O PP impide a adscrición das ensinanzas artísticas aos centros universitarios

O PP impide a adscrición das ensinanzas artísticas aos centros universitarios

O PP impide a adscrición das ensinanzas artísticas aos centros universitarios

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou hoxe o veto do PP a unha proposta socialista para desbloquear a adscrición dos centros de ensinanzas artísticas superiores ás universidades galegas. A responsable socialista defendeu unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno de hoxe que o PP anunciou que rexeitará na votación que se realizará mañá, deixando “nun limbo legal” a centos de alumnos.

Burgo defendeu hoxe a reclamación da Plataforma Galega pola integración das EEAASS na Universidade para incorporar estes estudos ao sistema universitario, “como sucede en toda Europa agás en Italia e España”. Sinalou que coa situación actual os alumnos teñen unha titulación non recoñecida en Europa e que incluso a Xunta de Galicia non acepta.

A deputada socialista presentou como exemplo o caso de titulados galegos que lle solicitan ao centro de Restauración de Bens Culturais un certificado de equivalencia a unha titulación universitaria logo de que o goberno galego rexeitara a súa inscrición como axudante de Museo por carecer de diplomatura universitaria.

Os socialistas galegos reclamaron hoxe para as EEAASS un proceso semellante ao que seguiron no seu día titulacións como Maxisterio, Relacións Laborais ou mesmo a Escola Naval de Marín. Burgo lamentou que “o que é posible para a Defensa non é posible para as ensinanzas artísticas”, e puntualizou que “non estamos pedindo privilexios, senón o recoñecemento que merecen estas titulacións”.

Explicou que esta situación deriva da sentenza do Tribunal Supremo que determinou en febreiro de 2012 que as escolas de EEAASS non podían conceder o título de grao, reservado ao ámbito universitario, deixando aos alumnos e profesores nun “limbo lexislativo” e sen os dereitos que teñen os universitarios nin posibilidades de continuar a súa formación por non ter posibilidade de cursar master ou doutorado.

Todos estes problemas están a facer, dixo, que as universidades privadas aproveiten a ocasión vendo un nicho de negocio na oferta de títulos de EEAASS que si son graos universitarios, o que supón unha “competencia imposible” para as escolas e a devaluación dos seus títulos.

Reclamou “consenso” para “demostrar vontade política para arranxar entre todos unha situación que dana moitísimo aos estudantes galegos” e constituír unha Mesa de traballo con representantes de tódolos centros de Ensinanzas Artísticas Superiores que o soliciten, as tres universidades galegas e a Consellería. O obxectivo é “analizar e consensuar todos os aspectos do proceso de adscrición” que permita a súa incorporación ao SUG”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar