O PSdeG rexeita as medidas urxentes de Réxime Local porque veñen ratificar a precariedade na que pretenden sumir aos concellos os gobernos de Feijóo e de Rajoy

O PSdeG rexeita as medidas urxentes de Réxime Local porque veñen ratificar a precariedade na que pretenden sumir aos concellos os gobernos de Feijóo e de Rajoy

O PSdeG rexeita as medidas urxentes de Réxime Local porque veñen ratificar a precariedade na que pretenden sumir aos concellos os gobernos de Feijóo e de Rajoy

José Luis Méndez afirma que tentan rematar cos restos de autonomía local que deixou a reforma de Rajoy e que os concellos pasen a un réxime de tutela administrativa

A preguntas dos xornalistas, Méndez cualificou a viaxe de Feijóo de protocolaria e demandou unha verdadeira axenda exterior. Lembrou ao presidente galego que o investimento exterior en Galicia está en mínimos históricos

O Portavoz do Grupo Socialista, José Luís Méndez ven de amosar o seu rexeitamento ao Proxecto de Lei de Medidas Urxentes de Réxime Local, que o Goberno galego anunciou que trasladaría en breve ao Parlamento e cuxo fin é desenvolver a reforma administrativa aprobada no mes de decembro polo Goberno central.

O voceiro socialista considera que o Proxecto de Medidas Urxentes da Xunta, no coñecido ata agora, “tenta rematar cos restos da autonomía local de xeito que todos os concellos de Galicia pasen a un réxime de tutela administrativa e todo o que non sexan competencias que agora se definen como propias na lei estatal”.

A lei estatal recolle que as competencias que actualmente exercen os concellos en materias como Sanidade, Ensino e Servizos Sociais, pasarán a ser asumidas polas CCAA. Iso representa un impacto económico que a propia lei cifra nos 300 millóns de euros para 2015, e a mesma cantidade para os seguintes, informou Méndez. “Vai ser difícil que o Goberno galego o poida levar a termo”, puntualizou.

Lembrou que a normativa estatal de reforma da administración foi rexeitada de xeito unánime pola Federación Galega de Municipios e Provincias, polo baleirado de competencias a favor das deputacións, a supresión de concellos e a tutela do Goberno. Tamén votou man de hemeroteca para recuperar as alegacións da Xunta que non foron tomadas en conta polo Goberno de Rajoy. O que amosa a “cativa influencia en temas importantes” diante do Goberno de Madrid. “Igual que con anterioridade tiña pasado coa reforma eléctrica ou a fiscal”. Méndez fala dunha estratexia de “aparente desacordo e tácito respaldo” dun “Goberno de tertulianos adicados a facer declaracións para consumo mediático pero sempre comprometidos cos seus votos en posicións contrarias ás que predican”.

Un exemplo desta práctica foi o anuncio do Conselleiro de Presidencia dunha reforma “para corrixir a Rajoy”que “acotaría o poder das deputacións e promovería as fusións de concellos”, pero nada diso se inclúe no texto coñecido. Non se explica o deputado socialista como “dunhas declaracións tan enfáticas do vicepresidente e do propio Feijóo acabemos nun texto tan baleiro dos contidos que anunciaban como estratéxicos”. Afirma descoñecer o que se persigue, pero, “polo que se coñece ten máis ben un aspecto dun fraude aos concellos e dunha burla aos cidadáns”.

O Partido Socialista presentou recurso de inconstitucionalidade contra a lei de réxime local e, en coherencia con esta petición, “creemos que a norma de Medidas Urxentes que propón o Goberno galego non é aceptable, provoca inseguridade xurídica, que confunde interesadamente duplicidade de servizos e complementariades”.

Ademais “deseña un sistema onde a Xunta valorará en cada caso a oportunidade, o contido e o impacto das competencias que poidan ser delegadas”. Mentres, o traspaso de Sanidade, Educación e Servizos Sociais, ordenado na norma estatal, “queda sen prazo e serán competencias suxeitas a valoracións de oportunidade, o que repercusión importante nos investimentos e na calidade dos servizos”.

Desaparecen as competencias locais en materia de Emprego, de Educación, Xuventude, Igualdade, de Terceira Idade, “todas elas xeradoras de moito emprego e que son actividades que serven ás demandas de milleiros de persoas en Galicia”. Critica o portavoz socialista a creación por parte da Xunta dun control de sostibilidade, “polo que poderá mediatizar o labor dos concellos galegos que exerzan actividade” nos ámbitos citados anteriormente.

Censura que o Goberno galego faga caso omiso á nota explicativa do Ministerio de Facenda que, “por se houbera dúbidas do caos competencial xerado”, pretende clarexar cómo se debe interpretar a nova situación xurídica. Recriminou ao Executivo a creación dunha comisión de expertos da que, logo dun ano non se coñecen conclusións. “Como xa sucedera con anterioridade coa comisión das caixas ou a da corrupción”, apuntou o portavoz socialista.

Méndez Romeu anunciou que o seu grupo rexeitará a proposta do Executivo porque “lonxe de blindar competencias, ven de ratificar a precariedade do mundo local galego”. Malia todo, se non se rectifica, os socialistas “trataremos de emendala a fondo na demanda dun réxime de seguridade xurídica para os concellos”, concluíu.

VIAXE SEN AXENDA DE FEIJÓO

O portavoz socialista reiterou o compromiso do PSdeG ás iniciativas no exterior do Executivo, no relativos aos fondos comunitarios ou ás negociacións en Bruxelas, por exemplo. Preguntado polos xornalistas por unha valoración da viaxe de Feijóo a México e Panamá, José Luis Méndez salientou que “non existe para esta viaxe axenda pública, mesmo tense producido algo curioso, ningún medio acompañou ao presidente para ofrecer unha información fidedigna”.

Estamos diante dun “goberno sen contidos”, insistiu. Dixo non estar mal os contactos en foros empresariais da compaña do primeiro directivo de Novagalicia Banco, ou a xuntanza coa dirección de PEMEX, “mesmo se fala de oportunidades en varias áreas de negocio, pero non viaxou ningún empresario galego con el para ratificar e pechar negocios de este tipo, non son os gobernos os que asinan contratos”. Trátase dunha viaxe, “de tipo protocolario”.

Méndez esixiu maior seriedade e demandou unha axenda exterior do Goberno, cunha liña estratéxica de traballo no exterior, “de iso non existe nada”. Recordou que as cifras de captación de investimento exterior de Galicia están en mínimos históricos e “hai que ser máis rigorosos”. O portavoz socialista aludiu tamén á recente dimisión dun destacado membro do Consello Exterior de Galicia, “formulando críticas moi severas sobre a falta de interese do Goberno nesta área”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar