O PSdeG toma a iniciativa na loita contra a corrupción política cunha batería de medidas para mellorar a transparencia das administracións públicas

O PSdeG toma a iniciativa na loita contra a corrupción política cunha batería de medidas para mellorar a transparencia das administracións públicas

O PSdeG toma a iniciativa na loita contra a corrupción política cunha batería de medidas para mellorar a transparencia das administracións públicas

A Executiva do PSdeG elabora un documento de traballo que se plasmará nunha proposición de lei que chegará ao Parlamento de Galicia nos próximos días

Besteiro lamenta que Feijóo vaia a Andalucía a dicir que a transición democrática pecharase en España cando gañe o PP e pide “respecto aos cidadáns e ás urnas”

A Executiva Nacional do PSdeG aprobou hoxe un documento de traballo con medidas para loitar contra novos casos de corrupción política. “É unha demanda da cidadanía, temos que tomar a iniciativa para acadar espazos democráticos limpos”, asegurou o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro.

As medidas tratadas na Executiva se recollerán nos próximos días nunha proposición de lei que os socialistas levarán ao Parlamento de Galicia e na que buscarán o consenso do resto das forzas políticas, xa que suporá a modificación de varias normativas autonómicas.

“As propostas son numerosas, dende un código ético para todos os cargos electos a unha redución dos postos de libre designación nas administracións e, polo que respecta aos concellos, temos que acadar unha clara separación entre a dirección política e a xestión, sobre todo no relativo a contratacións, concesións e urbanismo”, manifestou o líder dos socialistas.

A preguntas dos medios de comunicación, Besteiro deixou claro que as medidas que impulsa o PSdeG fixarán unha norma de conduta para todos os militantes. “O partido xa ten unha liña de actuación, que implica apartar dos seus cargos aos políticos que teñan que enfrontarse a un xuízo oral ou reciban medidas cautelares por parte dun xuíz, pero queremos chegar máis lonxe”, apuntou.

Besteiro lembrou aos xornalistas que o PSdeG xa presentou un primeiro documento de rexeneración democrática hai tres semanas, antes do debate en pleno da Lei Electoral que quere impoñer o PP. “Agora traballamos para que a transparencia chegue a todos os ámbitos, con máis informes a priori que xustifiquen calquera investimento público e coa erradicación das financiacións opacas; os socialistas defendemos un gran acordo entre partidos e outras institucións para loitar dunha forma seria e contundente contra a corrupción”, engadiu.

A proposición de lei na que xa está traballando o grupo parlamentario socialista suporá a modificación de varias leis autonómicas. “Canta máis información teña o cidadán mellor, por iso propoñemos a posta en marcha de plans anticorrupción en todos os organismos públicos, que os políticos fagan declaracións de bens e patrimonio, que se fagan públicas as empresas contratadas e a cantía dos contratos e que os políticos non entren nas mesas de contratación; medidas todas elas destinadas a aportar transparencia, porque podemos admitir erros, pero non podemos permitir delitos”, apuntou o secretario xeral do PSdeG.

Feijóo en Andalucía
Con respecto ás declaracións do presidente da Xunta de Galicia, que hoxe dixo que a transición democrática en España rematará cando o PP goberne en Andalucía, Besteiro recoñeceu sentirse “avergonzado por unhas palabras que non son propias dun presidente da Xunta, tiven ocasión de falar con Susana Díaz e eu persoalmente xa lle pedín perdón, hai que respetar á cidadanía e ás decisións que saen das urnas”.

Por outra parte, a Executiva do PSdeG respalda as mobilizacións dos alcaldes críticos coa suba da taxa de Sogama. “Un incremento do 34% é algo desmesurado, non é xusto para os veciños nin para concellos, que terán que restar orzamentos doutros servizos para pagar”. Os socialistas defenden unha xestión dos residuos que teña en conta a opinión dos concellos.

Besteiro adiantou que os socialistas apostarán forte polas eleccións europeas, “cunha candidata como Elena Valenciano e cun programa en común con todos os partidos socialistas europeos; chegou a hora das políticas de crecemento e de frear os recortes sociais en temas tan importantes como o aborto”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar