O PP reduce o acordo sobre a postura de Galicia no debate do modelo de financiamento

O PP reduce o acordo sobre a postura de Galicia no debate do modelo de financiamento

O PP reduce o acordo sobre a postura de Galicia no debate do modelo de financiamento

O PP reduciu hoxe os puntos de encontro sobre a posición de Galicia no modelo de financiamento autonómico. O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou no Pleno do Parlamento unha moción de 20 puntos da que os “populares” retiraron pedir un 10 por cento adicional de fondos ao Estado e garantir o mínimo do 7 por cento para Galicia.

O responsable socialista acusou a Feijóo de “deixar a bandeira de Galicia nun lado” no que cualificou a “proba do algodón” da súa mensaxe de manter Galicia como o seu “compromiso único”. “Cambiou o seu lema polo de Galicia depende –ironizou-” e negouse a “ir máis alá da retórica precisamente cando discutimos sobre os recursos contantes e soantes”.

Fernández Leiceaga reclamáralle ao presidente da Xunta un “exercicio de galeguidade efectiva” e demostrarse “disposto a sacrificar a paz partidaria e as boas relacións dentro do seu partido e co goberno de España para dar un paso adiante na defensa dos intereses de Galicia”. Lamentou que Feijóo optara hoxe por “evitar roces non sei se con Montoro, Sáenz de Santamaría, Rajoy ou con todos eles”.

O presidente da Xunta renuncia, explicou, a situar os intereses de Galicia nun primeiro plano e mentres comunidades autónomas como Valencia xa están poñendo cifra ás súas demandas de financiamento adicional, o que permitiría “lubricar” con novos recursos a negociación sobre o novo modelo de financiamento. Do contrario, dixo, as autonomías que perdan recursos negaranse a pactar.

Argumentou a necesidade de que o importe global de fondos aumentara a curto e medio prazo logo de que o goberno central rompera co equilibro nos anos da crise, cunha redución do déficit moito máis dura sobre as autonomías e menos ingresos por fiscalidade.

Modelo prexudicial

Fernández Leiceaga lamentou a negativa do BNG a esta proposta nunha posición, dixo, que “sacrifica os intereses de Galicia no altar da súa ideoloxía” apostando todo o nada a un modelo de concierto que “os datos din que non nos beneficiaría”. Os nacionalistas galegos, dixo, optan por “situarse fora do debate real e prefiren agardar a que cheguen as promesas dun futuro incerto”.

Criticou tamén a oposición de En Marea a chegar a un punto de entendemento “simplemente por non coincidir con nós e co PP se o BNG está fora cando en realidade queren facelo”, e advertiu que “sitúanse nunha posición contraria aos intereses de Galicia”.

Advertiu que co seu voto estanse opoñendo a que ao remate do período quinquenal as comunidades autónomas “poidan acadar a porcentaxe media de gasto Europeo en sanidade, educación e política social”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento de Galicia demanda a Xunta de Galicia que na reforma do modelo de financiamento autonómico prevista para 2017 defenda que:

EQUIDADE E SOLIDARIEDADE PLENA
Como criterios básicos para o tratamento igualitario das comunidades:

- Na asignación dos recursos globais entre as comunidades de réxime común debe prevalecer como razón fundamental a cobertura igualitaria das necesidades de gasto.
- A aplicación da solidariedade debe ser plena e non parcial, sen que caiba establecer discriminacións entre unhas competencias e outras.
- Debe rexeitarse o principio de que os recursos fiscais correspondan ao territorio onde se orixinan, por introducir diferenzas inaceptables entre uns e outros cidadáns en función da renda e a riqueza da Comunidade Autónoma na que vivan.

Estes criterios básicos deben dar lugar ás seguintes modificacións no modelo de financiamento, para garantir unha capacidade de gasto equivalente ás comunidades:
a. As porcentaxes de ponderación implícitas das variables de reparto deben axustarse ao peso das distintas funcións de gasto no conxunto das comunidades de réxime común no que respecta ao orzamento financiado con fondos propios.
b. Na consideración da poboación protexida equivalente para a determinación das necesidades de gasto en sanidade deben establecerse dous tramos adicionais, de máis de 75 e máis de 85 anos, coas ponderacións que corresponda, unha vez efectuadas as análises estatísticas correspondentes.
c. Na consideración das necesidades de gasto en materia social, deben terse en conta os distintos tramos de idade a partir de 65 anos (máis de 75 e máis de 85 anos, cando menos).
d. Na consideración das necesidades de gasto educativo debe terse en conta o número efectivo de alumnado, incluíndo o de educación universitaria, de cada Comunidade Autónoma.
e. Debería terse en conta a inversa da renda relativa para incorporar o distinto uso dos servizos públicos en función do nivel de renda.
f. Debería incrementarse a ponderación ligada á dispersión poboacional, para reflectir o impacto desta circunstancia estrutural na atención sanitaria, educativa, social ou de xustiza, así como no mantemento de vías públicas ou nos custes de saneamento e depuración, na recollida e tratamento de residuos e outros.
g. Debería procederse a unha estimación nova, sobre bases empíricas, da recadación normativa utilizada para calcular a capacidade tributaria das comunidades, evitando as desigualdades de facto que o modelo actual introduce.

ESTABILIDADE
Garantir a estabilidade na prestación dos servizos á cidadanía que son competencia das comunidades autónomas é un obxectivo relevante, para o que sería preciso:
a. Introducir garantías dinámicas no modelo que atenúen os impactos asimétricos sobre os recursos dunha Comunidade.
b. Estudar a creación dun Fondo de Reserva, derivado da aplicación da regra de gasto, para atender as necesidades financeiras nas fases baixas do ciclo.
c. Analizar cómo incentivar o cumprimento da citada regra mediante un uso parcial os superávit producidos en investimentos sostibles.
d. Compre axustar mellor as entregas a conta á evolución da recadación, reducindo o peso das liquidacións.

AUTONOMÍA FINANCEIRA
Para a mellora da autonomía financeira das comunidades:
a. Debe establecerse un sistema de participación das comunidades autónomas nas decisións tributarias sobre aqueles impostos nos que comparten as bases (IVE e Impostos especiais) coa Administración xeral do Estado.
b. Estudar a fórmula para que as decisións tributarias das CCAA naqueles tributos con capacidade normativa teñan un impacto na recadación no exercicio de referencia e non dous anos máis tarde, coas liquidacións, como sucede na actualidade.
c. Nos tributos cedidos cómpre avanzar na capacidade normativa das comunidades mantendo, en todo caso, que a determinación das bases impoñibles sexa competencia da Administración central.
d. As comunidades autónomas deberían ter unha participación máis efectiva no órganos de dirección da Axencia Tributaria, mentres esta se ocupe da xestión dos principais instrumentos tributarios das comunidades.

LEALDADE INSTITUCIONAL E COORDENACIÓN
a. Debe poñerse en marcha un sistema de alerta temperá ligada ao mecanismo das Conferencias Sectoriais que permita prever e corrixir as actuacións unilaterais de cada nivel da Administración que afecten de xeito negativo aos outros niveis alí onde existan competencias compartidas.
b. En todo caso, as decisións da Administración central que supoñan un incremento do gasto ou unha redución dos ingresos das comunidades deben ser obxecto dunha compensación explícita; de non ser así esa ausencia será demandable.
c. A AEAT cooperará coas axencias tributarias autonómicas para a transmisión de información e a persecución da fraude.

SOSTIBILIDADE
a. Debe evitarse que as diferenzas no nivel de endebedamento sexan un criterio para a asignación de recursos no novo modelo.
b. Debe reformularse a regulación da regra de gasto de xeito que se posibilite unha aplicación máis flexible ás comunidades cumpridoras cos criterios de déficit e débeda inferior á media das CCAA.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar