O PSdeG propón buscar acordos para acometer un novo modelo económico e institucional e blindar as políticas sociais no marco dun novo Estatuto

O PSdeG propón buscar acordos para acometer un novo modelo económico e institucional e blindar as políticas sociais no marco dun novo Estatuto

O PSdeG propón buscar acordos para acometer un novo modelo económico e institucional e blindar as políticas sociais no marco dun novo Estatuto

O PSdeG proporá ás principais formacións políticas e ao Goberno galego a busca de acordos para acometer un novo modelo económico, mediante un plan de activación económica e dinamización do emprego; a blindaxe das políticas sociais, e a reforma da administración, todo elo no marco dun novo Estatuto de Galicia. Así o anunciou o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, tras a xuntanza interparlamentaria, que conforman os 75 representantes dos socialistas galegos nas diferentes cámaras.

“Os socialistas iniciamos o curso político pensando nos homes e mulleres de Galicia”, proclamou Vázquez, dado que “Galicia leva dous anos e medio sendo o laboratorio da política de paralización económica e recortes sociais do PP, e demostrando que a dereita non ten fórmulas para resolver os problemas dos cidadáns”.

Así, lembrou que “cada día os homes e mulleres deste país ven que hai unha constante no Goberno galego, que é a paralización da actividade económica, que incrementou o desemprego o dobre que no resto de España; ademais da ausencia de goberno, e dun ataque sistemático ás políticas sociais, especialmente á educación e á sanidade”.

A este respecto, Vázquez expresou o “apoio incondicional do socialismo galego aos centos de miles de docentes, pais e nais que ven como a calidade do ensino público vai ser este curso claramente peor que a do pasado ano”, xa que “se fala de recortes en número de docentes, comedores escolares, incremento de prezos e do pago polo transporte escolar”.

En materia sanitaria “o desmantelamento do modelo público é evidente”, apuntou Vázquez, quen sinalou que non só hai un recorte claro nas prestacións sanitarias, senón que “a consellería confirma sen tapuxos que non está interesada no aforro que suporá a receita por principio activo”. Advertiu tamén que o anuncio da reforma da asistencia domiciliaria “será un novo recorte, porque cando a conselleira fala de reordenación do transporte, en realidade quere dicir supresión de ambulancias”.

Por elo, Vázquez anunciou que “os socialistas galegos estaremos cos que máis nos necesitan, que neste momento son os enfermos e as asociacións de pais e nais” e que buscará grandes acordos para resolver os problemas dos cidadáns, poñendo especial acento no desemprego.

Propostas
Así, unha das propostas dos socialistas galegos pasa pola posta en marcha dun plan de reactivación económica e dinamización do emprego. “Os socialistas queremos estar aí, queremos defender aos centos de miles de homes e mulleres que cada vez están máis sos, e especialmente aos que están baixo o umbral da pobreza”, afirmou.

Defendeu tamén a necesidade dun gran acordo para blindar as políticas sociais, e para reformar as institucións, indo ao modelo de “unha administración, un servizo”.

“Os socialistas estamos convencidos de que as deputacións, tal e como están hoxe, son insostibles, e a reforma da arquitectura da administración local é absolutamente clave e necesaria”, sinalou, á vez que avogou por “abrir un debate entre as tres grandes formacións para definir un novo modelo”.

Vázquez explicou que os acordos entre as principais formacións políticas para acometer un novo modelo económico e institucional e a blindaxe das políticas sociais, “ten que contar cun novo marco, que é a nosa constitución galega, é dicir, o Estatuto”.

O líder socialista lembrou “ou abordamos agora a reforma ou non hai reforma”, e dixo que “é difícil de explicar que o PP entenda necesario modificar a Constitución para garantir a economía de España e á vez entenda que non hai que tocarlle ao Estatuto para garantir a economía de Galicia”.

Pediu por elo ao Goberno galego que “asuma a realidade do país” e afirmou que o PSdeG é proclive a dialogar e buscar acordos coa Xunta en todo o que sexa necesario para solucionar os problemas dos galegos e as galegas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar