O PSdeG interésase polas condicións laborais dos xornalistas galegos

O PSdeG interésase polas condicións laborais  dos xornalistas galegos

O PSdeG interésase polas condicións laborais dos xornalistas galegos

O portavoz da área institucional e comunicación do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage, vén de defender unha iniciativa parlamentaria na Comisión 5ª do Parlamento co obxecto de denunciar “as precarias condicións laborais dos traballadores e traballadoras dos medios de comunicación social de Galicia”.

Tamén neste debate, José Manuel Lage reivindicou a necesidade de que Galicia conte “cunha lei de publicidade institucional que incluía a regulación das axudas aos medios de comunicación co obxecto de transparentar a relación do poder público cos medios privados”.

Nesta liña o deputado socialista dixo que “Galicia necesita un sistema de medios de comunicación forte, e onde as axudas públicas se outorguen en función da difusión/audiencia e estabilidade laboral, o que racharía un sistema viciado que é moi negativo para a competitividade das empresas e para as condicións laborais dos traballadores e traballadoras”

“O actual sistema está viciado, porque o mercado está adulterado polas axudas discrecionais da Xunta de Galicia, impide a competencia real e é malo para as empresas e tamén para os traballadores que en moitas casos teñen situacións moi precarias” explicaba hoxe Lage Tuñas no Parlamento de Galicia.

O deputado do PSdeG recordou tamén que “o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, opúxose no seu día á proposición de lei presentada polo PSdeG para regular a publicidade institucional e as axudas aos medios e fíxoo comprometendo que o goberno remitiría un proxecto de lei á cámara para que esta o aprobara durante o primeiro semestre do ano 2011”.

“Rueda mentiulle ao parlamento cando dixo que no primeiro semestre deste ano se aprobaría unha norma que regulara a publicidade institucional. opuxéronse á nosa proposta porque introducía transparencia e fixaba criterios obxectivos”. Preguntouse “qué medidas ten adoptado o goberno galego diante da difícil situación laboral de moitos profesionais da comunicación en Galicia”.

Lage Tuñas recorda na súa iniciativa parlamentaria que “entre o ano 2009 e 2010 producíronse máis de 180 despedimentos de xornalistas nos medios de comunicación galegos e máis do dobre no caso de extincións de contratos.”

O portavoz da área institucional e comunicación do Grupo Socialista alude ao Informe do ano 2009 elaborado conxuntamente entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Sindicato de Xornalistas onde “ se vén denunciando a situación de precariedade laboral na que desenvolven a súa actividade unha boa parte dos e das xornalistas galegos.”.

“O papel dos medios de comunicación é fundamental para o funcionamento do sistema democrático, tanto polo papel de transmisores das diferentes mensaxes e debates de diferentes grupos sociais como polo exercicio crítico cos poderes públicos.” advirte José Manuel Lage.

“A precariedade laboral á que están sometidos unha parte importante dos xornalistas dos medios de comunicación galegos é prexudicial para a propia profesión xornalística pero ten tamén claras consecuencias na calidade do sistema democrático”.

Lage Tuñas recordou que “só o 62,5% dos xornalistas teñen un contrato indefinido nos medios de comunicación galegos, estando unha parte significativa de traballadores e traballadores dos medios de comunicación desenvolvendo a súa actividade profesional nun contexto de clara precariedade laboral.”.

“Hai que destacar que alomenos nun 30% das empresas de comunicación social non hai convenio colectivo que rexa as relacións laborais dentro desas empresas, o que é un claro déficit que se suma a unha situación estrutural nada favorable ás condicións laborais dos e das xornalistas.”.

Lage Tuñas entende que “unha democracia de calidade aséntase sobre varios piares, e un deses piares constitúenos os profesionais da comunicación, por iso é fundamental a existencia de medios de comunicación fortes e independentes, onde os xornalistas poidan desenvolver o seu traballo en condicións laborais dignas, tanto no plano salarial como no plano profesional.”

O deputado do PSdeG interpelou ao goberno galego “sobre as medidas que ten tomado ou que ten pensado tomar para abordar na actual conxuntura as condicións laborais dos traballadores e traballadoras da comunicación e a situación económica das empresas de comunicación social de Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar