O PP veta unha proposta para impulsar a renovación xeracional dos autónomos

O PP veta unha proposta para impulsar a renovación xeracional dos autónomos

O PP veta unha proposta para impulsar a renovación xeracional dos autónomos

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, lamentou hoxe o veto do PP a unha moción socialista dirixida a pedirlle ao goberno galego que presente na Cámara autonómica un Plan de Fomento da Substitución Xeracional do Traballo Autónomo. Losada acusou ao goberno galego de “non facer nada” a favor destes traballadores.

Lamentou que as únicas propostas presentadas pola Xunta sexan un “Plan Estratéxico meramente continxente” limitado a agrupar as liñas de actuación xa presentes na Axencia Galega de Innovación e no Igape “cambiándolle o nome pero nada máis”. Neste sentido explicou que os 160 millóns de euros en actuacións anunciados pola Xunta “non están por ningunha parte nos Orzamentos” para este ano.

Criticou a falla de medidas para uns asalariados que “cotizan pola base mínima na terceira autonomía máis envellecida”, provocando un “resultado dramático en termos económicos”. Ademais, teñen que asumir a falla de financiamento por parte das entidades bancarias, un Igape que “non cumpre coa función para a que foi creado, e “retrasos e problemas de tesourería comúns para os pequenos establecementos”.

Puxo a desaparición de traballadores autónomos como mostra do fracaso das medidas anunciadas polo goberno galego, que reduciu a “o propio do PP, Publicidade e Propaganda”. Neste sentido, explicou que entre 2009 e 2017 Galicia perdeu un 6,5 por cento de traballadores autónomos, dez veces máis que a media estatal, que se sitúa no 0,6 por cento.

Criticou que o goberno galego rexeite actuar sobre a problemática específica deste sector, cun envellecemento moi forte, cun nivel de feminización máis alto que no resto de España, o que “se traduce nunhas pensións de xubilación máis baixas e maiores dificultades económicas”.

Iniciativa

Os socialistas reclamábanlle ao goberno galego que presentara en tres meses un plan de fomento da substitución xeracional do traballo autónomo, que “hoxe carece de ningunha medida explícita nos orzamentos da Xunta”. A proposta partía da elaboración dunha diagnose e análise da situación das actividades deste colectivo, e unha definición dos colectivos prioritarios.

Losada explicou que o goberno galego debe centrar os seus esforzos nos traballadores de máis idade co obxecto de garantir un relevo a favor de traballadores máis novos, dirixido a sectores prioritarios “que forman a estrutura comercial tradicional en cidades e vilas”.

Finalmente, propón medidas instrumentais, como son programas de mellora de capacidades e habilidades, un programa de segunda oportunidade para manter os incentivos e medidas de apoio para os emprendedores que teñan fracasado, e un programa de incentivos ao relevo xeracional.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar