O PSdeG reclama a devolución dos orzamentos por "inútiles para un momento de crise"

O PSdeG reclama a devolución dos orzamentos por "inútiles para un momento de crise"

O PSdeG reclama a devolución dos orzamentos por "inútiles para un momento de crise"

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presentou as emendas de devolución aos orzamentos da Xunta por ser “inútiles para un momento de crise como o actual”, tal e como sinalou o portavoz socialista Abel Losada. As emendas presentada hoxe reclaman a mobilización dun total de 408,5 millóns de euros para centralos nos servizos sociais e o investimento produtivo.

Losada dixo que os recortes á sanidade, ensino e dependencia, unidos ao Regulamento da Xunta que onte “abriu a porta ao copago” son “o aperitivo do que nos espera si o PP chega á Moncloa”. Sinalou que as contas para 2012 consolidan o “ataque ao Estado do Benestar” recortando 2.700 millóns de euros dende a chegada de Feijóo –dos que 1.400 corresponden a gasto social- “contra os sectores de menor renda e con mais dificultades”.

A portavoz de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, dixo que os orzamentos da Xunta “non serven” polo que presentou unha alternativa para atender ás necesidades das familias e activar o emprego. Engadiu que a Xunta “só é austera cos cidadáns” xa que “só aperta o cinto nos gastos sociais” deixando aos mais necesitados sen Renda de Integración nin medidas de loita contra a pobreza.

Advertiu tamén que a Xunta “tira a toalla e non presenta alternativas para a creación de emprego”, unhas partidas que só medran na aportación de fondos da UE, mentres o Goberno galego retíralles 85 millóns de euros. Explicou que mentres en 2009 Galicia destinaba 1.000 euros a cada desempregado, no ano 2012 esa cifra reducirase ata tan só 335 euros.

Ademais, o Goberno galego “esquece o investimento produtivo” xa que mentres “non hai un só proxecto novo” o único que medra é o endebedamento, ata o punto que, coa redución do aforro corrente nun 25 por cento para 2012, “os galegos e galegas necesitarán de 30 anos para afrontar o pago á débeda asumida por Feijóo ata o día de hoxe” sen ter en conta a colaboración público – privada.

Mobilización de recursos

Os socialistas galegos reclaman a mobilización de mais de 408,5 millóns de euros, dos que destinan o 63 por cento a sanidade e ensino público. Así, a aposta pola sanidade pública, universal e gratuíta recibiría 110 millóns de euros adicionais, e o ensino público outros 80 destinados ao reforzo dos cadros de persoal docente, programas de prevención de fracaso escolar, bolsas para estudantes ou ao servizo de comedor escolar.

As partidas de Benestar recibirían outros 55 millóns de euros, especialmente para o reforzo das axudas concedidas a través da Renda de Integración Social, medidas de inclusión social ou axudas a discapacitados. Tamén propoñen a recuperación do Plan Concertado de prestación de servizos sociais a través dos concellos e a atención aos colectivos mais vulnerables da sociedade.

Outro 25 por cento do total de recursos mobilizado correspondería ás medidas de reactivación económica e o emprego, dos que 55 millóns estarían destinados a medidas de impulso do emprego, nomeadamente á cooperación coas entidades locais e ao fomento do emprego de mozos e mozas e parados de longa duración e en idade avanzada.

Os socialistas galegos reclaman tamén o investimento de 48,3 millóns de euros mais, fundamentalmente nun Plan de Apoio aos sectores industriais en dificultades, como o naval, a construción ou o metal – mecánico. O 12 por cento das partidas mobilizadas para reactivación económica, en torno a 30 millóns de euros, destinaríanse ao financiamento das corporacións locais, aumentando a participación incondicionada.

Finalmente, os socialistas reclaman destinar 6 millóns de euros a paliar os efectos dos lumes rexistrados no pasado outono, en resposta ás demandas dos veciños e veciñas afectados e as organizacións ecoloxistas. As emendas presentadas hoxe tamén contemplan destinar 9 millóns de euros a medidas para impulsar a mobilidade.

Ingresos

Losada explicou que os fondos correspondentes a esta emenda procederían dun aumento de 223 millóns de euros nos ingresos e unha redución de 185 millóns de euros nos gastos. O aumento de recursos procedería de aumentar os tributos ás rendas mais altas a través do IRPF ou do imposto do patrimonio, así como dunha previsión “máis axustada” na recadación efectiva da Xunta.

Os socialistas reclaman unha importante redución de gastos superfluos da Xunta diminuíndo os gastos de gabinete, publicidade e propaganda, os delegados territoriais, os gastos e funcionamentos ordinarios, o sector público autonómico –nomeadamente no axuste de organización do Instituto Galego de Vivenda e Solo e as Xestures-, gastos inmateriais e a redución das partidas para ensino concertado.

Copago
O portavoz socialista dixo hoxe que a Xunta “abre a porta ao copago en sanidade” ao introducir a través dun Regulamento publicado onte o cobro polo uso de servizos sanitarios. Os socialistas reclamaron a comparecencia da conselleira de Sanidade para dar conta desta medida, presentaron unha interpelación parlamentaria e solicitaron formalmente o informe xurídico no que se basea a decisión de Sanidade.

Losada considera “francamente perigoso” e “excluínte” que a Xunta introduza o concepto do “mal uso da sanidade” por canto pode prexudicar fundamentalmente á poboación do rural e con problemas de illamento. Sinala que esta medida “afonda nun sistema sanitario dual entre o común dos usuarios e aqueles que teñen contactos e recursos económicos e sociais”.

Esixiu á conselleira de Sanidade “que saia da súa cidade para coñecer á poboación que recibe a sanidade pública no rural galego” e explique “qué programas vai poñer en marcha para facilitar un uso correcto do sistema sanitario público”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar