O PSdeG propón un Plan Urxente de Reactivación Económica e do Emprego

O PSdeG propón un Plan Urxente de Reactivación Económica e do Emprego

O PSdeG propón un Plan Urxente de Reactivación Económica e do Emprego

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Abel Losada, criticou o “derrotismo e a incapacidade” de Feijóo e propuxo un Plan Urxente de Reactivación económica e do emprego para manter o diferencial de paro nun 5 por cento con relación ao Estado durante 2011. Losada interveu hoxe no debate do Estado da Autonomía para presentar as 240 propostas de resolución do Grupo Parlamentario.

O responsable socialista criticou que a crítica constante de Feijóo contra o Goberno central e o anterior goberno socialista na Xunta de Galicia agocha en realidade que “non actúa e non toma decisións” e exerce unha “política derrotista e incapaz”. Dixo que “non existe unha corrosión mais insidiosa do noso modelo de autogoberno que non exercelo” mentres tenta de “enganar aos gobernados recreando o mito da caverna de Platón”.

Losada dixo que dous anos despois da toma de posesión de Feijóo, este demostrou que o seu “contrato coa cidadanía” que presentou antes das eleccións “mais ben foi unha estafa”. Dixo así que fronte á pasividade do Goberno galego, Losada presentou unha proposta de Plan de Reactivación Económica e do Emprego e desafiou ao Grupo Popular a apoiar esta iniciativa como mostra do seu compromiso para superar a crise.

Este Plan, que suporía unha modificación de crédito de 66,5 millóns de euros, inclúe os plans específicos de emprego xuvenil, feminino, rural e para os autónomos, así como medidas e actuacións a favor do autoemprego e o impulso de pactos territoriais de Emprego.

O portavoz socialista criticou que a única medida adoptada en materia de emprego pola Xunta fora a inclusión da clave S-698 para reducir en falso as listas de paro cos desempregados en procesos de formación. Reclamou polo contrario o reforzo do Sistema Público de Emprego de Galicia e a posta en marcha dunha ofensiva de execución de infraestruturas co obxecto de reactivar a economía galega.

Losada reclamou á Xunta que comprometa “cando menos 1.100 millóns de euros de financiamento público” para incrementar o ritmo de execución das infraestruturas e rematar coa parálise dos traballos para licitar e comezar coas vías de comunicación de Galicia pendentes de realizar.

Esixiu tamén que o Igape funcione como verdadeiro axente dinamizador poñendo crédito a disposición do tecido económico galego. Esta tarefa debe comezar, dixo, pola posta en marcha dun Plan de Política Industrial para o que poñerá en marcha unha liña de avais por mais de 600 millóns de euros, así como coberturas de avais por outros 300 millóns de euros para todo o ano 2011.

O impulso da actividade económica, engadiu, debe ir acompañado dunha austeridade real en Galicia a través dun Plan de Racionalización do sector público institucional, suprimindo as delegacións territoriais, reducindo o gasto corrente no parque móbil, implementando medidas de eficiencia enerxética nos edificios administrativos autonómicos e promocionando o uso de software libre na administración.

Os socialistas criticaron que fronte á promesa de redución de impostos, a Xunta teña incrementado as taxas polo uso da auga, reduza bolsas de estudos e obrigue a pagar polos libros de texto. Neste sentido, reclamou un novo proxecto da Lei de Augas, o restablecemento da gratuidade universal dos libros de texto, o aumento das bolsas de estudos ou a liberalización paulatina das peaxes nas autoestradas autonómicas.

Equilibrio territorial

No tocante ao equilibrio territorial, Losada reiterou a proposta de Pacto polo Territorio para aprobar unha nova Lei do Solo e un novo trámite parlamentario para as Directrices de Ordenación do Territorio consensuadas entre os grupos parlamentarios. Reclamou a posta en marcha das infraestruturas sociais pactadas cos concellos e o impulso do Pacto Local, cun fondo mínimo de 100 millóns de euros para o Programa de Ocupación Local.

Os socialistas galegos reiteraron o seu compromiso co transporte público e propuxeron o fomento desta modalidade de transporte, incluíndo o Noitebús, plans de transporte público entre os tres aeroportos galegos, adiantar os proxectos de metros lixeiros para A Coruña, Vigo e Santiago, e a construción de estacións intermodais nas principais áreas urbanas de Galicia.

O portavoz socialista amosou o compromiso dos socialistas galegos co medio ambiente solicitando o rexeitamento da construción da incineradora e vertedoiro previsto no Sur de Galicia, a ampliación dos espazos protexidos pola Rede Natura 2000 ata o 18 por cento do territorio, o Plan Galego de Acción fronte ao Cambio Climático.

Políticas sociais

O Grupo Socialista presentou tamén unha serie de iniciativas dirixidas a garantir os dereitos e servizos públicos esenciais dos galegos e das galegas, con especial atención aos cidadáns con mais dificultades. Neste sentido, chamou á Xunta a establecer a prescrición por principio activo como unha das medidas de contención do gasto farmacéutico.

Reclamou a diminución das listas de espera corrixindo o deterioro na accesibilidade ás especialidades médicas e publicando as listas non estruturais, así como o cumprimento das resolucións pendentes derivadas da Lei de atención aos dependentes, garantindo tamén o financiamento dos equipos municipais de atención á Dependencia, e a achega puntual e correcta dos Fondos de Dependencia ás prestacións que dependen deles.

As propostas de resolución socialistas consideran a gratuidade universal dos libros de texto como un “dereito irrenunciable”, e reclama a posta en marcha do II Plan Galego de FP, ou a reforma dos programas de comedores escolares e de bolsas.

No tocante á conciliación, reclamou medidas transversais de xénero nas políticas da Xunta e o impulso da loita contra a violencia de xénero e a discriminación sexual, comezando pola reforma da composición do Goberno galego, para garantir o cumprimento da Lei de Paridade. Tamén solicitan neste sentido a recuperación do Plan de Pensións para as mariscadoras, o Seguro Colectivo de Accidentes no Mar e o Seguro de Mal Tempo.

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia propuxo a posta en marcha dun programa específico de vivenda en aluguer para maiores e estudantes, así como a posta en marcha do II Plan Galego de FP e a consolidación dos investigadores galegos.

Nestas iniciativas inclúese a reforma da administración a través dun Plan de Racionalización do sector público, a constitución dunha Comisión especial non permanente que desenvolva o proceso de modernización da xustiza en Galicia, ou a axilización da xestión dos fondos comunitarios a disposición da Comunidade Autónoma.

Gobernanza

Presentou un terceiro bloque centrado na mellora da calidade da democracia, que inclúe o compromiso certo co autogoberno de Galicia a través da constitución dunha ponencia conxunta lexislativa para a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. Losada criticou que Feijóo e o PP teñan bloqueado durante os últimos 6 anos a reforma do Estatuto, impedindo a Galicia acceder ás máximas cotas de autogoberno.

Neste grupo de iniciativas, salientou a proposta en contra da inclusión de tránsfugas nas listas electorais, e instou ao PP a “reconsiderar a configuración das súas candidaturas para as próximas eleccións”.

O portavoz socialista instou á recuperación do consenso lingüístico coa constitución dunha Comisión especial non permanente para o desenvolvemento e revitalización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, así como a reformulación do decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

Esixiu tamén o compromiso coa rexeneración democrática deixando de utilizar a administración autonómico con criterios partidarios, así como comprometéndose co uso obxectivo e non clientelar dos fondos públicos. Losada reclamou o cese do director xeral da CRTVG polo “uso partidario e progoberno intolerable” dos medios de comunicación públicos e como primeira medida para garantir a obxectividade na súa información.

Finalmente propuxo a aprobación dun Proxecto de Lei de Publicidade Institucional no actual período de sesións, modificar o modelo de acceso á Función Pública e publicar na web da Xunta tódolos convenios e protocolos asinados pola Xunta.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar