG defenden esa presenza, aos feitos me remito”.

Petición do Comité Interempresas da RTVG

O PSdeG amosouse favorable á incorporación ao texto do dereito de subrogación xa recollido no estatuto dos traballadores tal e como solicita o Comité Interempresas da CRTVG. Lage Tuñas explicou que “isto non dará máis dereitos, xa que é só unha reiteración dun dereito xa garantido no estatuto dos traballadores, pero nós non lle vemos ningún problema a incorporalo”.

O deputado socialista volveu a formularlle publicamente un emprazamento ao PP “para pactar unha proposta transaccionada que despois habería que acordar co BNG como grupo emendante” e así incorporar ao texto legal a inclusión dun texto que recolla o dereito xa garantido hoxe pola lexislación vixente.

De feito o Grupo Socialista abstívose na emenda nº 74 formulada polo BNG porque nunha das dúas parte incluíase o texto referido á subrogación “coa que non temos ningún problema coa súa inclusión na lei”, cousa diferente á consolidación que se demandaba no texto completo que presentaba o BNG, asunto no que o PSdeG non está de acordo, xa que defende “un modelo de acceso ao emprego público, con igualdade de oportunidades e cunha oposición libre e transparente”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar