O PP privatiza a asistencia xurídica da Xunta

O PP privatiza a asistencia xurídica da Xunta

O PP privatiza a asistencia xurídica da Xunta

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista alertou hoxe que a nova Lei de Asistencia Xurídica da Xunta prima a prestación deste servizo a través de medios externos privados e despreza o uso da lingua galega na Xustiza. A responsable socialista explicou hoxe a abstención do PSdeG a esta Lei, que aínda que é “acaída”, foi elaborada sen acordo nin diálogo cos sindicatos nin os grupos políticos.

A deputada socialista presentou unha emenda para limitar o texto do PP, que prioriza a contratación de consultoras ou avogados para facer os traballos da asesoría xurídica xeral. Os socialistas galegos propoñen que se permita a asistencia xurídica con outros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou outras entidades do sector público autonómico cos medios necesarios, e “non só medios externos privados”.

Ademais, criticou o “desprezo que amosa o goberno polo uso do galego tamén neste asunto”, e lembrou que “estas letradas e letrados representan á Comunidade Autónoma de Galicia, e Galicia ten dúas linguas, e polo tanto vostedes deberan implicalos no uso da lingua galega en tódolos procedementos procesuais”.

Os socialistas galegos propuxeron “implicar” aos letrados e letradas que representan á Xunta no uso do galego en tódolos procedementos procesuais, ordenando ademais que o expediente das demandas sexa remitido á Xunta de Galicia en galego “e que os órganos xurisdicionais diten sentenzas en galego”.

Vilán criticou ademais a “falla de negociación e diálogo” amosados polo goberno galego na elaboración desta norma, da que excluíu aos sindicatos e ao resto dos grupos parlamentarios. A pesares do “bo talante” do debate parlamentario, dixo, “en ningún caso buscou o diálogo nin o consenso á hora de negociar” o texto aprobado polo PP.

Finalmente, lamentou que no debate dunha norma “acaída”, o goberno galego fale da mellora da asistencia xurídica xeral dunha Comunidade Autónoma que conta con apenas 60 letrados e letradas en total. Neste sentido, preguntou “por qué non fan vostedes unha convocatoria pública de máis prazas, iso si que sería unha mellora”, remachou.

Policías Locais

A portavoz de Interior do Grupo Socialista, Marisol Soneira, reclamoulle hoxe ao PP que aproveite o debate da Lei de Coordinación de Policías Locais para introducir melloras no texto e garantir a “mellora e garantía dos servizos” nos concellos galegos. Así o dixo no debate desta Lei, que comezou hoxe o seu trámite parlamentario co voto favorable dos socialistas galegos.

Soneira explicou que a norma presentada hoxe parte dun texto aprobado polo goberno presidido polo socialista Touriño e que o goberno de Feijóo “mantén nun 70 por cento”, que hoxe o modifica para adaptalo ao Estatuto Básico do Empregado Público, á Lei Orgánica que regula o réxime disciplinario da policía e á normativa comunitaria.

A responsable socialista propuxo utilizar o trámite para adaptar a norma a “introducir cambios de sentido común” fortalecendo as competencias de inspección e fiscalización da Xunta de Galicia permitíndolle “comprobar o cumprimento da Lei e das normas e garantindo que os servizos funcionen”.

Tamén reclamou que a Xunta acade “compromisos orzamentarios maiores” e que os concellos poidan contratar máis persoal que hoxe non poden polas modificacións lexislativas de Montoro”. Ademais, propuxo incorporar mecanismos que permitan a mobilidade dos corpos de policía local, así como a optimización da estrutura territorial e o asentamento destes servizos.

Soneira ironizou con que o goberno galego utilizara o debate para “presumir” das supostas melloras de dotación e recursos do goberno de Feijóo, entre as que figura, lembrou, que agora “tódolos vehículos corresponden a unha única marca, a mesma dos vehículos dos altos cargos do goberno galego e a mesma que lle regalou un vehículo gratis total a Feijóo para facer a súa campaña electoral en 2009”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar