O PP veta no Parlamento permitirlle aos concellos reinvertir o seu superávit

O PP veta no Parlamento permitirlle aos concellos reinvertir o seu superávit

O PP veta no Parlamento permitirlle aos concellos reinvertir o seu superávit

A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou o veto do PP a unha proposición non de Lei socialista na que pedían que se permitira ás entidades locais reinvestir o seu superávit en 2017 sen necesidade de xerar ingresos polo mesmo importe.

Rodríguez Rumbo reclamoulle ao goberno que abra esta posibilidade máxime cando os concellos hoxe “están saneados, pagan en prazo e sen problemas a provedores e cumpren co obxectivo do déficit”. Esta mesma iniciativa, vetada polo PP na Comisión de Economía de hoxe, foi aprobada onte por unanimidade, incluíndo o voto do PP, na Xunta de Goberno Extraordinaria da Federación Española de Municipios e Provincias.

Acusounos de “limitar a autonomía das entidades locais para decidir por si mesmas qué queren facer cos recursos, xa de por si escasos, dos que dispoñen, aínda tendo superávit, debido á súa boa xestión”.

Rodríguez Rumbo lembra que a Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local, aprobada polo goberno “sen consenso, de forma unilateral e con criterios unicamente economicistas”, retíralle esta facultade aos concellos por “priorizar a estabilidade orzamentaria fronte ás necesidades das persoas”.

De feito, explicou, a débeda local chegou en 2016 ao obxectivo do 3 por cento fixado para 2020, con catro anos de adiante, a costa de “castigar ás administracións máis achegadas á cidadanía nos momentos máis duros da crise e cando a cidadanía máis o necesitaba”.

O PP vetou esta iniciativa a pesares de que os socialistas si que lles aceptaron unha emenda para pedir a revisión da regra de gasto en base aos criterios de estabilidade orzamentaria e de sostibilidade financeira das administracións públicas, que, esta si, foi aprobada.

Igualdade

Por outra parte, a portavoz de Economía e Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, presentou na Comisión de Economía celebrada hoxe no Parlamento unha proposición non de Lei para incorporar a perspectiva de xénero aos Orzamentos da Xunta, que foi vetada polo PP.

A responsable socialista lamentou a oposición do grupo que sustenta ao goberno, co que impiden así enfocar na perspectiva de xénero o documento político máis importante do Executivo. Rodríguez Rumbo fixo un chamamento a impulsar a “discriminación positiva en aras de acadar a igualdade”.

Sinalou que “facer un presuposto público dende unha perspectiva de xénero é involucrarse co obxectivo de igualdade efectiva entre homes e mulleres, é evidenciar a desigualdade existente e comprometer os recursos públicos para a súa eliminación”.

Os socialistas reclamaban así unha “estratexia gradual, sistemática e coherente na elaboración dos orzamentos dende unha perspectiva de xénero”, recoñecendo a diferente situación e necesidades de mulleres e homes e xerando unha “reflexión dinámica sobre igualdade e cambio” nos procesos de asignación de recursos.

Esta estratexia debería incorporar novos programas en cada exercicio, dixo, de forma que “no prazo máximo de seis anos todos sexan obxecto dunha avaliación sistemática” nesta perspectiva. Finalmente, reclamou unha comisión para a orzamentación por xénero dependente da Consellería de Facenda para poñer en marcha esta estratexia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar