O PP impón o principio de que "paga quen sufre a contaminación"

O PP impón o principio de que "paga quen sufre a contaminación"

O PP impón o principio de que “paga quen sufre a contaminación”

“Vostedes cambian o principio de que quen contamina paga polo de que paga quen sufre a contaminación”. Así resumiu o portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, o veto do PP á proposición de Lei para impedir que as facturas eléctricas inclúan unha nova suba en concepto dos impostos medioambientais aplicados pola Comunidade Autónoma.

Esta medida está prevista, dixo, na Lei do Sector Eléctrico aprobada por Rajoy en 2013 e ratificado por unha recente sentenza do Tribunal Supremo -10 de marzo-. Implica que serán os consumidores galegos os que sufraguen a partir do próximo mes os 23 millóns de canon eólico, así como os impostos por auga encorada e contaminación atmosférica, o que supón un total de 40 millóns cada ano.

Losada sinalou que esta medida resulta “discriminatoria”, xa que os galegos e galegas pagan polos impostos dunhas empresas que teñen os encoros en Galicia pero poden exportar a enerxía fora do territorio. Ademais, engadiu, vai contra a autonomía tributaria de Galicia, limitando a capacidade de condicionar a actuación das empresas a través destes tributos.

O responsable socialista sinalou que “hai que cumprir as sentenzas”, en alusión ao ditame do Supremo, pero, engadiu, “se as sentenzas están baseadas en leis inxustas haberá que cambiar as leis”. Por iso presentou unha Proposición de Lei, que debería ser debatida a continuación no Congreso, para suprimir dous apartados e modificar un terceiro daquela norma.

Esta modificación garantiría unha posición moito máis estable para os consumidores galegos, igualdade entre a produción e consumo da enerxía e garantiría unha maior transparencia do mercado eléctrico.

Abel Losada criticou a defensa numantina dos intereses das empresas por parte do PP e do goberno galego, que impediron aprobar esta Lei, en beneficio das tres grandes enerxéticas, que copan o 96 por cento da distribución de enerxía e sumaron o ano pasado 6.000 millóns de euros.

Criticou a “regulación moi favorable” para as empresas e en contra dos consumidores por parte dos dous únicos gobernos que regularon o sector eléctrico, tanto a de Rajoy de 2013 como a de Aznar de 1997. Este introduciu os custes de transición á competencia como “regalo ás eléctricas e fermento do Soto del Real Corp.”, en alusión ao elevado número de altos cargos recluídos naquel cárcere.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar