O PSdeG censura que Feijóo vaia ser o único en aplicar os repagos da sanidade

O PSdeG censura que Feijóo vaia ser o único en aplicar os repagos da sanidade

O PSdeG censura que Feijóo vaia ser o único en aplicar os repagos da sanidade

Carmen Acuña, portavoz de Sanidade, critica a crueldade dos populares, que só retiran o repago de ambulancias e próteses polo medo a perder a maioría, como indican as enquisas

Reclama que se volva a implantar o convenio de ortopróteses que tiña a Comunidade galega, que contiña un copago máximo de 35 euros , e retiren o sistema de endose, do que quedaron fora as pequenas ortopedias e afasta dos usuarios o comercio de proximidade

Demanda de Mosquera unha solución para os nenos con axenesia, xa que as próteses que lle indica o centro de referencia de Cataluña non se atopan no catálogo do Sergas

Pide explicacións á conselleira sobre o peche por sucidade de quirófanos no CHUS. Pregúntase Acuña si se pode seguir defendendo que a privatización do non asistencial non inflúe na prestación asistencial

A portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Carmen Acuña, afirmou hoxe, en rolda de prensa, que o barullo organizado polo Goberno, os dirixentes do PP e a propia Secretaria deste partido, Dolores de Cospedal, cos repagos vai servir para “sacarlle a careta ao Presidente Feijóo”.

Acuña citou que no caso dos fármacos de dispensación ambulatoria os propios baróns do PP que gobernan na súa comunidade teñen presentado recursos ante os tribunais e ata propia Dolores de Cospedal se ten negado a aplicar este repago, enfrontándose ao ao partido do que é Secretaria Xeral e ao seu Goberno do Estado.

A portavoz de Sanidade socialista censurou que Feijóo “andaba ás carreiras por ser o primeiro en impoñer ese repago” que Acuña cualifica de “miserable, inútil e innecesario”. Advirte que pode ser “o único que aplique esta medida”. Parece que é “máis sensible á dor da cidadanía Cospedal que Feijóo”, dixo a deputada, que denuncia que Galicia pode ser a única comunidade que cobre por unhas medicinas que se dan só para doenzas graves como a esclerose lateral amiotrófica (ELA), a hepatite ou o cancro.

Detecta unha contradición entre os argumentos da Xerente do Sergas, asegurando que a medida non tiña que ver co aforro, e as declaracións no Parlamento de Feijóo dicindo que o diñeiro se destinaría a investimento en renovación tecnolóxica.

Se como di a Xerente do Sergas se trata de garantir a equidade no acceso e a homoxeneidade en todos os doentes á marxe da comunidade na que viva, Galicia non debera se a única en implantar a medida porque “non sería nin equitativo nin homoxéneo, sería cruel”.

Respecto á retirada do repago das ambulancias, da manutención enteral e do material ortoprotésico, demostra que a súa imposición non se debía a cuestións económicas, senón por razóns ideolóxicas. “Non se trataba de sostenibilidade senón de “ir destrozando o sistema público pouco a pouco para logo poder substituílo por un sistema privado.

Desta maneira se entende, explica Acuña, que digan que se retiran estes copagos pola mellora da economía “cando acaban de recortar, un ano mais, o que destinan a gasto sanitario”. A portavoz de Sanidade recorda que hai pouco que se aprobaron os Orzamentos da Comunidade, que neste área se reduciron en 35 millóns de euros.

Acuña denuncia que tras a retirada destes recortes se atopan as enquisas. Ao PP “non lle importou que houbese protestas na rúa, nin as folgas dos profesionais, nin as advertencias sobre o deterioro na atención, nin a baixa da esperanza de vida ou as reprimendas do CES e do Consejo de Estado”, o que alertou aos populares “foi a posibilidade de perder a maioría”. “Son tan crueis que non lles importa o sufrimento da xente o único que lles preocupa é manterse no poder, e por iso só reaccionan ás enquisas”.

Carmen Acuña reclamou que en Galicia se repoña o convenio sobre ortopróteses que Feijóo, escudado nos recortes e nos copagos , deixara sen vigor. Segundo este acordo, mantíñase un copago máximo de 35 euros. Na actualidade, a Xunta deixou sen efecto este convenio para impoñer un novo sistema, o endose, consistente e que o doente reclame ao Sergas o importe da prótese e unha vez cobrada, dispoña o pago da mesma á ortopedia que a serviu.

Isto está a provocar graves problemas de acceso a próteses a veciños de vilas medias e pequenas, xa que os pequenos comerciantes non podían asumir as condicións do acordo.

Acuña do Campo demandou da Conselleira de Sanidade unha solución para os nenos que nacen con algunha axenesia de membros, que se habitualmente se derivan ao centro de referencia de Cataluña, que recomenda próteses non incluídas no catálogo galego.

Finalmente anunciou a solicitude de comparecencia de Rocío Mosquera para clarexar o que ocorreu recentemente nos quirófanos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, CHUS. A obriga de pechar algún deles por mor da ausencia de hixiene ao tomarse a decisión de suprimir o acondicionamento do aire supón, segundo a deputada, “unha oportunidade para defender a privatización dos temas non asistencias non afecta á prestación asistencial”, ironizou a portavoz socialista de Sanidade.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar