"Estamos preparados para dar unha alternativa política a este país, fronte a un Feijóo que decidiu aliñarse con Rajoy"

"Estamos preparados para dar unha alternativa política a este país, fronte a un Feijóo que decidiu aliñarse con Rajoy"

"Estamos preparados para dar unha alternativa política a este país, fronte a un Feijóo que decidiu aliñarse con Rajoy"


O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, emprazou hoxe a Feijóo a pedir unha convocatoria urxente do Pacto do Obradoiro, a fin de aclarar os prazos de execución do AVE a Galicia, e a comparecer no Parlamento galego para explicar o seu “silencio clamoroso” ante a suba de impostos do Goberno de Rajoy.

Tras a xuntanza da Permanente do PSdeG, Vázquez afirmou que Feijóo “declinou a súa responsabilidade para resolver os problemas dos galegos e galegas e decidiu aliñarse con Madrid, con Rajoy e co PP”. “Nos seguimos pensando en Galicia e en gobernar este país”, dixo, e “temos homes e mulleres magnificamente preparados para dar unha alternativa política”.

Criticou así a “suba de impostos sectorializada da dereita”, onde “o 70 por cento vanno pagar os traballadores e traballadoras, mentres un 30 por cento se aplica ás rendas do capital e o IBI”. Lamentou pola contra a “ausencia clamorosa” de medidas sobre as grandes fortunas e o imposto de sociedades.

A esta “mala noticia” que deixa un “panorama desolador” para Galicia, engadiu a “paralización completa das infraestruturas”, nas que incluíu non só o AVE e a as obras da rede viaria, senón un recorte de preto de 30 millóns de euros para innovación e desenvolvemento.

Facendo tempo
“Ante a isto, Feijóo e a ministra de Fomento decidiron calar, imitando a Rajoy, e non comprometerse con este país”, lamentou, á vez que se preguntou “onde quedou aquel presidente que cada semana, cada día e cada hora pedía ao Goberno central o cumprimento dos compromisos con Galicia”.

Considerou “un insulto a Galicia” que Feijóo e Ana Pastor digan que presentarán unha axenda de prioridades nos próximos meses, e utilizou un símil futbolístico para afirmar que o Goberno galego está “facendo tempo ata que remate o partido, neste caso a lexislatura”.

“Facer tempo é unha perda de tempo”, afirmou, á vez que lembrou que “miles de mulleres e homes deste país necesitan unha loita activa conta o desemprego e blindar os seus servizos públicos”.

“Feijóo fixo un remendo no Goberno galego” dixo, “mentres mantén a un conselleiro de Industria que ten a Galicia encabezando o número de EREs de España, e a unha conselleira de Traballo que segue sen aportar ningunha solución mentres a nosa comunidade bate récords de desemprego”.

Convocatoria do Pacto do Obradoiro e comparecencia no Parlamento
Fronte a isto, o PSdeG “forzará a maquinaria da política galega” e esixirá a Feijóo que compareza no Parlamento para explicar “por que pasou tres anos dicindo que a suba de impostos era mala para Galicia e agora mantén un silencio clamoroso cando esta é a primeira medida do Goberno de Rajoy”.

Os socialistas galegos emprazarán tamén a Feijóo a pedir ao Goberno central a convocatoria urxente do Pacto do Obradoiro “para dicirlle aos galegos e galegas a verdade sobre o AVE”. “Non valen os xogos malabares nin escapar á realidade. Se queren parar o AVE que llo digan claramente a Galicia”, sinalou.

Congreso Galego
A Permanente da Executiva do PSdeG tamén aprobou a designación das 19 persoas que encabezarán os grupos de traballo que elaborarán a Ponencia Marco para o Congreso Galego que terá lugar no mes de marzo. Serán os encargados de coordinar a preto de 150 persoas que traballarán neste documento base, que se complementará coas propostas das agrupacións locais e que recollerá “as inquedanzas da sociedade galega e do PSdeG”.

Pachi Vázquez explicou que a Ponencia Marco será “o cerne do proxecto no que cremos os socialistas galegos” e que estará destinado “nun 90 por cento a ser útiles aos cidadáns, e nun 10 por cento a actualizar, revitalizar, reconstruír e reforzar a nosa organización política”.

Así, os grupos de traballo estarán centrados fundamentalmente na reactivación económica, a innovación e a creación de emprego; a defensa dos servizos públicos; o medio ambiente, rural, mariño e o territorio; a emigración, e a “adaptación e transformación do noso partido cara a sociedade”, con especial fincapé no autogoberno, a política local e o desenvolvemento estatutario.

Respecto á postura do PSdeG no Congreso Federal, Vázquez afirmou que “a clave é o respecto ás bases” e salientou que “a primeira obriga da dirección é falar pouco e escoitar moito”.

Alternativa política para Galicia
Preguntado pola posibilidade dun adianto electoral en Galicia, Pachi Vázquez destacou que “o PSdeG está absolutamente preparado para cando Feijóo queira convocar”.

“Feijóo xa mandou a mensaxe de que estamos en minutos de desconto, ‘minutos basura’. Para el serán minutos basura pero nos temos mais ilusión e gañas que nunca”, dixo, á vez que engadiu que “se Feijóo decidiu pasarse a Madrid, nos seguimos pensando en Galicia e en gobernar este país”.

“Que ninguén se confunda. O PSdeG é un partido que debate sen ningún tipo de complexo, pero temos mulleres e homes magnificamente preparados para dar unha alternativa política”, concluíu.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar