O PP privatiza e deixa os dereitos das persoas en mans da iniciativa mercantil

O PP privatiza e deixa os dereitos das persoas en mans da iniciativa mercantil

O PP privatiza e deixa os dereitos das persoas en mans da iniciativa mercantil

Carmen GallegoA portavoz de Políticas Sociais do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou hoxe ao PP de “privatizar e deixar en mans da iniciativa mercantil os dereitos das persoas”. Así o dixo logo de que o PP rexeitara no Pleno do Parlamento unha proposición de Lei do PSdeG para modificar a Lei de Servizos Sociais para priorizar ás entidades sociais nos contratos de prestación de servizos sociais.

A responsable socialista criticou que mentres o PP apoia en Asturias ou promove en Murcia unha iniciativa idéntica, en Galicia a rexeita para garantir o negocio das catro empresas privadas que acaparan a práctica totalidade destes contratos. Gallego sinalou así a Troncoso, S.L., Eulen –que conta coa colaboración da irmá de Feijóo como delegada en Galicia-, Doral Residencial, S.L. e Geriatros.

Estas entidades asumen a práctica totalidade dos contratos, expulsando ás entidades de iniciativa social -como sucedeu coa Fundación San Francisco en Vigo- que con persoal especializado e con anos de contrato non poden competir cos custes de empresas de nova creación con contratos en precario e criterios unicamente mercantilistas.

Gallego puntualizou que “queremos que os dereitos para as persoas se presten dende o publico, e cando non se poida, que sexa xestionado grazas á complementariedade co terceiro sector e a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro”. Polo contrario, o goberno galego prefire deixar nas mans das entidades privadas tódolos centros públicos abertos por Feijóo agás 3.

A deputada socialista lembrou que a propia UE establece a posibilidade de reservar contratos de servizos a entidades de iniciativa social, grazas a unha directiva aprobada en febreiro de 2014 que aínda está sen traspoñer á normativa estatal, bloqueada polo goberno de Rajoy.

Concerto social

A proposta socialista reclama un maior recoñecemento do papel das entidades de iniciativa social modificando a Lei de Servizos Sociais de Galicia para regular o réxime de Concerto Social e que sexan as entidades de iniciativa privada e social as que presten os servizos sociais que teñan que ser concertados.

Ademais, establece un clausulado social que estipule principios de atención personalizada, arraigo das persoas no entorno ou continuidade e calidade na atención, mentres recoñece o papel do terceiro sector co financiamento público das entidades de iniciativa social.

Resumiu que “os servizos sociais son políticas públicas que garanten dereitos subxectivos das persoas equiparables aos dereitos sanitarios ou educativos, que deben ser prestados dende o público con calidade e complementariedade coas entidades de iniciativa social”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar