O PSdeG urxe a Feijóo "responsabilidades" polo "caos" na Consellería de Política Social

O PSdeG urxe a Feijóo "responsabilidades" polo "caos" na Consellería de Política Social

O PSdeG urxe a Feijóo “responsabilidades” polo “caos” na Consellería de Política Social

A deputada Noela Blanco denuncia que Feijóo abriu “cero” residencias de maiores xestionadas con medios propios, mentres as privadas aumentaron un 9%

 

Santiago, 14 de agosto de 2018. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, denunciou hoxe o “tremendo desamparo dos nosos maiores” dende a chegada de Feijóo á Xunta que evidencia o propio Consello de Contas no seu informe anual, de xeito que urxiu “explicacións e responsabilidades” polo “caos” na xestión da consellería.

 

E é que, como sinalou a deputada socialista en rolda de prensa baseándose nos datos do organismo fiscalizador, á “nula” aposta da Xunta de Feijóo polos centros públicos súmanse a falta de control nos privados e concertados e as “irregularidades” no eido laboral.

 

Así, Noela Blanco denunciou que o goberno galego está “alimentando de xeito constante aos centros privados” e “deixando famélico ao sistema público”, ao tempo que está incorrendo nunha “deixación de funcións” á hora de velar pola calidade da atención aos nosos maiores.

 

Como evidencia o propio Consello de Contas, e referiu a parlamentaria do PSdeG, a Xunta de Feijóo creou “cero” residencias de maiores xestionadas con medios propios, e, de feito, as prazas vense reducidas “nun sete por cento”, mentres as de residencias privadas e concertadas rexistran un aumento “dun nove por cento”. Todo isto, a pesares de que o custe para o erario público das prazas concertadas é “un oito por cento” superior ao das públicas.

 

Caso paradigmático é o da residencia do Carballiño, proxectada polo goberno socialista, e na que case “o 70% das prazas públicas” non entraron no concurso convocado pola Xunta para a xestión do centro.

 

“NIN UNHA PEDRA”

 

Despois de censurar que Feijóo teña incumprido o seu compromiso e non teña posto “nin unha pedra” para as residencias de maiores nas sete cidades galegas, Noela Blanco fixo fincapé na caída da inversión no persoal deste tipo de centros, nos que “non se cobren baixas nin vacacións”, ata o punto de que “se incumpre a ratio” de traballadores que fixa a lexislación.

 

Algo similar ocorre, tal e como reflexou, coa taxa de prazas de residencias por número de persoas maiores. Galicia, dixo Noela Blanco, atópase no 3.05%, lonxe do 4.2% da media estatal e do 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde, o que a sitúa cun “dos peores datos” de todas as comunidades autónomas.

 

OS CENTROS PRIVADOS, “ÁS SÚAS ANCHAS”

 

Outro dos aspectos nos que puxo o foco a deputada do PSdeG é na redución de dous millóns de euros nos fondos destinados ao mantemento dos centros públicos e no feito de que, pese ao aumento do número de prazas en residencias privadas e concertadas, non se incrementou o persoal inspector.

 

“Os centros privados campan ás súas anchas coa complicidade da Xunta”, recalcou Noela Blanco, para incidir en que o Consello de Contas constata que “cando se detectan deficiencias, non se corrixen nin se sancionan”. A modo de exemplo, apuntou a existencia de “irregularidades gravísimas”, ata nas relacións contractuais, en centros xestionados pola Fundación San Rosendo e Valdegodos.

 

A pesares diso, lamentou a parlamentaria socialista, “a reacción do goberno galego é redobrar a súa aposta polos centros privados” coa posta en marcha dun bono co que sufragar os gastos de ingresos de maiores. “Derivan a cidadanía e os recursos públicos cara a privada”, reprobou, non sen recordar que a Xunta segue este mesmo criterio no caso das escolas infantís.

 

“MÁIS PRAZAS PÚBLICAS”

 

Finalmente, tras indicar que os datos do IGE prevén que a poboación de máis de 65 anos aumente un 17% en Galicia no horizonte de 2030, Noela Blanco anunciou a presentación de iniciativas parlamentarias para requirir á Xunta “máis prazas públicas” ata chegar, cando menos, ao 4,2% da media estatal.

 

Así mesmo, demanda que a Xunta “abandone a complicidade cos centros privados que non cumpren as normas” e que dote de “recursos humanos e materiais” aos centros públicos para poder ofrecer “unha atención de calidade”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar