Vázquez pide o voto en Xinzo por ser "clave" para lograr a Deputación de Ourense e "acabar co nepotismo"

Vázquez pide o voto en Xinzo por ser "clave" para lograr a Deputación de Ourense e "acabar co nepotismo"

Vázquez pide o voto en Xinzo por ser "clave" para lograr a Deputación de Ourense e "acabar co nepotismo"

O secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, pediu este domingo o voto para o seu partido en Xinzo de Limia tras considerar que esta localidade é "clave" para lograr a Deputación de Ourense e, dende esta institución, poñer fin "ao caciquismo e a corrupción" do PP na provincia.

"Se gañamos en Xinzo, gañaremos a Deputación; e dentro dun ano e 10 meses, recuperaremos a Xunta", proclamou o dirixente dos socialistas galegos, nun acto electoral xunto coa candidata polo PSOE neste municipio, Elvira Lama, e a directora do Instituto de la Mujer, Laura Seara.

Ante máis de 300 persoas, Vázquez resaltou que os comicios do 22 de maio "non son unhas eleccións máis", senón que chegou "o momento do cambio" e de "plantar cara aos sinvergüenzas". "Somos moitos os que soñamos con que un día, o 23 de maio, xa non haxa caciques na Deputación de Ourense", resaltou.

Xustificou as súas palabras en que os responsables políticos da institución provincial se dedican a "comprar vontades co diñeiro de todos" e, "se non chega", a "ameazar" os integrantes doutras candidaturas. De feito, agradeceu as súas compañeiras en Baltar que "lle plantasen cara" ao rexedor popular dese municipio, José Antonio Feijóo, ao que o xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e o propio Baltar "cesarían se tivesen vergoña".

A liña seguido, advertiu aos asistentes ao mitin de que as tres candidaturas de independentes que concorren a estas eleccións "son a mesma camada" do PP, que "se repartiu en catro grupos porque catro querían ir de primeiros de lista". "Cada voto que non sexa ao PSOE é para o PP", incidiu Vázquez, para alertar de que o candidato popular "xa dixo que é bo que veña aquí todo o lixo de Galicia", en alusión á nova incineradora.

ADMITIR OS ERROS

Tamén apelou ao voto dos cidadáns de Xinzo para "gañar as eleccións", xa que "se se deixa pasar esta oportunidade e enraizar o caciquismo e a corrupción, todo será moito máis difícil". "Non vale esconderse nin quedar na casa, ou os próximos catro anos teredes un desgusto cada día", remarcou, para prometer que coa socialista "non fará falta ser amigo do alcalde para que se cumpran as súas necesidades nin xenuflexións".

"Temos que construír unha Galicia distinta, pero non se cambia cunha vara máxica senón concello a concello", defendeu Pachi Vázquez, quen non quixo deixar pasar a oportunidade de "pedir perdón" polo que o seu partido non fixo ben. "Tiñamos un candidato que cando oía PSOE lle caían as bágoas, pero agora vai de número dous no PP", revelou, tras censurar que esta persoa "non ten ética nin vergoña". "Jesucristo tamén escolleu a 12 e saíulle un traidor", comparou.

"FALCON CREST"

Pola súa banda, Laura Seara presentou a Elvira Lama como "a candidata da rexeneración democrática" que "tanto necesita" Xinzo tras lamentar que a súa localidade "teña que ser escrava de contubernios dalgunha xente".

"Coma se isto fose Falcon Crest, con xente como O Chavilleiro -- como se coñece o candidato do PP--, que única e exclusivamente atende aos seus propios intereses", censurou, incluíndo na repartición da serie tamén a Baltar como "un pequeno caudillo que é un auténtico Angela Channing".

A continuación, a candidata anunciou que se accede á Alcaldía, o primeiro que fará é "unha auditoría" para ver "onde está o diñeiro" do municipio, no que "non se fixo nada". En canto á variedade de partidos que concorren por este municipio, "toda unha paella", advertiu de que "son tres PP distintos e un só Baltar verdadeiro".

"A DEREITA NON TROUXO NADA"

Previamente, nun acto na localidade ourensana de Entrimo xunto co candidato socialista á reelección, o xefe de filas do PSdeG reivindicou a importancia das políticas socialistas nun momento de crise ante un auditorio dunhas 60 personas."Porque a dereita non trouxo nada aquí; sacounos máis de 400 medicamentos, os libros de texto gratis e vainos subir a auga un 140 por cento", denunciou.

"Non dá igual un partido que outro, as políticas socialistas igualan a todos", proclamou Vázquez, tras criticar que o PP "non coñece o país" e non atende as zonas rurais porque cre que os seus habitantes son "poucos, vellos e parvos". "Nós traballamos para todos e o PP só para enchufar os fillos de catro listos", reprobou.

Despois de incidir en que a Xunta suprimiu o Bantegal e en que "non fai política de prevención forestal", de modo que en verán "pode haber unha desgracia" en caso de que haxa un incendio, alertou de que, de seguir gobernando a dereita, "dentro de 30 anos non quedará ninguén" no rural. "Fan falta ideas e diñeiro, que de opinións xa andamos ben", subliñou, para reclamar unha aposta polos "balnearios, a natureza, o turismo e a gandaría".

Na quenda de palabra precedeulle a deputada autonómica María Quintas pediu o voto para o PSOE o próximo 22 de maio tras evidenciar que a Xunta esqueceu a provincia de Ourense" e que o presidente da Deputación, José Luis Baltar, é "un home minúsculo en política e en forma de pensar".

Finalmente, o actual rexedor de Entrimo, Ramón Alonso Pérez, mostrou o seu desexo de que Vázquez "recupere a Xunta" despois de que, co bipartito, o seu municipio vivise "a maior etapa de investimentos".

A austeridade tamén chegou aos actos electorais, no que, ademais das tradicionais bandeirolas, a organización repartiu entre os asistentes caraveis vermellos en lugar da tradicional rosa do emblema do Partido Socialista.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar