O PSdeG espera que o PP “non lle dea as costas a 45.000 lucenses” e aprobe dotar de hemodinámica as 24 horas, medicina nuclear e radioterapia o hospital de Lugo

O PSdeG espera que o PP “non lle dea as costas a 45.000 lucenses” e aprobe dotar de hemodinámica as 24 horas, medicina nuclear e radioterapia o hospital de Lugo

O PSdeG espera que o PP “non lle dea as costas a 45.000 lucenses” e aprobe dotar de hemodinámica as 24 horas, medicina nuclear e radioterapia o hospital de Lugo

Os parlamentarios González Santín e Carmen Acuña mantiveron un encontro coa comisión veciñal que impulsa unha Iniciativa Lexislativa Popular para acabar “coa discriminación que sofre a provincia”

Santín cuestiona a unidade de Hemodinámica “en horario de oficina” que a Xunta propón en Lugo, e lembra que un lucense pode tardar hoxe en ser atendido dun infarto ata 5 horas

O deputado autonómico do PSdeG pola provincia de Lugo Juan Carlos González Santín e Carmen Acuña, voceira de Sanidade dos socialistas no Parlamento, mantiveron este venres un encontro con representantes da comisión veciñal que impulsa unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para reclamar á Xunta que dote de Hemodinámica as 24 horas, Medicina Nuclear e Radioterapia o hospital de Lugo, o único de Galicia sen estas especialidades. Os socialistas, que xa manifestaron o seu total respaldo a esta iniciativa dende o principio e teñen presentado diversas propostas reclamando estes servizos para o HULA, comprometeron o voto a favor da ILP no Parlamento e confían en que o Partido Popular, “que ten a maioría, non lle dea as costas ós 45.000 veciños que asinaron esta iniciativa, e que a Xunta nos dea ós lucenses estes servizos que polo momento se nega a implantar, discriminándonos con respecto ó resto de Galicia”, subliñou Santín.

O PSdeG espera deste xeito que os populares resolvan “as contradicións que demostraron nos últimos meses” e non pasen “o rodillo” para tumbar unha proposta cun respaldo social tan destacado. “Esperamos que esta vez o Partido Popular sexa sensible e escoite o que lle están pedindo os veciños da provincia de Lugo, que non é, nin máis nin menos, que Feijóo cumpra coa promesa que lles fixo o 26 de febreiro de 2011, o día da inauguración do HULA, cando anunciou que o centro tería antes de finalizar ese ano Hemodinámica, Medicina Nuclear e Radioterapia”. “Pasaron case tres anos, e Feijóo segue sen cumprir o seu compromiso, deixando que a provincia de Lugo continúe sendo a única de Galicia que non dispón destes servizos. Os lucenses non merecen este trato da Xunta”, subliñaron os socialistas. “Merecen uns servizos que garantan a calidade da asistencia sanitaria e o benestar dos doentes. O PP debe poñer fin a unha das maiores discriminacións históricas da Xunta con Lugo”, engadiron.

O PSdeG destacou neste senso que, tanto a Deputación, como o Concello lucense, esixiron en reiteradas ocasións a dotación destas especialidades e estiveron en todo momento “do lado dos cidadáns”. De feito, o Presidente provincial e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, remitiu o pasado mes de xaneiro unha carta a Feijóo, “á que nunca contestou”, solicitándolle unha reunión para demandarlle a implantación destas especialidades.

“Parece que só se pode infartar de nove a tres”
Juan Carlos González Santín recalcou que a Xunta, “no só se nega a darnos estes servizos, senón que agora fai unha proposta dunha unidade de Hemodinámica que funciona en horario de oficina, de nove a tres. Parece que a xente só pode infartar nese horario, fóra de aí teremos que morrer”.

O deputado explicou así mesmo que Lugo “é unha das provincias máis dispersas de Galicia. Hai xente que está a case unha hora e media do hospital, e se o teñen que levar ós da Coruña ou Santiago, estariamos a falar de dúas horas e media, tres. Ademais, se a ambulancia o ten que buscar, a atención realizaríase cando menos en catro horas e media, cinco. Iso, nun infarto, implica, senón a morte, secuelas moi graves”. “Estamos falando de cousas moi serias, polo que a Xunta ten que poñer todos os medios no esencial, que é a vida das persoas”, destacou.

A falta dunha unidade de Radioterapia no HULA provoca tamén que uns 600 lucenses se teñan que desprazar cada ano á Coruña para recibir o seu tratamento, o que supón entre dúas e catro horas de viaxe cada vez que teñen que facer o desprazamento.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar