O PSdeG insta á Xunta a comezar “de cero” coa Lei de Convivencia no sistema educativo

O PSdeG insta á Xunta a comezar “de cero” coa Lei de Convivencia no sistema educativo

O PSdeG insta á Xunta a comezar “de cero” coa Lei de Convivencia no sistema educativo

O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Guillermo Meijón, dixo que a Lei de Convivencia no sistema educativo ten “pes de barro” ao ser elaborada pola Xunta unilateralmente e sen fundamentación. Reclamou comezar a normativa “de cero” con “xestos inequívocos” de consenso coa comunidade educativa e os grupos políticos.

Meijón acusou ao conselleiro Vázquez de instalar unha “falsa imaxe de conflitividade nas aulas” para “introducir pola trastenda unha normativa ridícula sobre enquisas”. Explicou que “non existe ningún estudo” que estableza a conflitividade como o principal problema nas aulas, polo que, engade, a Xunta “pretende realizar un tratamento sen diagnose” que “apenas soluciona nada”.

Lamentou que esta norma só ofreza “instrumentos punitivos” cando o necesario son “instrumentos educativos”, xa que os expedientes abertos diminuíron un 25 por cento no último curso situándose no 0,26 por cento grazas ás medidas preventivas adoptadas polo goberno socialista durante a pasada lexislatura.

Considera que o debate sobre convivencia resulta “artificial” e un subterfuxio para “impor as decisións da Xunta manipulando a opinión dos pais e nais”. Sinalou que a Xunta “non pode lavarse as mans e delegar as súas competencias a través de enquisas”. Lembrou que a participación de pais e nais está “perfectamente regulada” a través das Anpas, dos Consellos Escolares de centro e de Galicia e o Observatorio Galego de Convivencia.

Meijón dixo que a aposta pola convivencia da Xunta “carece de credibilidade” cando non convocou nunca o plenario do Observatorio Galego da Convivencia e “despreza” as opinións do Consello Escolar de Galicia ou as decisións da Mesa Sectorial de Educación.

Chamou así a un consenso real para acadar unha nova redacción da norma e desacreditou as chamadas ao consenso da Xunta “cando o Goberno galego na práctica utiliza prácticas cicateras” limitando o prazo de observacións no Consello Escolar a “menos de dez días reais”.

Proceso sereno e participativo

O responsable socialista reclamou que a Lei conte cun “proceso reflexivo, sereno, participativo e con tempo suficiente”. Dixo que pola contra a Xunta presenta unha Lei “sen memoria económica, sen compromisos e sen recursos, nin materiais nin humanos”, polo que a opinión maioritaria da comunidade educativa está a ser “maioritariamente negativa acerca do texto”.

Meijón esixiu un novo texto que conte dende o principio cunha diagnose inicial a partir dun informe do Observatorio Galego de Convivencia Escolar ou do Consello Escolar de Galicia, a elaboración dun “Documento Cero de Debate aberto á participación da comunidade educativa” e o nomeamento transparente dun equipo redactor coa participación dos máximos órganos implicados.

Dixo que o conselleiro de Educación quere agochar o incumprimento dos seus compromisos electorais. Sinalou que a Lei esquece as propostas do programa do PP, que establecía desdobres nas aulas en materias de especial dificultade, estender os servizos de orientación, potenciar a figura do educador social, a formación do profesorado, programas de potenciación de valores, ou plans de atención a alumnado inmigrante.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar