O PP veta novas comparecencias na Comisión das Caixas

O PP veta novas comparecencias na Comisión das Caixas

O PP veta novas comparecencias na Comisión das Caixas

O portavoz do Grupo Socialista na Comisión das Caixas, Abel Losada, criticou hoxe o veto do PP a incluír novas comparecencias na Comisión das Caixas. Losada acusou ao PP de utilizar a maioría para agochar a responsabilidade do PP nas orixes da burbulla inmobiliaria no debate do Plan de Traballo da Comisión, que foi aprobado hoxe coa abstención do PSdeG.

Os socialistas solicitaran a presenza da ex conselleira de Facenda da Xunta, Marta Fernández Currás, que no seu día negouse a comparecer por ser secretaria de Estado de Facenda, ou ao ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, que tivo que comparecer por carta.

Losada solicitou ademais a presenza dos presidentes do FROB, da tamén ex conselleira de Facenda Elena Muñoz, ou do conselleiro do Tribunal de Contas encargado de auditar ás entidades.

O responsable socialista acusou ao PP de intentar agochar a responsabilidade dos gobernos de Aznar nos momentos de maior crecemento da burbulla inmobiliaria, ao impedir a presenza de Jaime Caruana, gobernador do Banco de España anterior a Fernández Ordóñez.

Lembrou que os anos de maior crecemento do crédito inmobiliario foron precisamente os oito anos de goberno de Aznar, cun crecemento por enriba do 10 e mesmo chegando ata o 20 por cento, para pasar a continuación a unha “taxa de variación cero” en 2009. Acusou así ao PP de ofrecer un “relato interesado sobre a xénese e estoupido da burbulla inmobiliaria” que parte unicamente do ano 2004, “coma se antes non houbera historia”.

Documentación

A Comisión si que solicitará sen embargo a documentación solicitada polos socialistas galegos, que inclúe os contratos de traballo asinados por José Luis Méndez con Caixa Galicia, e que lle garantiron unha “indemnización suculenta” logo de abandonar o cargo. Tamén reclamaron as comunicacións entre a Xunta e o Banco de España sobre as indemnizacións dos ex directivos.

Ademais, solicitan os informes de valoración de Nova Galicia Banco emitidos por Barklays, Ernst & Young e HSBC, a Due diligence realizada por PwC sobre estes informes para determinar o valor da entidade, e o caderno de venda encargado polo FROB a BNP – Paribas.

Tamén solicitaron os informes encargados polo FROB a McKinsey & Co. E a Nomura Internacional PLC para xustificar e desenvolver o proceso de venda da banca nacionalizada, e as propostas presentadas polo resto de participantes no proceso de compra. Finalmente, incluíron os expedientes enviados polo FROB á Fiscalía relativos ás operacións inmobiliarias de Caixa Galicia e Caixanova.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar