O PSdeG esixe a Feijóo que dea marcha atrás ao “machetazo” nas axudas aos concellos para políticas sociais

O PSdeG esixe a Feijóo que dea marcha atrás ao “machetazo” nas axudas aos concellos para políticas sociais

O PSdeG esixe a Feijóo que dea marcha atrás ao “machetazo” nas axudas aos concellos para políticas sociais

A secretaria de Políticas Sociais e Benestar do PSdeG e portavoz parlamentaria desta área, Beatriz Sestayo, e o secretario de Organización, Pablo García, anunciaron hoxe as medidas de “resistencia activa” que emprenderán os socialistas galegos por todas as vías, para evitar o “machetazo” do Goberno de Feijóo nas axudas aos concellos para políticas sociais.

Sestayo sinalou que a resolución do Goberno de Feijóo de recortar no Plan Concertado –plan que recibe investimentos estatal e autonómico para financiar os servizos sociais nos concellos- supón “a morte das políticas sociais municipais”. Implica ademais “un ataque a traizón” aos concellos, que xa fixeron o gasto anticipado para estes servizos e que non recibirán o mesmo que gastaron, e sobre todo “abandonar aos que mais o necesitan”.

Recalcou que “sen Plan Concertado non hai políticas sociais municipais” e lembrou que a través deste os concellos sufragan os programas de emerxencia social como axuda no fogar para dependentes ou de atención aos anciáns. Sinalou ademais que mentres o Goberno central mantén o investimento, a Xunta recorta este ata o 80%.

Puxo exemplos concretos, como no caso do Consorcio de Ordes, onde o investimento pasará dos 80.000 euros aos 9.000, ou os de Amoeiro e Lugo, onde os recortes serán do 93 e o 74 por cento respectivamente.

“Estes recortes drásticos evidencian o que Feijóo e a dereita queren facer coas políticas sociais”, sinalou, á vez que incidiu no abandono do Goberno galego ás persoas dependentes, “que levan máis de dous anos e medio esperando a que a Xunta resolva os expedientes de axuda á dependencia, e que suplían este retraso coa axuda a domicilio dos concellos. Agora non teñen nin unha cousa nin outra”.

Apuntou que este “ataque á xugular das políticas sociais” fai ademais perigar preto de 3.000 postos de traballo, entre coidadores de axuda a domicilio, monitores do tempo libre, psicólogos e educadores sociais.

Resistencia activa
Sestayo e García anunciaron a “resistencia activa do PSdeG por todas as vías”. Estas accións incluirán a solicitude de comparecencia da conselleira de Traballo para que expliquen o Parlamento os recortes, e a presentación de iniciativas parlamentarias.

Ademais, os socialistas galegos presentarán mocións e solicitarán plenos extraordinarios en todos os concellos, mentres que os alcaldes socialistas emprenderán as accións legais oportunas contra esta resolución, ao entender que vulnera a legalidade. Os voceiros municipais nos concellos gobernados por outras formacións instarán aos alcaldes a facer o mesmo.

Estas accións completaranse coa petición dunha convocatoria urxente do Consello Federal da Fegamp, a fin de adoptar medidas a través deste organismo.

Pablo García sinalou que “o PSdeG non descarta ningún tipo de acción, e non plantexamos ningunha outra solución que non sexa que Feijóo dea marcha atrás e pague o que lle debe aos concellos”.

García afondou en que esta decisión da Xunta chega dous días despois de que Feijóo participase nun almorzo no que garantiu a blindaxe das políticas sociais. “Non se pode ter máis caradura, porque cando dixo iso xa estaban enviadas as resolucións aos concellos comunicándolles os recortes”.

“Cada vez que Feijóo garante algo e se fai responsable de algo, os galegos e galegas temos que botarnos a tremer”, apuntou, á vez que afirmou que para os socialistas “non hai debate sobre este tema, a xente precisa dunha administración ao seu lado, e non imos permitir este machetazo frontal á esencia da administración, que está para axudar aos que máis o necesitan”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar