O PSdeG denuncia “premeditación e alevosía” no peche da bolsa de aluguer por parte da Xunta

O PSdeG denuncia “premeditación e alevosía” no peche da bolsa de aluguer por parte da Xunta

O PSdeG denuncia “premeditación e alevosía” no peche da bolsa de aluguer por parte da Xunta

A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carmen Cajide, denunciou o peche da Bolsa de Aluguer por parte da Xunta “con premeditación e alevosía” deixando catro días de Nadal –só un deles hábil- para inscribir novos pisos. Considera esta “manobra maquiavélica” como a busca de “falsa coartada” para xustificar un peche “inxusto e insolidario”.

Cajide explica que a Xunta abriu o 30 de decembro a convocatoria de subvencións para vivendas subscritas á Bolsa de Aluguer, e só catro días máis tarde anunciaba o peche ata o mes de maio. A parlamentaria socialista considera “insultante” que o Executivo teña deixado só catro días, dos cales só o de Fin de Ano é hábil, co que, dixo, “busca un fracaso calculado” dificultando a incorporación de novas vivendas.

A parlamentaria socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que Feijóo “recapacite” e manteña aberto “na súa totalidade” o Programa Aluga, que fora reforzado durante a pasada lexislatura. Dixo que o presidente da Xunta “contará co noso apoio e lealdade para impulsar as políticas de vivenda pública” que ata o momento cualifica de “fracaso”.

Sinala que é “falso que existan pisos que ninguén queira”, tal e como anuncia a Xunta, porque “o Estado destina cada ano 48,5 millóns de euros para que 19.000 mozos e mozas se beneficien dos 210 euros mensuais da Renda Básica de Emancipación para aluguer. Dixo que “non falta demanda, o que falta é a xestión do Goberno galego, e falta o compromiso electoral de Feijóo de complementar con 100 euros a Renda Básica de Emancipación”.

Engadiu que o conselleiro de Infraestruturas, que conta coas competencias na materia, “empeza o ano incumprindo o seu compromiso asumido días antes no Parlamento para manter as liñas de axuda existentes no marco da política de vivenda”. Lamentou esta nova mostra de “desprezo” coa política de vivenda logo de deixar sen executar o 26 por cento do Plan de Vivenda ou recortar as axudas á rehabilitación nun 67 por cento.

Cajide contrastou a actuación da Xunta, que reduce á metade os fondos do Instituto Galego de Vivenda e Solo, co incremento das partidas do Estado para vivenda pública en Galicia en 19 millóns de euros para este ano, cando xa leva investido en Galicia 430 millóns de euros dende 2004 en materia de vivenda.

Goberno central

A responsable de Vivenda do Grupo Socialista salientou o compromiso do Goberno Central coa vivenda pública, ao comprometerse a manter a Renda Básica de Emancipación –máis de 47 millóns de euros-, as partidas para rehabilitación -14 millóns-, a urbanización de solo e vivenda -2 millóns de euros-, as axudas ao aluguer de colectivos vulnerables -2,7 millóns de euros-, ou o mantemento de xanelas de información -un millón de euros-.

Cajide sinalou que mentres a Renda Básica de Emancipación beneficia a máis de 19.000 mozos e mozas, o mantemento da axuda estatal ao pago de aluguer afecta a 700 familias, e o Plan Renove de rehabilitación enerxética beneficia a 5.355 familias, e o incremento de ata 567 familias nas axudas para compra de vivenda usada.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar