O PSdeG considera a política laboral de Feijóo "suicida para o país"

O PSdeG considera a política laboral de Feijóo "suicida para o país"

O PSdeG considera a política laboral de Feijóo "suicida para o país"

Méndez Romeu alerta que a Xunta divide á metade os recursos para formación de desempregados mentres duplica o número de parados

Repróchalle ao presidente da Xunta que responsabilice á EPA do datos de emprego e lembra que foi reformada o mes pasado polo goberno de Rajoy

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo hoxe no Pleno do Parlamento que a política de impulso económico e de creación de emprego de Feijóo resulta “suicida para o país”. Na sesión de control ao presidente, advertiu que a Xunta dividiu á metade os recursos para formación de desempregados ao tempo que duplicou o número de parados.

Méndez Romeu criticou a “actitude patética” de Feijóo ao responsabilizar á EPA duns datos de emprego non satisfactorios ao mes seguinte de ser reformada polo goberno de Rajoy. Lamentou a “frivolidade na crítica e laxitude nas decisións de goberno” mentres tanto a EPA como os datos de paro rexistrado “certifican o absoluto fracaso do seu goberno na loita contra o desemprego e a favor da ocupación”.

Explicou que “a realidade é que os parados medran e os ocupados baixan, e a culpa non será da EPA, algo terá que ver o pasotismo diante do paro” por parte dun presidente que mentres os parados duplícanse, dende 2009, o investimento en formación de desempregados redúcese á metade. Lembrou que o investimento desta partida pasou de 365 millóns de euros en 2008 a 135 en 2013.

Ademais, advertiu que por cada novo parado que suma Feijóo, hai 15 afiliados menos á Seguridade Social, xa que dende que comezou a última lexislatura o paro rexistrado subiu en 2.300 persoas mentres desapareceron 35.600 afiliados á Seguridade Social. Estes, dixo, “renunciaron a inscribirse, emigraron, traballan en negro ou desistiron de buscar emprego”.

Hoxe, dixo, os mozos e mozas “votan cos pés” e marchan de Galicia ao non atopar un emprego, cando “os únicos traballos en Galicia son como autónomo ou a tempo parcial para actividades estacionais de baixa cualificación”. Ademais teñen que enfrontarse a un panorama laboral no que os novos traballadores estables, un 9 por cento, están menos protexidos, e os temporais, o 91 por cento, “moitísimo menos protexidos”.

O portavoz socialista acusou ao presidente da Xunta de “destruír o futuro de moitísimas persoas” mentres “cumpre co mandato” de Rajoy e os empresarios que piden salarios reducidos, menor salario mínimo e despedimentos mais baratos. Dixo que Feijóo “respalda a liquidación do Estado do Benestar” ao tempo que concede “mais poder para os empresarios e menos dereitos para os traballadores”.

Falla de criterio

Méndez Romeu utilizou o desleixo do goberno galego na política laboral e os seus cambios con relación á reforma xudicial para evidenciar a “falla de criterio” do presidente da Xunta. Dixo que “Rajoy quere liquidar os partidos xudiciais e vostede cede obedientemente, un día quere que queden 4, outro 7 e onte votan que non desapareza ningún”.

Reprochoulle a Feijó que malia as súas habituais visitas a tertulias nos platós madrileños “non ten voz propia” na capital, onde demostra que “non ten ningunha relación co goberno de España que non sexa de obediencia e submisión”. O portavoz socialista lembrou o exemplo acuñado por Rubalcaba, cando sinalou que o presidente da Xunta pasou de ser un tigre de Bengala contra Zapatero a emitir hoxe “un suave ronroneo”.

Advertiu que “non se coñece ningunha xestión súa en defensa das familias e dos sectores mais vulnerables”, engadiu que “nada propón e para nada o escoitan”. Sen embargo, puntualizou, si que se coñece que “calou diante da reforma laboral que impón rebaixas salariais, perda de dereitos e redución das prestacións” e o seu respaldo á liquidación do Estado do Benestar.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar