O PPdeG sostén a un Valedor que representa ao goberno en lugar de ao pobo

O PPdeG sostén a un Valedor que representa ao goberno en lugar de ao pobo

O PPdeG sostén a un Valedor que representa ao goberno en lugar de ao pobo

María José Caride lamenta que o PP rexeite incluír no próximo Pleno a remoción do Valedor polo incumprimento das súas obrigas argumentando a “intensidade” da sesión

Pachi Vázquez preguntará a Feijóo na sesión de control pola ausencia de medidas para a reactivación económica e do emprego por parte da Xunta de Galicia

A viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, María José Caride, criticou que o PP sosteña ao actual Valedor do Pobo que “en realidade representa ao Goberno” poñendo o “interese partidista por riba do interese cidadán”. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces na que o PP rexeitou incluír no Pleno a remoción do actual titular da oficina polo incumprimento das súas obrigas.

Caride salientou que o PP está a dar “cobertura á declaracións do Valedor” a favor dos recortes nos servizos públicos e en contra dunha Lei da Dependencia “vital para moitos e moitas dependentes” en Galicia. Criticou que o PP rexeitara este punto coa escusa da “intensidade” do Pleno, e explicou que “os deputados socialistas non temos ningún problema en dedicarlle mais horas e mais días a tratar cuestións sociais prioritarias”.

Dixo que a realidade é que o actual titular da Oficina do Valedor foi unha proposta de Feijóo na pasada lexislatura respaldada por unanimidade “en prol da vontade de consenso e co respaldo maioritario da Cámara”. Sinalou que este nome foi unha proposta “directa” do actual presidente da Xunta, e revelou que mesmo xa tiña daquela “coñecemento persoal” de Benigno López.

A responsable socialista evidenciou que a día de hoxe o Alto Comisionado da Cámara autonómica carece do respaldo de socialistas e nacionalistas, que representan a mais da metade da sociedade logo de obter mais da metade dos votos nas pasadas eleccións autonómicas. Retou ao PP a “decidir si apoian aos intereses da cidadanía ou si mantén ao Valedor do Goberno”.

Pregunta ao presidente

María José Caride anunciou que o presidente do Grupo Socialista, Pachi Vázquez, dedicará a sesión de control ao presidente da Xunta á ausencia de medidas de impulso para a economía e o emprego de Galicia. Esta foi a decisión dos socialistas galegos logo de que Feijoó “de novo fuxa do debate e non queira dar a cara” renunciando a comparecer para dar conta da situación económica e do emprego nesta Comunidade Autónoma.

Sinalou que mentres Feijóo explica que Galicia “liderará a recuperación económica de España” tódolos datos indican o contrario, e aludiu aos datos de destrución de emprego, ou a que esta autonomía estea á cola na actividade turística, no Índice de Produción Industrial ou das exportacións. Reclamoulle ao presidente da Xunta que “explique en qué fundamenta os seus eslóganes que detrás non teñen nada”.

Caride criticou que as únicas aportacións do Grupo Popular sexa “poñer veliñas a santos ou facer rogos”, en alusión ás declaracións do portavoz deste grupo, Pedro Puy, que onte anunciaba que a súa proposta era “facer votos” para que o proxecto de NGB continúe sen subhastarse ao cen por cen.

Neste sentido, o próximo Pleno incluirá unha Interpelación para que a Xunta explique cal é o seu plan para garantir a viabilidade de NGB, unha proposición non de Lei sobre a continuidade dos promotores de emprego e unha pregunta oral sobre a situación da actividade do sector naval e o tax lease para Galicia.

Recorte de dereitos

A responsable socialista salientou que o PP rexeitou unha comparecencia da conselleira de Sanidade para dar conta dos recortes e da aplicación do copago, polo que presentaron unha interpelación sobre as consecuencias da xestión da Xunta para este servizo público básico e a aplicación do copago en función da renda.

En canto aos recortes en educación, os socialistas presentarán unha moción para que a Xunta non incremente as taxas universitarias e incremente substancialmente as bolsas de estudos. Tamén incluirán outra moción para que a Xunta garanta a cobertura aos servizos sociais atendidos en base ao Plan Concertado de Servizos Básicos.

A sesión plenaria da próxima semana incluirá tamén unha serie de iniciativas para quea Xunta dea conta da súa responsabilidade exclusiva “sen que poida botar balóns fora e externalizar as culpas”. Así, presentarán unha proposición non de Lei sobre a política de persoal do Igape e os numerosos casos de contratacións en base a vinculacións persoais “en contra do interese da cidadanía de Galicia”.

Tamén serán debatidas dúas preguntas orais sobre a actuación da Oficina de Inspección contra a Fraude da UE para investigar as irregularidades na Deputación de Ourense e o cambio de titular do concurso do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro para concedérllelo a unha empresa “con vinculación directa con membros do PP”.

jfdghjhthit45

32641281A

Artigos relacionados

Pechar