O PSdeG reclama a Feijóo que "se poña ao carón de Galicia" e non "deste novo PP máis centralista", e asuma a relaxación do déficit

O PSdeG reclama a Feijóo que "se poña ao carón de Galicia" e non "deste novo PP máis centralista", e asuma a relaxación do déficit

O PSdeG reclama a Feijóo que “se poña ao carón de Galicia” e non “deste novo PP máis centralista”, e asuma a relaxación do déficit

 

Leiceaga advirte ao presidente de que non utilizar os 120 millóns de euros adicionais evidenciará que “o seu proxecto está esgotado”

 

Santiago, 23 de xullo de 2018. O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, abordou este luns a “oportunidade” que abre para Galicia a nova senda de consolidación fiscal que o goberno de Pedro Sánchez pactou coa Comisión Europea e “reticencia” amosada pola Xunta a asumir un incremento de 120 millóns de euros nos seus orzamentos.

 

Nese escenario, o voceiro socialista reclamou a Feijóo que “se poña ao carón da cidadanía de Galicia, que demanda un reforzamento dos servizos públicos”, e non “deste novo PP máis centralista”. Así é que instou ao presidente da Xunta a que “faga un esforzo de convencemento” dentro do seu partido, para que o Senado aprobe os obxectivos de déficit.

 

Coa súa proximidade ao novo PP estatal, que “recorda ao PP de Aznar” polo “centralismo” e pola viraxe “máis á dereita” que con Rajoy, como sintetizou Leiceaga, Feijóo “ten unha oportunidade magnífica” para “defender a solución que sería máis convinte para os intereses de Galicia”.

 

“Ten unha oportunidade para, en vez de seguir cun axuste cego, levantar un pouco o pé do freo e permitir que a cidadanía desfrute de mellores servizos”, incidiu o portavoz do PSdeG na Cámara galega, consciente de que o aumento da débeda en 120 millóns de euros “non compromete a nosa sostibilidade financeira” e, en cambio, “permite facer moitas cousas”.

 

En concreto, Leiceaga sinalou que eses fondos adicionais poderían utilizarse para solucionar a falla de pediatras en distintos concellos de Galicia, reforzar os hospitais comarcais, mellorar a atención á dependencia, apostar polo I+D+i ou acometer infraestruturas, como a vía de alta capacidade da Costa Norte, para as que a Xunta di “non ter recursos”.

 

PROXECTO “ESGOTADO”

 

Así as cousas, o voceiro socialista deixou claro que, de non asumir esta vía, Feijóo estará amosando “un partidismo exacerbado”, e que prefire “sacrificar os intereses dos galegos” ante os dun partido “empeñado en baixar o gasto público e facer máis pequeno o Estado”.

 

Así mesmo, se non “presiona ao PP para que facilite ás comunidades dispoñer do déficit adicional e poder atender mellor aos cidadáns”, Feijóo porá en evidencia que “ten esgotado o seu proxecto” para Galicia.

 

Pola súa banda, Leiceaga recalcou que os socialistas “temos un programa ambicioso de mellora dos servizos públicos, de redución das desigualdades, de aposta polo emprego, de creación de riqueza e de fomento das infraestruturas”. “É o que necesita a cidadanía de Galicia”, agregou.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar