O PSdeG cre que o orzamento é "inxusto socialmente" e "ineficaz economicamente"

O PSdeG cre que o orzamento é "inxusto socialmente" e "ineficaz economicamente"

O PSdeG cre que o orzamento é "inxusto socialmente" e "ineficaz economicamente"

Intervención do portavoz socialista, José Luis Méndez Romeu, no pleno de debate dos orzamentos:

Sr. Presidente, Sra. Conselleira:

Ven vostede de facer unha extensa presentación en defensa do proxecto de lei de orzamentos que presenta o goberno. Sintetizo nunha frase a valoración que fai o Grupo Socialista: son inxustos socialmente e ineficaces economicamente. Máis adiante detallarei as razóns desa calificación.

Agora quero suliñar que a suma de inxustiza social e ineficacia económica produce regresión. Con estes orzamentos retrocedemos moitos anos no benestar das persoas, moitos anos no crecemento económico que necesitamos.

Nin as tramposas presentacións mediáticas, nin as análises sobre indicadores parciais, poden ocultar a verdade: que estes orzamentos non se corresponden co gravísimo momento no que viven a maior parte das familias e das empresas do país. Dende agora anúnciolle a nosa proposta de devolución do proxecto de lei e petición dun novo texto que atenda ás necesidades das persoas e da economía do país, que sexa viable e garanta emprego e crecemento.

Algúns datos básicos que corroboran esa afirmación. Cos orzamentos que vostedes veñen aplicando dende hai cinco anos, Galicia:

- Ten 114. 400 persoas paradas máis. Mes a mes, na EPA e no paro rexistrado, os datos desmontan as súas opinións. Nomeadamente no sector industrial onde téñense destruído 50.000 empregos, a cuarta parte dos que existían cando o Sr. Feijóo tomou posesión como Presidente. Máis no orzamento, como en anos anteriores non hai atisbo de políticas activas contra o desemprego. Mesmo as contías consignadas baixan un 9% sobre o ano anterior; e acumulan un 60% de recorte durante o seu goberno. De verdade, non poden facer nada máis?, non teñen máis ideas que desenvolver?

- O endebedamento da Comunidade acada niveis históricos, 10.000 millóns de euros, máis outros tres mil millóns que están disfrazados nos contratos do Hospital de Vigo e nas peaxes na sombra de distintas obras públicas. Unha pesada lousa que durante 30 anos pagarán as xeracións futuras, mermando a súa liberdade para facer fronte ás necesidades do seu tempo.

- Malia tímidas rebaixas fiscais que agora anuncian, o goberno Rajoy ten incrementado as principais figuras impositivas para as rendas medias e baixas, como son o IVE, o IRPF; e vostedes, dende o goberno autonómico, os impostos especiais así como numerosas taxas e o prezos públicos. Aumentos impositivos que non redundaron na promoción do emprego nin no crecemento económico.

- Os recortes de dereitos e prestacións na sanidade e no ensino son brutais. Aínda no 2014 volverán a recortar máis a sanidade, como anuncian a cotío, con novas medidas privatizadoras. Tamén recortarán o ensino coa lei Wert, mentres anuncian a redución das pensións. Este orzamento non vai a corrixir o deterioro dos servizos sanitarios, nin da igualdade de oportunidades, nin da calidade de vida das persoas maiores, aspectos todos que hoxe están peor que o día que vostedes tomaron posesión. Hai perspectiva dabondo para afirmar que vostedes están deixando irrecoñecible o sistema público de benestar.

Sr. Presidente e Sra. Conselleira: non hai motivos para o optimismo, lamentablemente. Coñecemos as cifras macroeconómicas, non queremos enredarnos inutilmente con elas. Nos últimos días os principais comentaristas coinciden na análise: “As cifras da economía financeira non se están trasladando á economía real”. A meirande parte dos galegos, non están na elite do Sr. Botín, nin das empresas do IBEX, nin das multinacionais. Esas son as sociedades que teñen grandes beneficios. Que non se traducen en creación de emprego nin en crecemento real. Ben polo contrario, estase incrementando a desigualdade co segmento dos máis ricos e poderosos, como principais beneficiarios da crise. Ese parece ser o principal colectivo para quen traballan a Xunta do Sr. Feijóo e o goberno do Sr. Rajoy.

Para a meirande parte das familias non hai motivos de optimismo. Con salarios minguantes, somos a Comunidade española con maior baixada salarial, con precariedade, ou sen emprego, os beneficios da economía financeira non chegan á microeconomía familiar. Como non chegan ás empresas pequenas e medianas que non teñen acceso ó crédito. Empresas que polo seu tamaño ou perfil non van a ser exportadoras, nin innovadoras. Dificilmente se atoparán incluídas nos prognósticos optimistas da Xunta, que non comparten os principais organismos internacionais de referencia.

A reforma laboral que destruíu tantos empregos en Galicia, recortou dereitos e salarios pero non conseguiu crear emprego. Coa reforma laboral houbo 4000 ERE´s en Galicia que afectaron a 44000 traballadores, máis da metade deles no sector industrial. Hoxe o 20% dos traballadores están sen convenio colectivo. Os custos salariais son dos máis baixos de España e aínda así a destrución de emprego continua. E o número de fogares con todo os membros en paro, é o máis alto da historia, un de cada dez fogares. Un prezo social terrible que identifica a súa política.

A reforma financeira non facilitou crédito ás empresas nin ás familias. A fusión das Caixas de Aforros, tan necesaria como ambiciosa en palabras do Presidente , derivou na venta e próxima desaparición da última entidade financeira galega , cun previsible novo recorte de emprego e o probable abandono financeiro para moitos pobos galegos. Nin caixas, nin banco galego, nin emprego, nin crédito.

Señora Conselleira, vostedes van compartir coa súa antecesora o dubidoso honor de ter liquidado, literalmente liquidado, o sistema financeiro galego; seguindo as directrices do Sr. Feijoo. Non é estraño que a Sra. Currás non quixera volver ó escenario do crime, e comparecer na comisión de investigación, paralizada por vostedes. Sería difícil soster hoxe, coa contundencia dos feitos coñecidos, a montaxe das auditorías de conveniencia, xenerosamente pagadas. Mentres foron útiles, eran rigorosamente secretas; agora están nas papeleiras. Clara metáfora do seu valor. Paralelamente, a Comisión de investigación permanece bloqueada dende hai catro meses.

Quizás o Sr. Presidente teña hoxe a amabilidade de contestar a unha pregunta da que ninguén quere ser destinatario: Por qué a Comisión de investigación sobre as Caixas de Aforros está paralizada dende hai catro meses? Igual que a Comisión de prevención da corrupción. Por qué teme tanto o debate Sr. Presidente?. Teme o debate e teme os documentos. Pode repetir a mesma escusa mil veces pero o certo é que vostede non contestou aínda á solicitude de documentación na que pedimos relación de tódolos contratos asignados polo SERGAS que vostede dirixía entre 1993 e 1998. Vostede non permite que se coñeza a verdade. Prefire usar a súa privilexiada posición para atacar a quen discrepa, confiando na xenerosa acollida mediática, antes que cumprir o mínimo deber democrático de rendición de contas.

Volvamos ó orzamento. Si de verdade houbera esperanza, luz no final do túnel, sería momento de retirar a reforma das pensións e o copago dos medicamentos hospitalarios. Non o farán. A crise é a escusa. O seu obxectivo é un progresivo desmantelamento do Estado de Benestar en beneficio do mercado. A igualdade que representaban os grandes servizos públicos, está arrumbada para dar paso a sistemas discriminatorios pola posición social das persoas.

CADRO MACROECONÓMICO

A análise minuciosa do proxecto de lei, produce desazón. O cadro macroeconómico resulta incrible. Gustaríanos estar equivocados. Pero sería a primeira vez que acertaran nos últimos cinco anos. Si vostedes tiveran acertado nas previsións dos últimos orzamentos, Galicia tería medrado en mais de dous puntos do PIB, e o paro sería a metade do real.

Tamén sorprende que agora se prevea polo goberno galego un crecemento do PIB superior á estimación de xullo pasado, no teito do gasto. Pero tal aumento se traduce nun recorte de 65 millóns de euros respecto do gasto autorizado entonces polo Parlamento. Un aumento do PIB superior aos 110 millóns de euros, debería reflectirse na estimación de gasto, pero resulta o contrario. No orzamentos prodúcese un recorte respecto ao gasto fixado fai catro meses nesta mesma Cámara.

O aumento do PIB baséase tamén nun aumento do consumo polos fogares, estimado en dúas décimas; cando para ao 2013 está sendo negativo no - 2,5 %. Coa redución que sofren a maioría das familias galegas nos seus ingresos (pensionistas, empregados públicos, boa parte das persoas empregadas; moitos autónomos e pequenos empresarios, etc.), non é probable que tal previsión se vexa cumprida.

Outra das compoñentes do PIB, o gasto público diminuirá para o 2014 en relación ao exercicio actual nun – 13 %, o que significará novos recortes das administracións públicas, fundamentalmente da Xunta de Galicia.

Esa baixada do consumo non pode ser compensada polas exportacións. A balanza comercial no último trimestre publicado, representa un 1´6% do PIB. Cun notable incremento sobre anos anteriores, pero absolutamente insuficiente para compensar a caída da demanda interna.

Numerosos expertos coinciden en que non pode haber recuperación económica e creación de emprego sen dúas premisas:
a) Reducir a presión impositiva e os recortes salariais para recuperar o consumo.
b) Trasladar a consolidación fiscal ó crecemento económico en lugar dos recortes intensivos.

Vostedes están no camiño contrario e os resultados son contundentes: máis paro que nunca, menor crecemento, máximo endebedamento e un futuro incerto. Só pode afirmarse con seguridade que a maior parte dos mozos vivirán moito peor que os seus pais.

PROGRAMAS DE GASTO

Os programas de gasto reiteran as liñas de exercicios anteriores malia o seu fracaso.

Así:

Esquecen a loita contra o paro principal problema do pais pese a que existen 163.300 ocupados/as menos e 114.400 parados/as mais dende que Feijoo é Presidente. Sen financiamento, sen políticas activas, sen preocupación do goberno. Xa o anticipaban rexeitando unha proposición deste grupo no pasado Debate do Estado da Autonomía, para aprobar un Plan de Emprego. No orzamento non se contempla ningunha nova medida relevante e as súas dotacións son escandalosamente reducidas.

Mentres que seguen endebedando a nosa comunidade de xeito alarmante.
O gasto en débeda pública para o 2014 (amortizacións e gasto financeiro) multiplica por once todos os programas para a promoción do emprego en Galicia e supera o de calquera outra outra función ou programa da Xunta de Galicia, excepto o de Sanidade. A débeda , que era inferior ao 7% do PIB no 2009, superará o 17 %, preto dos 10.000 millóns de euros, para o 2014. O mesmo presidente Feijoo que prometeu non gastar nin un euro máis dos que ingresara, leva gastados, en base ao aumento de débeda pública, 6.000 millóns de euros de máis; e outros 3.000 millóns de euros adiados que deberemos pagar durante os próximos 30 anos como consecuencia das concesións de obras públicas. A débeda per cápita medrou un 111% en cinco anos. Un exemplo insuperable de pésima xestión.

Resulta curioso con estes datos que o goberno galego defenda que Galicia é mais solvente a medida que ten maiores débedas.

Falando de débeda, hai unha curiosa polémica suscitado polo ministro de Facenda, cando afirma que se ten pagado un custo suplementario de 88 millóns de euros,por no utilizar os mecanismos financeiros do Ministerio. O certo é que a precipitación na emisión de débeda por parte da Xunta de Galicia para o 2013, tivo custos. A emisión de novembro foi a tipos do 2´75% e as de principio de ano a tipos preto do 6%. Daquela era previsible que os tipos baixarían. A Xunta non fixo unha boa operación. Ineficiencia, unha vez mais.
Os orzamentos presentados reafirman, consolidan e agudizan os recortes sociais

- Os recortes acumulados dende o ano 2009 en gasto social (basicamente sanidade, educación e políticas sociais) durante os gobernos Feijóo, alcanzarán os 4.016 millóns de euros.

- O peso do gasto total social sobre o total do orzamento baixou un 12 %. No ano 2009 representaba mais do 70 %, do orzamento e no 2014 apenas chegará ao 62 %. Redúcense as cifras absolutas e redúcese o peso no orzamento. Vostedes recorren a un artificio presentando o gasto social como fracción do gasto non financeiro. Acaso non se pagan a amortización da débeda e os xuros cos ingresos fiscais?
- No orzamento aparecen múltiples recortes, incluso respecto as xa rebaixadas partidas de gasto do ano anterior:

- Sanidade (- 21 millóns de euros);
- Educación – 20 millóns de euros, pese ao novo “ingreso” por copago en comedores);
- Vivenda (- 17 millóns de euros);
- Actuacións ambientais (- 15 millóns de euros);
- Promoción do emprego ( - 19 millóns de euros);
- Dinamización do medio rural (- 20 millóns de euros);
- Pesca (- 30 millóns de euros),
- Comercio ( - 3 millóns de euros),
etc...

- Destaca un descenso de 55 millóns de euros (unha terceira parte do total do ano anterior) para desenvolvemento empresarial, cun IGAPE en pleno retroceso. Un organismo que só xestiona unha cuarta parte dos recursos que tiña hai catro anos, cando debera constituír unha auténtica panca de apoio ós sectores produtivos . En lugar de prever recursos, presentan artificiais leis de suposto apoio ao emprendemento, baleiras de contido.

Os orzamentos paralizan os gastos produtivos e de fomento ao crecemento.

- Os investimentos son os menores dos últimos quince anos. Con respecto ao ano 2009 supoñen unha rebaixa do 58 %; e retroceden un – 4,7 % respecto ao ano anterior. Unha terceira parte dos investimentos son “gastos inmateriais”, que en moitas ocasións encubren gastos na propia administración galega.

- Doutra banda os investimentos e transferencias de capital da Xunta de Galicia teñen moito de virtuais. No ano 2012 só se executaron o 59%, deixando sen executar 848 millóns de euros. De novo mala xestión. Ademais deixaron adiados 835 millóns de euros en pagos, comprometendo gravemente en moitos casos a liquidez das empresas.

- Unha situación que non mellora: en agosto do ano actual o nivel de obrigas recoñecidas nestes capítulos de gasto mais produtivo era de tan só 30%. Dun orzamento de 1.919 millóns de euros, estaban sen comprometer en agosto mais de 1.130 millóns de euros. Están vostedes minimamente comprometidos coa recuperación da crise?. Sr Presidente, Sra. Conselleira, algo máis de eficiencia e de responsabilidade, por favor.

- A ratio investimento/débeda pública que se situaba no 2009 no 3,7, descende para o 2014 a 0,3, o que equivale a unha redución do 92 %. Xa non nos endebedamos como no pasado para investir, senón que este goberno o fai para pagar gastos correntes e de funcionamento da administración. E cada vez nunha maior proporción.

- O que non falta é a propaganda. Por exemplo o chamado “Fondo do crecemento”; que non é máis cunha burda manipulación dos programas xa existentes, adscritos dende o ano pasado a esta nova denominación con fins propagandísticos, pero sen novo contido real. E segundo a propia documentación orzamentaria, a propia Xunta de Galicia, para o 2013 prevé un grao de execución, medida polo “compromiso” do gasto do 94%. Pero si medimos a execución polo parámetro comunmente aceptado de “obrigas”, se quedaría nun 41 % . Noutros termos, se deixarían sen executar 236 millóns de euros sobre un total de 386 millóns de euros.

Non podo entrar por falta de tempo nas consecuencias da aprobación da Lei de reforma de Administración Local, actualmente en trámite nas Cortes Xerais. Pero compre subliñar que o posible traspaso das políticas sociais representa necesidades financeiras de preto de 300 millóns de euros anuais, que non figuran no texto.

INGRESOS

A posición do Grupo Socialista estaría incompleta sen analizar a rúbrica dos ingresos. A recadación gravita dun xeito fundamental nas rendas salariais medias e baixas, con moi pouca progresividade. Un sistema inxusto e ineficiente que se agrava ademais ca fraude fiscal. Diante da caída dos ingresos a Xunta recorreu á recortes brutais, nos servizos básicos e a un endebedamento excesivo. Practicamente non abordou ningunha medida para aumentar os ingresos propios, dentro dos límites competenciais existentes . Sobre o Plan contra a fraude fiscal que di levar a cabo a Xunta, non hai datos contrastados nin coñecidos no Parlamento.

No orzamento para 2014 reprodúcese un sistema no que:

- Non grava con mais impostos os que teñen maiores ingresos ou grandes patrimonios, nin a grandes empresas como as entidades bancarias.

- Aumenta a regresividade de sistema impositivo, polo aumento dos impostos indirectos de 90 millóns de euros, fronte a un aumento de 25 millóns de euros nos directos gravando a tódalas persoas e familias por igual, independentemente do seu nivel de ingresos.

- Introducen bonificacións fiscais moi cativas . Os novos beneficios fiscais por IRPF ascenderán na súa totalidade a 19,1 millóns de euros (aproximadamente un 1 % sobre os 1.717 millóns de euros do ingreso previsto por este concepto para 2014).

- Pese a afirmar que o aumento do céntimo sanitario sería para aumentar o gasto sanitario en tal contía de 53 millóns de euros, o gasto en sanidade se ve novamente recortado en 20,6 millóns de euros respecto ao ano anterior. Ao tempo que non se garante nin a devolución da totalidade do aumento deste tributo , nin para o conxunto dos empresarios do sector do transporte.

Dentro dos tributos con incidencia nos ingresos autonómicos, o maior aumento prodúcese no IVE e nos impostos especiais (que gravan ao conxunto da poboación independentemente dos seus ingresos). Se verán incrementados en 266 millóns de euros.

Consecuencia do modelo de financiamento e da caída da recadacións, recibiremos tamén menos do Estado. A partida correspondente a transferencias polo sistema de financiamento, volve a ter unha caída de case que 350 millóns de euros respecto ao ano anterior. Se evidencia a necesidade de negociar canto antes un novo sistema de financiamento, tal e como reclaman outras CCAA. A posición tan digna do Presidente Feijoo no marco suntuoso do Hotel Ritz non se compadece coa negativa a propoñer nesta Cámara unha posición de partida que mesmo poida ser consensuada. Quero subliñar a disposición deste Grupo Parlamentario a considerar o financiamento autonómico como unha cuestión estratéxica para o país na que deberíamos tentar aunar criterios e superar divisións partidarias, pois a posición de Galicia é feble fronte a outras Comunidades.

Señora Conselleira, Sr. Presidente , están carentes de ideas a este respecto? Van tentar o consenso desta Cámara?
Esta situación dos ingresos se agrava cando observamos - ao marxe do sistema de financiamento autonómico - as chamadas subvencións finalista do Estado, que son un 50 % menos que co anterior goberno de España. Daquela vostedes criticaban estas transferencias do Estado por escasas, preto dos 500 millóns de euros; agora calan e se conforman coa metade daquela cifra.

Vostedes rexeitan pedir un esforzo fiscal adicional ás rendas máis altas; non contemplan novas fontes de ingresos que veñen utilizando outras comunidades autónomas, renunciando a obter uns ingresos adicionais. O exemplo mais elocuente o vimos no imposto sobre os depósitos bancarios.

Na emenda transversal que debateremos esta tarde, propoñemos mobilizar 555 millóns de euros do orzamento, o 5´4%, mediante reaxustes de gasto e maiores ingresos derivados dunha fiscalidade progresiva sobre tramos máis altos da tarifa autonómica do IRPF, sobre o imposto de Patrimonio e sobre o Imposto de Sucesións e Doazóns. Tamén coa revisión doutros impostos autonómicos.

Co obxectivo de abordar o que vostedes esquecen no proxecto de lei: emprego, apoio ós sectores produtivos, mellora dos servizos públicos

PECHE

Como dixen anteriormente o seu Goberno non é serio no cumprimento dos seus propios obxectivos. Por exemplo no PLAN ESTRATÉXICO DE GALICIA 2010-2014, do que este Proxecto orzamentario se afasta aínda máis que os anteriores.

A diferenza entre o orzamentado realmente e as previsións do Plan, representa un 20% menos, acadando para o 2014, 2.400 millóns de euros. E para o período 2010 – 2014, 7.300 millóns de euros. Si se compara o Plan Estratéxico co nivel de execución, o desfase supera os 10.000 millóns de euros. En poucas verbas: de cada 100 euros planificados, 20 desaparecen na elaboración do orzamento e 13, aínda figurando nos orzamentos, non chegan a ser executados.
E si atendemos ós indicadores previstos no Plan, a radiografía é desoladora:

- a taxa de desemprego de longa duración triplicouse
- aumentou a desigualdade na distribución da renda
- baixou o PIB per cápita en catro puntos
. así como o gasto en PIB
- a renda dispoñible nos fogares, etc

Triste epílogo dunha planificación artificial, irreal e orientada á propaganda.

A responsabilidade cos cidadáns obríganos a denunciar as contas que presenta o goberno.

Non son contas para saír da crise.
Non dan resposta ós principais retos.
Non son cribles nas súas previsións.
Con este proxecto de orzamento a situación dentro dun ano será a lo menos igual ou probablemente peor que hoxe.
Como hoxe é peor que cando o Presidente tomou posesión.

En consecuencia, non poden ter o noso voto favorable.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar