O PSdeG ve ao conselleiro de Sanidade "asediado" polas críticas e sinálalle que "xa non aporta nada"

O PSdeG ve ao conselleiro de Sanidade "asediado" polas críticas e sinálalle que "xa non aporta nada"

O PSdeG ve ao conselleiro de Sanidade “asediado” polas críticas e sinálalle que “xa non aporta nada”

O deputado Julio Torrado recalca que Almuiña é “un lastre” e que a súa “ineficiente” xestión xa é cuestionada por profesionais, expertos, pacientes, docentes e o propio Consello de Contas

 

Santiago, 13 de agosto de 2018. O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou hoxe que o conselleiro do ramo está “asediado” polas críticas dos profesionais sanitarios, dos expertos na materia, dos pacientes e dos docentes de Medicina, así como polo propio Consello de Contas, de xeito que concluíu que “xa non aporta nada” ao sistema público.

 

Nese senso, o parlamentario do PSdeG instou a Almuiña a “facer unha reflexión” á vista de que non ten “impulso” nin “capacidade transformadora” nin sequera para comparecer na Cámara e dar contas do sucedido hai agora nove días na Estrada, onde un home faleceu nun PAC sen que houbese ningún médico para prestarlle asistencia.

 

A iso sumou Julio Torrado os “problemas” existentes en pediatría e atención primaria, a “precariedade” á que se ven sometidos os profesionais, a falla de persoal, as críticas vertidas polos colexios médicos e o feito de que os usuarios do Sergas sitúan a sanidade galega, segundo o último barómetro do CIS, entre “as tres peores” de España. En paralelo, proseguiu, o Consello, “como cada ano”, denuncia “opacidade” e “distorsión” nos orzamentos de Sanidade, que están sendo “trampeados”.

 

Así pois, tal e como remarcou o deputado socialista, o conselleiro de Sanidade “xa ten o dubidoso récord” de ser o titular desa carteira “máis discutido da historia”. Por tanto, e á vista de que Almuiña “só se adica a saír do paso discutindo a quen o contradí”, xulgou que “é momento de dar un novo pulo” á sanidade pública galega.

 

“Aportaría máis no exercicio da súa profesión como médico”, sostivo Julio Torrado, para quen o conselleiro supón “un lastre” para o sistema público. “A súa xestión é ineficiente”, evidenciou, consciente de que a súa actividade baséase en “follas de Excel e números impersoais”, ata o punto de que a súa “única iniciativa” foi reformar a Lei de Saúde para introducir “novos recortes de servicios”.

 

APOIO AOS FERIDOS

 

O deputado socialista iniciou a súa comparecencia ante os medios con palabras de “apoio e afecto” para os feridos durante un festival en Vigo, a quen desexou “unha pronta recuperación”, e gabou a boa actuación dos servizos sanitarios de emerxencias.

 

“Temos uns profesionais marabillosos. Coma sempre, demostran que o sistema sanitario, hoxe nunha situación difícil, sobrevive grazas aos seus profesionais e a pesares dos seus dirixentes”, concluíu.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar