O PSdeG esixe explicacións a Feijóo sobre o suposto pago en negro do PP de Pontevedra tras un novo informe da UDEF

O PSdeG esixe explicacións a Feijóo sobre o suposto pago en negro do PP de Pontevedra tras un novo informe da UDEF

O PSdeG esixe explicacións a Feijóo sobre o suposto pago en negro do PP de Pontevedra tras un novo informe da UDEF

“Ante unha información de tal gravidade, entendemos que debe despexar calquera cuestión que poida poñer en dúbida a limpeza da súa xestión á fronte do PPdeG”, afirma Pilar Cancela

A secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, esixe explicacións do presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ante un novo informe da UDEF remitido ao xuíz Pablo Ruz e feito público polos medios de comunicación no que o corpo especializado da Policía Nacional sospeita dunha operación do pago dun embargo da sede do PP de Pontevedra en 2009 e 2010, cando Feijóo xa era o máximo responsable do partido en Galicia e presidente da Xunta. “Ante unha información de tal gravidade, entendemos que Feijóo debe despexar calquera cuestión que poida poñer en dúbida a limpeza da súa xestión á fronte do PPdeG”, afirma Cancela.

Os socialistas lembran que a unidade especializada da Policía Nacional ve “significativo” que a dirección estatal do PP asumise un embargo de 187.000 euros do partido en Pontevedra e que se comprobase que estes cartos non foron devoltos por cauces legais. Segundo Bárcenas, o PP pontevedrés devolveu os cartos, pero fíxoo en negro, e parte del foi abonado “en billetes de 500 euros e en sobres de cor marrón” por Bárcenas a Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal, un total “de 25.000 euros a cada un”.

“Ante unas acusacións de tal gravidade e un informe policial que constata que os cartos non foron devoltos por cauces legais, cremos que é necesario que Feijóo dea a súa versión dos feitos e deixe claro o que sucedeu, porque a transparencia é necesaria nestes casos”, di Pilar Cancela, que engade que “nesta ocasión o señor Feijóo non pode alegar que el non estaba ou que non pasaba por alí, xa que era o máximo responsable do partido nese momento”. Cancela espera “unha explicación rápida e contundente nun momento no que está en dúbida a xestión do partido político que goberna en España e Galicia, e no que a imaxe e as compañías de Feijóo tamén seguen a ser tema de investigación nos tribunais galegos”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar