O PSdeG critica que Feijóo “teña tempo para ir facer turismo político a Cuba pero non para acudir a Ferrol a ofrecer solucións” ao naval

O PSdeG critica que Feijóo “teña tempo para ir facer turismo político a Cuba pero non para acudir a Ferrol a ofrecer solucións” ao naval

O PSdeG critica que Feijóo “teña tempo para ir facer turismo político a Cuba pero non para acudir a Ferrol a ofrecer solucións” ao naval

Méndez Romeu sinala que durante as manifestacións do domingo no naval o presidente da Xunta “adoutrinaba aos seus para cambiar as regras electorais e que lle beneficien mais”

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, criticou que Feijóo “ten tempo para ir facer turismo político a Cuba pero non para acudir a Ferrol a ofrecer solucións ao naval”. Na sesión de control do Parlamento ao presidente da Xunta, o responsable socialista reclamoulle sen éxito que presente algunha “estratexia de activación ou idea concreta” para recuperar a industria.

Méndez Romeu afeoulle ao presidente da Xunta que viaxe a Cuba “sen axenda, prefiro pensar que non será para repartir aguinaldos”, logo de ter destruído 50.000 empregos na industria galega, un de cada catro dos 200.000 que había cando chegou á Xunta en 2009. Dixo que Galicia encabeza o ránking de destrución de emprego industrial con 1.900 ERE´s e tódolos subsectores afectados pola perda de emprego.

Sinalou así que a produción industrial diminuíu un 9 por cento con relación a 2009, mentres o sector da madeira perdeu o 30 por cento dos empregos, a confección o 28 por cento, o da construción de material electrónico un 37 e a maquinaria un 22 por cento. Criticou que o valor engadido bruto diminúe continuamente dende 2009 e o crecemento das exportacións “non foi de abondo para paliar a caída”.

Naval

O responsable socialista situou o naval como o exemplo “mais elocuente” do fracaso da xestión de Feijóo, cunha perda do 45 por cento dos empregos. Lembrou que o día da toma de posesión do actual presidente da Xunta o naval galego contaba cunha carteira de pedidos de 100 buques por 8.000 millóns de euros, mais da metade do sector en todo o Estado –Informe de A Economía Galega 2008-.

Cinco anos despois, o naval é “un ermo industrial con cero pedidos”, e mentres Asturias e o País Vasco gañan peso Galicia desaparece sen que Feijóo teña acadado “nin un só contrato”. Cualificou a alianza con Pemex para construír os floteis de “verdadeiro folletín político” que culmina 18 meses despois “coa venda da metade dun estaleiro privado” e “nin carga de traballo nin futuro garantido, agardamos que teña mellor final que NGB”.

“Nunca na historia de Galicia careceron as gradas de barcos”, lamentou Méndez, como está a suceder agora, logo de cinco anos de xestión de Feijóo na Xunta. Dixo que “logo de cinco anos non caben promesas nin herdanzas, o que temos é o resultado da súa xestión”.

Navantia

Considerou ademais “abraiante” a actuación da Xunta e do PP con relación a Navantia, por canto “en lugar de ofrecer solucións maniféstanse”, en alusión á protesta organizada polo PP esta fin de semana diante do seu propio goberno, “que sería para rirse si a situación non fora tan dramática”. Reclamoulle que axude aos traballadores a chegar á Moncloa, “a onde vostede non quere ir”.

Lembrou que Navantia depende directamente do ministro de Facenda e do presidente do Goberno, co que Feijóo “sabe a qué número chamar, pero enreda porque hai eleccións á vista. Dixo así que “non é cuestión de directivos mediocres nin de contas de resultados segregadas, poden destituílos cando queiran porque teñen maioría absoluta”.

Acusou ao presidente da Xunta de “non querer que Navantia funcione”, e por iso “acaban de deixar pasar a oportunidade de construír os barcos de Gas Natural” que esta empresa retirou de Galicia para encargárllelos a Asia, así como “van regalar NGB a cambio de nada”.

Regras electorais

Méndez Romeu afeoulle ao presidente da Xunta que cando o pasado domingo todo Ferrol protestaba nas rúas, pedindo traballo, Feijóo “á mesma hora estaba adoutrinando aos seus para cambiar as regras electorais de xeito que lle beneficien mais” na xunta directiva rexional do seu partido.

Advertiu que a realidade é do goberno de Feijóo está “retratada nas contas” de Economía, do Igape, os orzamentos do goberno ou os indicadores de actividade económica “con nulos resultados, cativos compromisos de investimento, cifras mínimas pero infinitas declaracións”.

Criticou que a resposta de Feijóo sexa que “todos son culpables agás vostede, o comisario Europeo -Almunia-, o anterior goberno de España e agora Navantia e os seus directivos”, e esixiulle que “logo de cinco anos de xestión ten que ser a lo menos serio” e presentar “algunha idea concreta para recuperar o sector industrial en Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar