O PSdeG pide explicacións a Feijóo polo gasto da Casa de Galicia en conferencias de Carmen Lomana

O PSdeG pide explicacións a Feijóo polo gasto da Casa de Galicia en conferencias de Carmen Lomana

O PSdeG pide explicacións a Feijóo polo gasto da Casa de Galicia en conferencias de Carmen Lomana

Marisol Soneira pregunta por que mentres o Goberno esixe que apertemos o cinto, fala de reducir deputados ou obriga aos xubilados a pagar os medicamentos, a Casa de Galicia dedica máis do 70% da súa axenda a eventos con lunch para “os clásicos da Corte”, en lugar de difundir a cultura, a economía e o turismo de Galicia, como consta nos seus obxectivos

Entre estes eventos atópase un Ciclo de debates sobre a prensa do corazón ao que se convidou a participar á citada famosa do papel couché

A portavoz de Política Exterior denuncia a opacidade do seu financiamento, coma un ente pantasma sen partida propia nos Orzamentos

A portavoz de Política Exterior do Grupo Socialista, Marisol Soneira, ven de esixir a comparecencia no Parlamento do Goberno, “ou do propio Presidente da Xunta, pois do seu departamento depende”, para explicar o custe de funcionamento da Casa de Galicia en Madrid e da rendibilidade das actividades que na mesma se organizan.

A deputada, que presentou en rolda de prensa unha batería de iniciativas rexistradas a este fin, considera preciso que Feijóo explique “como logo de negarlle a sanidade pública aos emigrantes que volvan logo de 90 días no estranxeiro, e se lle recomende que vaian de irregulares, malgasten o diñeiro para celebrar ciclos de debate sobre a prensa do corazón”.

Logo dunha sucinta revisión da web da Casa de Galicia, os socialistas detectaron que as súas actividades se teñen afastado dos cometidos e obrigas fundacionais. Así aparece na axenda un ciclo de debates baixo o lema “A prensa do Corazón” no que está prevista a intervención de Carmen Lomana, “personalide que ten acadado fama por pedir en plena crise cash para los pobres ricos”, lembrou Marisol Soneira, que continuou abundando no currículo da “famosa” apelando ás súas “aportacións á literatura con títulos como Os 10 mandamentos da muller 11 ou O Glamour intelixente”.

A deputada socialista detectou que as actividades da Casa de Galicia, ao contrario de outros centros como a Casa de Galicia en Bos Aires ou a Fundación Galicia Europa, centrábanse non tanto no apoio e impulso das iniciativas galegas ou como oficina da Xunta, senón en “exposicións de pintura e outras artes plásticas, recitais poéticos, actividades para que permiten o lucimento do director da casa, que participa en moitas das actividades, e a presentación de todos os libros que leven no título o nome de Manuel Fraga”.

“Aquí díxosenos que tiñamos que apertar o cinto, que había que reducir deputados por unha cuestión de custes, que os xubilados teñen que pagar os medicamentos, porque todos tiñamos que colaborar”, recordou Soneira. A deputada contrasta isto coa axenda da Casa de Galicia que se dedica en máis do 70% a a estes eventos “que se celebran sobre as sete e media da tarde e continúan con un lunch ao que se apuntan os clásicos da Corte, que sempre son os mesmos”.

A Marisol Soneira parécelle “un insulto que mentres se reducen un 60% os orzamentos reais para Emigración, manteñamos un chiringuito que custa máis de 800.000 euros ao ano e que non aparece individualizado nos Orzamentos como se fora un ente pantasma” para organizar actos “propios dunha mala AMPA ou un mal colexio maior, ou unha mala asociación de veciños, ou para invitar a señoras de calidade literaria tan dubidosa como a convidada para falar da prensa do corazón”.

UN INMOBLE DE 12 MILLÓNS QUE NIN O PRESIDENTE VISITA

A Casa de Galicia en Madrid custou no seu día 12 millóns de euros, e gastáronse 700.000 euros no seu arranxo. O director da mesma custa 63.000 euros brutos ao ano; e del dependen 13 persoas. O custe certo da mesma non se pode calcular, porque “non atopamos ningunha partida co devandito nome nos Orzamentos da Xunta”, afirmou Marisol Soneira. A socialista calcula que cos gastos correntes debe aproximarse ao millóns de euros.

A pesares de ter como obxectivo servir de escenario para a difusión da cultura, economía e turismo, a Casa de Galicia en Madrid só se ten promovido a presentación de 6 proxectos de empresa, “das que nin sequera todas tiñan o domicilio fiscal en Galicia”, apuntou a deputada.

Salientaron os socialistas que, “a pesares do viaxeiro que é o noso presidente e das veces que vai a Madrid, non vai moito pola Casa de Galicia”, así, Soneira só detectou a presenza de Feijóo “unha vez, para recoller un premio”. Tampouco o Goberno galego se prodiga por este inmoble, “a excepción de Nava Castro, que presenta todos os anos o stand de Galicia en FITUR”, lembrou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar