O PP rexeita propostas socialistas para impedirlle á Xunta adiar déficit e trampear as contas

O PP rexeita propostas socialistas para impedirlle á Xunta adiar déficit e trampear as contas

O PP rexeita propostas socialistas para impedirlle á Xunta adiar déficit e trampear as contas

O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, lamentou que o PP teña rexeitado, na Comisión do Consello de Contas celebrado hoxe, as recomendacións e propostas de resolución presentadas polos socialistas para impedirlle á Xunta adiar déficit dun exercicio orzamentario aos seguintes e pedirlle a este órgano fiscalizar o endebedamento do goberno de Feijóo.

O parlamentario socialista salientou que o PP vén de rexeitar hoxe unha serie de propostas de resolución presentadas polos socialistas ao informe de fiscalización da conta xeral da administración do exercicio 2009 para evitar o “trampeo” co déficit co seu adiamento artificial. Os socialistas reclamaran que a Xunta rexistre “todas as obrigas que corresponden ao propio exercicio, sen desprazalas ao seguinte”.

Sinalou que o executivo de Feijóo adiou xa en 2009 –o exercicio fiscalizado polo informe analizado hoxe- un total de 82 millóns de euros para o ano seguinte, “coa correspondente distorsión do déficit resultante”.

Advertiu que o PP tamén rexeitou unha proposta para que a Xunta “cumpra co legalidade” manténdose dentro da contía máxima de endebedamento permitida nos Orzamentos aprobados polo Parlamento. González Santín lembrou que o goberno galego presidido por Feijóo superou o límite de débeda autorizada en 2009 en 89 millóns de euros.

Tamén amosou a súa estrañeza pola negativa do PP a aprobar unha proposta de resolución dirixida a “mellorar os graos de execución e cumprimento do gasto público, dada a alarmante rebaixa que sufriron”, xa que si en 2008 a execución fora do 91,4 por cento, en 2009 reduciuse ao 87 por cento. Tamén votaron en contra da proposta para “rebaixar o preocupante número de modificacións orzamentarias producidas”.

Recomendacións

González Santín tamén lamentou que o PP teña rexeitado hoxe unha recomendación presentada polos socialistas, esta vez correspondente á Memoria de actividades do exercicio do ano 2011, na que reclamaban un informe de fiscalización específico sobre o endebedamento da totalidade do sector público da Comunidade Autónoma.

O parlamentario socialista lembrou que o Executivo de Feijóo elevou a débeda pública de Galicia nun total de 7.000 millóns de euros en só catro anos, cando, lembrou, dende a orixe da Xunta en Galicia ata 2009 o total acumulado fora de 5.000 millóns de euros. Dixo que “malia que entendemos que o endebedamento é necesario en época de crise, esta débeda ten que ter control.

Advertiu que mentres o gasto social aplicado polo goberno de Feijóo diminuíu un 2,81 por cento, dende o 70,55 por cento do orzamento en 2009 ao 68,42 por cento en 2013, a débeda pública aumentou un 226 por cento, pasando do 3,6 por cento ao 11,72 por cento do orzamento en 2013.

O PP tamén rexeitou hoxe unha Recomendación do Grupo Socialista para que o Consello de Contas realice un informe co obxecto de “verificar o grao de cumprimento sobre a publicidade e transparencia levadas a cabo nos distintos procedementos de contratación das entidades que conforman o sector público autonómico”.

Sinalou que as prácticas do goberno galego no tocante a conxuntar obxectos dispares nun mesmo contrato, o que na realidade restrinxe os posibles contratistas a “unha ou dúas empresas”, ou o fraccionamento excesivo do obxecto dos contratos, fai “necesario un informe específico” do Consello de Contas.

Recomendacións respecto da Memoria de actividades do exercicio do ano 2011 aprobadas hoxe

Recomendación nº1 (transaccionada)

O Parlamento de Galicia insta ao Consello de contas a seguir incrementando o esforzo de aproximar os seus informes á cronoloxía dos exercicios fiscalizados.

Recomendación nº2

O Parlamento de Galicia insta ao Consello de Contas para que, anualmente, inclúa na súa información, un balance específico sobre o nivel de cumprimento das recomendacións aprobadas por este Parlamento.

Recomendación nº3

O Parlamento de Galicia insta ao Consello de Contas a incluír nos planos anuais de fiscalización aquelas corporacións locais que, de xeito reiterado, incumpren a obriga de presentación das súas contas anuais.

Propostas de resolución ao informe de fiscalización da Conta Xeral de administración do exercicio 2009 aprobadas hoxe:

Proposta de Resolución nº 1

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dar cumprimento ás Recomendacións recollidas no Informe realizado polo Consello de Contas de Galicia.

Proposta de Resolución nº 2

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a axustar a estrutura da Memoria ao establecido no Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia, incluíndo os estados previstos na dita norma e conformando unha información suficiente que remate coas carencias observadas.

Proposta de Resolución nº 3 (transaccionada)

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir axilizando os prazos de remisión da documentación solicitada polo Consello de Contas de Galicia, facilitando a información requirida e rematando coas limitacións que afectaron aos traballos realizados.

Proposta de Resolución nº 4

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que efectúe as actuacións necesarias para recoller de forma correcta e axeitada o inventario de bens do sector público autonómico.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar