O PP veta unha proposta para que o Consello de Contas fiscalice o Hospital de Vigo

O PP veta unha proposta para que o Consello de Contas fiscalice o Hospital de Vigo

O PP veta unha proposta para que o Consello de Contas fiscalice o Hospital de Vigo

Manifestación Hospital VigoO portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Relacións co Consello de Contas, Juan Carlos González Santín, lamentou hoxe o veto do PP á proposta do PSdeG para pedirlle ao Consello de Contas un informe específico sobre o Hospital de Vigo. Así o dixo na Comisión de Relacións co Consello de Contas, que aprobou unha proposta para solicitar un informe sobre os efectos da reforma da administración local sobre a economía dos concellos galegos.

O responsable socialista presentou esta proposta entre as recomendacións á Memoria de Actividades do ente fiscalizador correspondente ao ano 2014, para que analizara a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo “analizando tanto o proceso de construción e equipamentos como o funcionamento previsto durante a vixencia do contrato”, que suporá o desembolso de 1.500 millóns de euros de orzamento da Xunta.

González Santín propuxo poñer a lupa sobre o proceso de construción, equipamento e a xestión da infraestrutura, cedidos a unha empresa privada durante 20 anos, xa que “ao final non sabemos en qué se están a gastar os cartos públicos”. Alertou da “sensación de que multiplican os custes” para facer que unha infraestrutura que debía ser un motivo de alegría para Vigo “xera un rexeitamento público xeralizado”.

Os socialistas galegos rexeitaron unha proposta de transacción presentada polo PP para incluír unha análise do financiamento do Hospital dentro da fiscalización dos contratos de financiamento público – privado realizados polo goberno galego. Dixo que “o Hospital de Vigo merece unha fiscalización específica e non que se mencione de pasada dentro doutro informe”.

Ademais explicou que a proposta do PP sinalaba que o Hospital é público, “cando non é certo”, e ademais limitaba a análise á situación económica, excluíndo a calidade da prestación do servizo sanitario.

Administración local

A Comisión aprobou sen embargo a proposta de recomendación do Grupo Socialista para que o Consello de Contas informe sobre os efectos económico – financeiros que tivo para os concellos galegos a Lei 27/2013 que reformou a administración local e retiroulle aos concellos mais pequenos as competencias en materia de servizos sociais.

Advertiu que esta modificación “afectou aos servizos a prestar polos concellos” chegando a “comprometer os coñecidos como servizos impropios”, que eran xestionados polos gobernos municipais, e afecta á xestión de persoal por cando impide contratar persoal para atender os servizos sociais, que xa non son da súa competencia.

O PP rexeitou tódalas demais recomendacións presentadas polos socialistas galegos, incluíndo realizar un informe sobre o custe que asume Galicia polas colaboracións público – privadas, incluíndo o cálculo dos custes financeiros comparativos en relación co financiamento mediante débeda.

Advertiu que a Xunta utiliza este modelo de financiamento como alternativa á débeda pública, utilizando un financiamento “moito mais caro” pero que serve para “aparentar que cadramos as contas, cando a realidade é que pagamos moito mais, como sucede co Hospital de Vigo”. Os socialistas solicitaron tamén a fiscalización da contratación ou externalización de servizos pola Consellería de Sanidade.

Tamén rexeitaron a fiscalización sobre o control dos beneficiarios de axudas do Igape, sobre a adecuación á normativa das cláusulas de Responsabilidade Social Corporativa que figuren nos procesos de contratación, ou os contratos de publicidade e comunicación subscritos pola administración autonómica. O PP rexeitou tamén fiscalizar a Axencia para a modernización Tecnolóxica de Galicia en contra da proposta socialista.

Plans de Traballo

O PP rexeitou tamén 10 das 11 propostas de Resolución presentadas hoxe polos socialistas de Galicia dentro do debate dos plans de traballo correspondentes aos anos 2014 e 2015. Si que foi aprobada a proposta para que a Xunta mellore a transparencia con respecto aos fondos comunitarios previstos para o novo período de programación 2014 – 20.

O PP negouse a aprobar a Resolución socialista que lle pedía á Xunta a reducir as modificacións orzamentarias, que neste exercicio aumentaron nun 27 por cento o ano anterior, así como a instar ao goberno a “realizar unha boa xestión e execución orzamentaria, en especial no tocante a transferencias e subvencións”.

Tamén rexeitaron propoñerlle á Xunta cambiar a súa política de persoal de sanidade para “evitar a precarización que se levou a cabo no persoal público sanitario”, logo de que no ano anterior se deran de baixa 882 funcionarios e aumentaran en 529 o número de interinos e eventuais.

Tampouco quixeron pedir maior independencia e mellor planificación á Fegas, nin asumir as observacións incluídas polo Tribunal de Cuentas no seu último informe sobre o sector público autonómico, revisando o carácter das fundacións públicas sen capacidade de captación de recursos externos.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar