O PSdeG denuncia a “incapacidade” de Feijóo e o conselleiro de Economía de explicar no Parlamento a situación do Igape

O PSdeG denuncia a “incapacidade” de Feijóo e o conselleiro de Economía de explicar no Parlamento a situación do Igape

O PSdeG denuncia a “incapacidade” de Feijóo e o conselleiro de Economía de explicar no Parlamento a situación do Igape

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, denunciou hoxe a “incapacidade manifesta” do presidente da Xunta e o conselleiro de Economía para dar conta no Parlamento da situación do Igape logo da imputación do seu presidente na Operación Campión. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces na que o PP rexeitou a comparecencia do conselleiro no Pleno da próxima semana.

O responsable socialista esixiu á Xunta unha explicación sobre a situación do organismo e as compensacións e medidas previstas para resolver o “claro desgoberno” logo da retirada das competencias dos seus dirixentes. Lamentou que o conselleiro “segue sen dar a cara nin ofrecer unha soa explicación boa nin mala sobre a súa situación” nin ofrecer “unha soa alternativa coherente para garantir a dinamización económica”.

Criticou que a Xunta non tome decisións sobre o organismo mentres o índice de produción industrial de Galicia redúcese o dobre que a media do Estado. A única consecuencia, dixo, foi incrementar o número de altos cargos a pesares dos anuncios de austeridade.

Sinalou que mentres co goberno socialista o director xeral do Igape tamén presidía Bic Galicia e Xesgalicia, Feijóo ven de nomear a María Teresa Cancelo á fronte do primeiro e a Javier Aguilera Navarro no segundo co que a súa austeridade tradúcese en que “ten a tres altos cargos facendo o traballo que antes facía un só”. Engadiu que Feijóo “ten hoxe ao seu director xeral do Igape imputado por irregularidades na concesión de axudas”.

Abrir a porta á privatización

Neste sentido, anunciou que o presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, preguntará ao presidente da Xunta pola intención amosada de “abrir a porta aos procesos privatizadores e aos recortes” da sanidade pública. Dixo que Feijóo “terá que explicar qué sucede co Sergas, coa aplicación do copago e do financiamento público – privado dos novos hospitais e centros de saúde e o seu sobrecuste.

Losada criticou que Feijóo prepare a privatización dos servizos públicos xa que mentres exhibe de maneira “obscena” superávit orzamentario Rajoy promete recortes no Estado do Benestar. Dixo así que no debate da Lei de Disciplina Orzamentaria do próximo Pleno os socialistas amosarán a necesidade de control de gasto, e tamén que “non nos gusta onde e cómo aplica os recortes e incrementa o gasto” Feijóo.

Explicou que “non se pode anunciar recortes e ao mesmo tempo confirmar que hai cartos porque anuncia superávit orzamentario”. Criticou que a “política ultraliberal” que amosa o presidente da Xunta que “recorta os servizos públicos” pero sempre apoia aos “sectores empresariais cando necesitan apoio público” provocando a “redución progresiva da calidade dos servizos públicos dos galegos e das galegas”.

Iniciativas

Os socialistas centrarán as iniciativas do próximo Pleno na dinamización económica e o emprego e nas consecuencias do discurso político do PP de austeridade e recortes de servizos. Así, en primeiro lugar presentarán unha moción para a constitución dunha Comisión de Seguimento das infraestruturas da Xunta e a aprobación do Plan Director de Estradas.

Tamén será debatida unha interpelación sobre a actuación da Xunta con relación aos lumes forestais e a valorización do monte galego, unha Proposición non de Lei para garantir a protección dos hipotecados así como o aluguer a familias desafiuzadas. Finalmente, levarán ao Pleno unha Pregunta oral sobre o recorte de dereitos dos traballadores e as traballadoras afectadas pola cláusula S-698.

Con relación á austeridade e os recortes, os socialistas presentarán unha moción sobre o “recorte brutal” de axudas ás bibliotecas, unha interpelación sobre a supresión do seguro colectivo de accidentes do mar ou unha proposición non de Lei para garantir o apoio aos comedores xestionados polas Anpas.

Os socialistas tamén preguntarán á Xunta polo recorte de axudas aos libros de texto e o control dos procesos de licitación do Ministerio de Fomento mentres o Executivo rexeita expoñer as licitacións da súa competencia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar