O PSdeG confía nunha maior participación nas Europeas, que representan a oportunidade de censurar a través do voto as políticas de Rajoy e Feijóo

O PSdeG confía nunha maior participación nas Europeas, que representan a oportunidade de censurar a través do voto as políticas de Rajoy e Feijóo

O PSdeG confía nunha maior participación nas Europeas, que representan a oportunidade de censurar a través do voto as políticas de Rajoy e Feijóo

A secretaria de Organización, Pilar Cancela salientou que a cidadanía está máis concienciada sobre a influencia das institucións da UE e a diferenza entre contar cunha maioría socialdemócrata ou outra de corte neoliberal
 
Os socialistas centran o traballo parlamentario no crecemento económico, a loita contra o desemprego e a defensa dos servizos sociais e os dereitos e liberdades. Cancela contrapuxo estas preocupacións polos problemas reais co anuncio do PP de levar o recorte de deputados ao primeiro pleno, “un tema que só preocupa a Feijóo e ao PP”
 
O PSdeG anunciou o seu apoio ao Tren da Liberdade e á convocatoria de concentración do 1 de febreiro en Madrid contra a lei do aborto promovida por Gallardón
 
Cancela cualificou de “irresponsable” a ligazón na memoria do texto lexislativo entre incremento de natalidade a través da lei e o crecemento económico

 
A secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela afirmou hoxe, na rolda de prensa para dar conta dos temas abordados pola Executiva Nacional, que as europeas constitúen “unhas eleccións moi importantes porque os galegos e as galegas levábamos dous anos sen poder manifestarnos politicamente, a través do voto e trátase da oportunidade de poder avaliar as políticas que leva a cabo Mariano Rajoy e das que está facendo aquí Feijóo e o Partido Popular”.
 
A dirixente socialista está convencida de que “a participación, ante esta situación, vai ser superior”. Argumenta a número dous dos socialistas galegos que o interese expresado polos cidadáns de manifestar as súas inquedanzas respecto a si está de acordo ou non coa situación socioeconómica fará que se supere o pouco máis do 40% de convocatorias anteriores.
 
Salientou ademais o cambio na percepción da cidadanía sobre “a influencia no día a día” das decisións que se toman nas institucións europeas, “estase a crear a conciencia de que non é o mesmo que haxa unha maioría socialdemócrata en Europa que unha de corte neoliberal, porque o resultado vese de xeito evidente”.
 
A Executiva do PSdeG foi informada dos acordos da Interparlamentaria celebrada o pasado sábado. Pilar Cancela salientou tres eixos de traballo. O crecemento económico, a loita contra o desemprego, “preocupación maioritaria da cidadanía” e a reivindicación e defensa dos servizos públicos e dos dereitos e liberdades, “que considerábamos logo de tantos anos de loita consolidados, pero vemos que non”.
 
Contrastou estas propostas de traballo para o novo período de sesións, centradas nas “preocupacións reais da xente” cos intereses do Goberno galego e do PPdeG, que anunciaron como temas fundamentais para o vindeiro pleno da Cámara galega a redución de deputados e a publicidade patrimonial dos parlamentarios. “A redución de deputados é un tema que preocupa e ocupa permanentemente ao Presidente da Xunta e ao PP pero non é a preocupación das galegas e dos galegos, vemos cal é a preocupación de uns e de outros”, dixo.
 
A secretaria de Organización do PSdeG anunciou a participación, apoio e colaboración dos socialistas galegos co  Tren da Liberdade e coa concentración convocada para o 1 de febreiro en Madrid para pedir a retirada do anteproxecto de lei do aborto.
 
Cancela cualificou de “irresponsable” a ligazón na memoria do texto lexislativo entre incremento de natalidade a través da lei e o crecemento económico.  “Pensamos que pouco ten que ver unha cousa coa outra”, engadiu. Esta lei “o que ten é unha fonda carga ideolóxica”, asegurou e advertiu que aínda que agora parece que retrocede “por temor a que o impacto social que está a ter lles prexudique nas eleccións”, os populares retomarán a iniciativa porque “é un obxectivo ideolóxico”.
 
Respecto ao concello de Ourense, a dirixente socialista reiterou o apoio da dirección do PSdeG ao alcalde de Ourense. “O alcalde de Ourense contou co voto de confianza desde o primeiro momento e niso non mudou a situación”, anunciou tamén que “mañá é un día importante, hai reunión do grupo municipal”, neste sentido Cancela dixo estar “convencida de que os compañeiros e compañeiras van cumprir coas súas obrigas como esta Executiva lles conminou desde que tomou un acordo nese sentido”.    

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar