O PPdeG impide que Feijóo dea conta da corrupción do seu partido diante do pleno do Parlamento

O PPdeG impide que Feijóo dea conta da corrupción do seu partido diante do pleno do Parlamento

O PPdeG impide que Feijóo dea conta da corrupción do seu partido diante do pleno do Parlamento

Abel Losada critica o rexeitamento a unha comparecencia de Feijóo para abordar a corrupción e acúsaos de “meter –este problema- no armario e deixar que apodreza”

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou ao PP de impedir que Feijóo dea conta dos casos de corrupción que afectan ao seu partido diante do Pleno do Parlamento. Os socialistas galegos solicitaron hoxe a comparecencia do presidente da Xunta para abordar este problema, que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista dixo que Feijóo “debe dar a cara” e lamentou que o PP “en lugar de ofrecer unha reflexión política e afrontar estes casos decide metela no armario e deixar que apodreza” no que cualificou de “estratexia nefasta” por canto afecta á calidade de vida dos cidadáns e á percepción que estes teñen das institucións.

Puxo como exemplo a situación do concello de Santiago onde, logo de ano e medio de goberno, os casos de corrupción que afectan ao grupo de goberno fan que a súa credibilidade “se desmorone”, e mesmo o PP ven de recoñecer que “afectan á xestión”, malia o que “non moven ficha”. En opinión de Losada, o PP “antepón a súa supervivencia a aquilo para o que foron elixidos, que é gobernar”.

O portavoz socialista apuntou que “mais aló da dimensión ética resulta imposible levar a cabo unha boa xestión pública” nesta situación, o que deriva en “repercusións directas para a cidadanía”. Advertiu que estes casos prexudican a imaxe da política e posúen ademais unha “variable enormemente negativa en termos económicos” xa que “a transparencia e a confianza son dous valores económicos fundamentais”.

Industria

Losada explicou que os socialistas galegos centrarán boa parte das iniciativas do Pleno da próxima semana na situación da industria galega, partindo da propia sesión de control, na que Pachi Vázquez preguntará a Feijóo sobre o impacto das medidas e leis adoptadas polo goberno sobre o tecido industrial galego.

O líder dos socialistas galegos quere un compromiso certo de Feijóo coa construción do dique flotante de Ferrol e reclama unha valoración sobre os “vaivéns normativos” que afectan ao sector das enerxías renovables. Os socialistas galegos esíxenlle ao presidente da Xunta unha “defensa férrea” dos intereses de Galicia fronte a un goberno de España centrado en “desmantelar o tecido industrial galego”.

Lembrou que Galicia perdeu na pasada lexislatura un de cada catro empregos do sector industrial, o que supón un “ataque verdadeiramente dramático á solidez económica de calquera territorio”.

O Grupo Socialista presentará tamén unha moción sobre o prezo da enerxía eléctrica, disparado polos sucesivos decretos e reformas lexislativas adoptados polo goberno central en contra das enerxías renovables e a favor das cinco grandes empresas eléctricas.

Tamén levarán unha interpelación para reclamarlle a Feijóo que impulse a creación de emprego e abandone un axuste fiscal que provocou 300.000 desempregados en Galicia, e unha proposición non de Lei en defensa do sector primario.

Servizos públicos

Os socialistas galegos defenderán unha moción para que o goberno galego abandone o “afán recadatorio depredador” da Lei de Augas, unha proposición non de Lei para que pare co seu ataque aos concellos, esta vez a través da eliminación do Plan Concertado de Servizos sociais.

Preguntarán tamén aos membros do goberno pola redución á metade dos médicos rurais nas localidades con menos de 1.200 cartillas da seguridade social e polo “engano sistemático e premeditado aos empregados públicos” ao negar unha redución salarial e comprometer a súa estabilidade.

Dixo que a Xunta incumpre este compromiso con “20.000 funcionarios afectados” polos seus recortes, o que “empeora a calidade dos servizos públicos e abre as portas á privatización”.

Losada criticou tamén a negativa do PP a unha proposta de resolución sobre os desafiuzamentos, cando considera “imprescindible” o apoio político aos afectados. Lembrou que a vivenda é un dereito constitucional, e apuntou que os afectados por estes casos adoitan ser as persoas mais desprotexidas.

Apuntou que a carga policial rexistrada onte na Coruña “demostra o talante, cal é a liña de actuación do goberno do PP, mentres manteñen as protestas afastadas para que os resultados dramáticos das súas políticas non se visualicen”. Reclamou que sexan “conscientes de que mais alá dos datos están as persoas” afectadas que mesmo están perdendo a vida.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar