O PSdeG denuncia no “Día de acción pola saúde da muller” a grave vulneración que suporá a reforma da Lei do Aborto do PP sobre este dereito fundamental

O PSdeG denuncia no “Día de acción pola saúde da muller” a grave vulneración que suporá a reforma da Lei do Aborto do PP sobre este dereito fundamental

O PSdeG denuncia no “Día de acción pola saúde da muller” a grave vulneración que suporá a reforma da Lei do Aborto do PP sobre este dereito fundamental

O PSdeG advirte que a aplicación da Lei do Partido Popular provocará que moitas mulleres que non teñen recursos acudan a clínicas clandestinas cuns riscos para a saúde dificilmente calculables

O Partido Socialista de Galicia (PSdeG), a través da súa área de Igualdade, quere denunciar, co gallo da celebración nesta xornada do Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller, a “grave vulneración” que o anteproxecto de reforma da Lei Orgánica de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE) terá sobre este dereito fundamental para as mulleres.

A este respecto, o Partido Socialista, que entre outras accións informativas, divulgativas e de participación en plataformas de defensa do dereito ao aborto, está a desenvolver unha campaña de recollida de sinaturas para pedir á Unión Europea que declare o 1 de febreiro –data na que tivo lugar o Tren da Liberdade–¬ Día Europeo dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos das Mulleres, insiste na necesidade de garantir este dereito, que se verá agredido con consecuencias que poden chegar a ser dramáticas.

De feito, a aplicación da Lei que o Partido Popular de Mariano Rajoy quere aplicar provocará que moitas mulleres que non teñen recursos acudan, dada a práctica prohibición de interromper o seu embarazo, a clínicas clandestinas cuns riscos para a saúde dificilmente calculables.

Nos escasos supostos nos que se permita o aborto coa reforma, este terá que facerse –polos infinitos trámites que se esixirán- nun momento do embarazo máis avanzado do que se está a facer na actualidade, co conseguinte incremento dos riscos. E iso por non falar da saúde psicolóxica, que se verá tamén moi afectada se esta “contrarreforma” finalmente é aprobada.

O PSdeG esixe unha vez máis, aproveitando esta data, que o Partido Popular retire dun xeito inmediato a reforma dunha lei que “foi froito dun amplo consenso e que está a funcionar malia os atrancos que está a poñer o PP no seu desenvolvemento” e, neste sentido, pediu que dita lei orgánica de 2010 sexa aplicada na súa totalidade, comezando pola prevención e educación sexual, “fundamental para que non se produzan embarazos non desexados e, polo tanto, consigamos evitar o ter que acudir á súa interrupción voluntaria”.

A Secretaría de Igualdade subliña que as mulleres son as máis prexudicadas cos recortes do PP en sanidade, como está a acontecer coas mamografías ou coa case eliminación do sistema público de saúde da reprodución asistida, ademais de ser as máis afectadas polo repago dos medicamentos por ser as que teñen menos ingresos e, polo tanto, pensións máis reducidas.

Hai que lembrar que a decisión de proclamar o 28 de maio como Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller foi tomada na reunión de integrantes da Rede Mundial de Mulleres polos Dereitos Sexuais Reprodutivos realizada ao rematar o V encontro Internacional sobre saúde da muller, en Costa Rica, en maio de 1987.

Dende entón, conmemórase o Día Internacional de Acción pola Saúde da Muller co propósito de reafirmar o dereito á saúde como un dereito humano das mulleres ao que deben acceder sen restricións ou exclusións de ningún tipo, e a través de todo o seu ciclo de vida.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar