O PSdeG acusa a Feijóo de “enganar á cidadanía” con “falsas críticas á reforma do aborto” mentres no Parlamento a apoia co seu voto

O PSdeG acusa a Feijóo de “enganar á cidadanía” con “falsas críticas á reforma do aborto” mentres no Parlamento a apoia co seu voto

O PSdeG acusa a Feijóo de “enganar á cidadanía” con “falsas críticas á reforma do aborto” mentres no Parlamento a apoia co seu voto

Carmen Acuña sinala que a Lei do PP “anula ás mulleres” e “da a medida dun goberno machista e reaccionario” que volve “aos anos do franquismo”

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, acusou a Feijóo de “enganar á cidadanía” con “falsas críticas á reforma do aborto” mentres a apoia co seu voto no Parlamento. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do PSdeG-PSOE para reclamar a retirada da Lei de Rajoy que prohibe a interrupción voluntaria do embarazo.

A deputada socialista acusou ao presidente da Xunta de ofrecer unha “moderación ficticia” agochada detrás do seu “cinismo político” xa que demostra que “non está disposto a respectar que sexa a muller a que decida sobre a súa maternidade e sobre o seu corpo”. Sinalou que mentres “presume de moderado nos platós” financia ás asociacións provida con 888.976 euros e lexisla seguindo o ditado da Rede Madre a favor da familia.

Sinalou que “a cidadanía non quere ter un goberno así de machista e reaccionario” que criminaliza o aborto regresando “30 anos, aos abortos na clandestinidade e sen garantías dos anos do franquismo” cunha normativa que “anula ás mulleres”. Engadiu que a Lei “anula o dereito das mulleres a decidir, e no colmo do retroceso ideolóxico e científico ata impide o aborto nos casos de malformación”.

Acuña puntualizou que “non é un goberno democrático converter en delito para todos o que só é pecado para algúns, ou quitarlle ás mulleres o dereito a decidir sobre o seu corpo para contentar aos bispos”. A deputada socialista apunta que “para o PP as mulleres non somos capaces carecemos de discernimento, polo que temos que ser tuteladas polo Estado en temas tan íntimos como os que abranguen ao noso útero”.

A portavoz de Igualdade criticou o “empecinamento” do PP por reformar a Lei de 2010, actualmente en vigor, e que “non está provocando ningún problema nin disfunción, e ten servido para reducir o número de abortos ao facer prevención e educación sexual”. Dixo que o PP ten presa por reformar a norma por “medo” a que o Tribunal Constitucional desbote o recurso imposto por eles mesmos á norma aprobada por Zapatero.

Consenso

A deputada socialista desmentiu que a Lei do aborto de 1985 fora aprobada con consenso, tal e como afirma Feijóo, porque a realidade é que Alianza Popular, o partido matriz do actual PP, “se opuxera á mesma e xa a levara aos tribunais”, cun recurso rexeitado polo TC. Sinalou que “consenso é o que hai agora na defensa da Lei de 2010”.

Engadiu que actualmente hai consenso “sobre o dereito a decidir das mulleres, para condenar unha maternidade imposta como unha forma de crueldade e de violencia contra as mulleres ou para rexeitar unha reforma que nos coloca no século pasado”.

Apelou finalmente ao consenso “contra unha reforma que volve a diferenciar entre mulleres ricas e pobres, nunha sociedade na que as ricas, as únicas que ve Feijóo, son as que poderán ir abortar ao estranxeiro pagando viaxe e clínica, mentres as pobres volverán ao perexil ou ao método sor María, tendo fillos para dárllelos aos ricos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar