O PP rexeita a proposta para recuperar os faros como centros turísticos e culturais

O PP rexeita a proposta para recuperar os faros como centros turísticos e culturais

O PP rexeita a proposta para recuperar os faros como centros turísticos e culturais

O portavoz de Cultura e Lingua do Grupo Socialista, Francisco Caamaño, ven de propoñer en Comisión que a Xunta adopte as medidas pertinentes para levar a cabo un convenio de colaboración coa Administración Xeral do Estado co fin de promover a recuperación dos faros de Galicia e a súa contorna e convertelos mediante un programa de acción conxunta cos concellos implicados, en centros de dinamización turística e cultural.

 

O deputado socialista salientou na defensa da súa proposición non de lei, que, precisamente en tempos de dificultade, é fundamental poñer en coordinación ás administracións para aproveitar todos os recursos existentes e potenciar novas fontes de riqueza e de coñecemento.

 

Os faros, explicou Caamaño, son un valioso patrimonio que permitiría, cunha boa planificación, unha diversificación dos seus usos en beneficio de todos. Destacou que estas sinais marítimas que salvo excepcións pertencen á construción rexionalista do XIX e principios do XX son estruturas “moi fermosas desde o punto de vista arquitectónico”.

 

Estas sinais marítimas van acompañadas de espazos complementarios, como vivendas, talleres e almacéns que están en estado de abandono ou desleixo. Todos eses metros cadrados permanecen agora tapiados por ladrillo, comidos polas silvas e cheos de pintadas que, en lugar de “enriquecer a paisaxe da costa o que fan é ensombrecela”, afirmou.

 

O portavoz de Cultura do Grupo Socialista dixo ser consciente de que a situación económica non invita a grandes gastos, pero con poucos cartos se poderían promover iniciativas dirixidas a un “aproveitamento razoable”. Esas estruturas valeiras, explicou Caamaño, poderían quedar en mans de asociacións que amosaran produtos propios dun concello ou ser guías da natureza e da morfoxeoloxía do territorio.

 

Ao deputado socialista cónstalle a disposición do ministerio neste sentido, pero ten que haber un interlocutor, papel que corresponde á Administración Autonómica. Francisco Caamaño censurou a pasividade da Xunta neste sentido e recriminou ao grupo Popular que non votasen a favor desta iniciativa.

 

“Trátase do noso patrimonio cultural, sentimental”, salientou, e “se alguén ten que ter a iniciativa para negociar con Fomento é a Xunta e o Parlamento, que “nada ten feito nin nada pensa facer”. Caamaño rexeitou a “actitude de abandono da cultura” por parte do PP e dun Goberno da Xunta que “sigue a pensar que as iniciativas sempre as teñen que tomar outros porque el non se responsabiliza de nada”, rematou.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar