O PP rexeita a iniciativa socialista para suprimir o 80 por cento dos coches oficiais de altos cargos

O PP rexeita a iniciativa socialista para suprimir o 80 por cento dos coches oficiais de altos cargos

O PP rexeita a iniciativa socialista para suprimir o 80 por cento dos coches oficiais de altos cargos

O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, presentou unha Proposición non de Lei para a eliminación de mais do 80 por cento dos vehículos destinados ao uso exclusivo dos altos cargos da Xunta. Esta iniciativa foi rexeitado polo PP, co que Lage considerou “indecente” que a Xunta “manteña privilexios mentres Feijóo recorta a sanidade, educación ou dependencia”.

Lage apostou hoxe por “limitar a utilización do coche oficial con condutor única e exclusivamente ao presidente e aos conselleiros e conselleiras” para “rematar cunha serie de privilexios que afastan aos representantes públicos da cidadanía”. Lembrou que o presidente da Xunta “limitouse a facer unha operación cosmética cambiando a marca dos coches, pero segue tendo tantos coches oficiais como o conxunto do Benelux –Holanda, Bélxica e Luxemburgo-.

Dixo que “non estamos por tomarlle o pelo aos cidadáns e si por desenvolver unha política digna” polo que instou ao PP a “non seguir o mal exemplo e a tomadura de pelo que a presidenta do Parlamento perpetrou nesta Cámara”.

O responsable socialista presentou imaxes dun vehículo oficial “un domingo calquera deste verán nunha praia de Galicia”, polo que considerou “indispensable” tomar “medidas reais e efectivas que signifiquen realmente un cambio na cultura política do país”. Sinalou que “resulta difícil de entender para calquera cidadán o mantemento de privilexios na esfera pública como é o uso de vehículos oficiais para o uso persoal de cargos de libre designación do goberno galego”.

Chamou a “tomar medidas edificantes e cambiar a cultura política deste país” reducindo os coches oficiais á mínima expresión”, e retou ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, “aceptar a proposta socialista para limitar o coche oficial ao presidente e aos conselleiros, e eliminar o resto dos vehículos oficiais e de servizo que a Xunta ten asignado a centos de altos cargos e persoal de libre designación”.

O portavoz socialista defendeu que “nun contexto no que se lle piden sacrificios a moitos traballadores, a moitos sectores da nosa sociedade, o que se espera da Xunta son sinais claros de entender que se debe rematar con estes privilexios”. Dixo que cando o PP “está facendo recortes no profesorado e no persoal hospitalario ben poderían comezar por apoiar unha redución do 80 por cento dos centos de coches oficiais do Goberno galego”.

Retou así a Feijóo a “apoiar a mesma proposta que xa puxo en marcha Esperanza Aguirre na Comunidade de Madrid”, así como Estremadura ou Castela – León. Dixo que “si un ministro do goberno de Suecia pode viaxar en tren, transporte público colectivo ou vehículo propio, imaxino que un director xeral do goberno de Galicia tamén poderá facer o mesmo”.

Propuxo tamén “conxelar a adquisición de vehículos por leasing, renting ou compra directa por parte da Xunta no que resta de 2011 e durante o ano 2012 para non incrementar o gasto corrente e optimizar a flota de 2.248 vehículos do goberno”. Apostou así por reducir o gasto corrente no parque móbil do executivo coa ampliación do período de vida útil do parque móbil e propuxo as substitucións “ao superar os 300.000 quilómetros e de maneira xustificada”.

Parque Móbil

Dixo que esta medida “debera tomarse na Xunta e tamén debera de ampliarse ao resto de institucións estatutarias e ao conxunto da administración paralela” da Xunta de Galicia, que suman 107 vehículos, e dixo que si ben con esta medida “non se van resolver os problemas estruturais de financiamento da sanidade ou da axuda aos dependentes, remataríase cunha serie de privilexios que afastan aos representantes públicos da cidadanía”.

Lembrou que o parque móbil do goberno galego contaba a finais do ano 2010 con 2.228 vehículos, e propuxo reducir os 157 vehículos oficiais a un total de 30, aforrando 1,5 millóns de euros ao ano do total de 2 millóns que custan actualmente. Explicou que o obxectivo é “frear as malas prácticas na administración pública e cambiar a cultura política” para un uso mais eficiente dos recursos públicos.

Tamén defendeu a drástica redución dos 279 coches oficiais denominados de “servizo” e que son utilizados polo persoal de libre designación e altos cargos do goberno galego, sen ningún tipo de control”

Lage Tuñas considerou que “a flota de vehículos oficiais destinados ao transporte persoal dos altos cargos da Xunta e do conxunto da administración institucional de Galicia é moi numerosa e moi custosa e alcanza a directores/as xerais, secretarios/as xerais, delegadas/os territoriais, presidentes/as de empresas, axencias, fundacións e sociedades públicas e demais altos cargos da administración galega”.

Os socialistas defenden a supresión da meirande parte dos coches oficiais e de servizo que hai na Xunta de Galicia e limita o uso punto dun vehículo ou dous por Consellería para as tarefas que precisen realizar os altos cargos, que poderán dispoñer dun vehículo do parque móbil da Xunta –os denominados vehículos de incidencias- “cando sexa necesario para a realización de desprazamentos por razón do seu cargo, pero sen asignación fixa de vehículo”.

10 millóns de euros en vehículos

Lage Tuñas engade que “a pesares de que as políticas de austeridade teñen sido unha das principais bandeiras axitadas polos actuais gobernantes cando eran oposición, a súa práctica política durante os dous primeiros anos de goberno ten sido ben diferente”. Sinalou que nos dous primeiros anos de goberno, Feijóo ten gastado mais de 10 millóns de euros para adquirir 617 vehículos a través de distintos sistemas de pago.

Lembra que o goberno galego “ten prescindido de vehículos con menos de 100.000 quilómetros para adquirir polo sistema de renting vehículos novos, nunha clara mostra de ineficiencia e derroche, nunha época de crise, na que se pide aos cidadáns un esforzo solidario para afrontar a actual situación económica, e cando o goberno galego se queixa dos escasos recursos económicos dos que dispón no orzamento anual”.

Os socialistas galegos tamén apostan, nesa mesma liña, por unha nova regulamentación sobre o uso do parque móbil da Xunta de Galicia “que como mínimo contemple a esixencia da realización dun parte diario de control de saída e entrada dos vehículos”.

Igualmente deberá recoller que os vehículos pertencentes ao parque móbil da Xunta de Galicia “utilizaranse polo persoal ao servizo da administración pública só para accións relacionadas con traballos de servizo público e non para fins individuais ou privados”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar