O PP rexeita unha iniciativa para garantir protección sanitaria ás persoas sen recursos

O PP rexeita unha iniciativa para garantir protección sanitaria ás persoas sen recursos

O PP rexeita unha iniciativa para garantir protección sanitaria ás persoas sen recursos

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, criticou hoxe a “falla de corazón, humanidade e sentido común” por parte do PP, que rexeitou unha proposta do Grupo Socialista na Comisión de Sanidade para opoñerse a “calquera medida que supoña desprotección contra a enfermidade por limitación de recursos económicos”.

 

Acuña presentou esta iniciativa en resposta ao decreto 16/2012, que implanta o copago de medicamentos e que supón, dixo, “a fractura definitiva do modelo de prestación sanitaria dentro do sistema público de saúde de toda España”. Advertiu que o PP demostra así que “lle custa entender que hai persoas que ou comen ou pagan oito euritos nas farmacias” polos medicamentos.

 

Lamentou que ao PP “non lles importa que quede xente pola rúa sen atender por non ter cartos” e lembrou que o goberno “ten que preocuparse de quen non ten recursos, os triunfadores xa teñen recursos propios” como para non necesitar do apoio do goberno. Por iso, explicou, ten aprobado este decreto ao chegar ao goberno, concedéndolle á cidadanía “sobresaltos en forma de pagos, copagos ou repagos”.

 

Acusounos de “rematar co dereito” ao sistema sanitario, “transformando un dereito universal ligado á condición de cidadán e converteuno nun servizo” que é “mercantilizado”, co que agora “pódese pagar, comprar e vender”.

 

Asegurados

 

Explicou que “a perda da universalidade o liga só aos que teñen a condición de asegurados, cando estamos a vivir unha dramática e terrible crise económica” que converte o traballo nun ben escaso, con xente “sen recursos”.

 

Sinalou o caso “dunha amiga enferma de sida con dúas rapazas portadoras que se acaba de separar, non ten tarxeta sanitaria e ten que pagar antirretrovirais das tres e a medicación propia”, o alcohólico que vive na rúa dende que perdeu o seu traballo na banca ou o iraní doente grave de tuberculose que non quería entrar ao Centro de Saúde por carecer dos papeis.

Aborto

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, dixo hoxe que a reforma da Lei do Aborto anunciada polo PP “elimina os dereitos das mulleres”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo Socialista en contra desta reforma, que foi rexeitada polo PP na Comisión de Sanidade celebrada hoxe no Parlamento.

 

Acuña presentou esta iniciativa coincidindo coa celebración, o próximo día 28, do Día Internacional pola Despenalización do Aborto, e chamou á participación na mobilización que se celebrará en Santiago. Respaldou ademais o manifesto “asinado por homes e mulleres con sentido común” para recordar que as mulleres “somos persoas responsables, serias e iguais, con dereito a decidir sobre os nosos corpos e as nosas vidas”.

 

Dixo que o PP demostra que “a súa única preocupación é cumprir cun sector moi reaccionario da Igrexa que se opuxo á reforma e ao que hai que pagarlles que pediran o voto para o PP nas eleccións”. Por iso, dixo, anuncian unha reforma elaborada por un “misóxino” que “plantexa eliminar á muller, cuxa palabra, o seu desexo parecera que non vale nada, xa que defende que o fillo naza aínda que supoña perigo para a saúde da nai”.

 

Dixo que a Lei do aborto, aprobada en 1985, xa foi valorada polo Tribunal Constitucional, que “deixou claro que non se trataba de escoller entre os dereitos da nai e do nasciturus”, xa que “é a nai quen ten os dereitos fundamentais”. Logo da demanda social e os problemas evidenciados, explicou, os socialistas aprobaron unha nova Lei en 2010 “para asegurar a educación e a saúde”, e que agora “parece que pretende anular Gallardón”.

 

Acuña criticou a “presa tremenda” que ten o PP para presenta esta reforma antes de que o Tribunal Constitucional se pronuncie sobre o recurso que teñen presentado contra a nova Lei, unha decisión que, constatou, “xera divisións e diverxencias” dentro do mesmo PP, con deputados abandonando o Congreso nas votacións en contra do aborto.

 

Ademais, explicou que “está demostrado que prohibir o aborto non diminúe o número, senón que aumenta o risco de saúde, o sufrimento e o abandono nas mulleres, que teñen que abortar na clandestinidade e sen garantías sanitarias”.

 

Entorno

 

A parlamentaria socialista advertiu ademais que España “quere recortar e facer mais restritiva” a normativa do aborto, mentres dende a aprobación desta Lei “36 países liberalizaron o aborto”. Sinalou que “tódolos países avanzan” mentres o goberno de Rajoy e o PP van “ao revés”.

 

Finalmente, sinalou que o propio Consello Europeo ten recomendado aos estados membros da UE garantir o dereito ao aborto legal, garantido polo Estado, nunha práctica accesible e segura, despenalizando estas prácticas e amosándose a favor dunha Lei de prazos e recomendando a educación sexual. Sinalou que “a Lei de 2010 que quere derrogar o PP xa cumpría con estas recomendacións”.

 

Lamentou a negativa do PP a esta iniciativa, xa que “afirman que apoian a maternidade pero rexeitan a maternidade libremente decidida, co que só queren a imposta” e dixo que esta reforma “tan só crea un problema mais dos moitos que temos”.

 

A iniciativa socialista reclamáballe á Xunta “recoñecer o dereito a unha maternidade libremente decidida, o que implica, entre outras cousas, que as mulleres decidan sobre o seu embarazo e que esa decisión consciente e responsable sexa respectada”.

 

Tamén recórdalle ao goberno de España “a aconfesionalidade proclamada na Constitución, e neste sentido rexeitar calquera inxerencia no dereito a unha maternidade libremente decidida ao ditado de ningunha moral relixiosa”.

 

Finalmente, a proposta defendida por Acuña rexeita “a reforma da Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo anunciada polo ministro Gallardón e a regresión que iso suporía”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar