O PP galego foi "o principal surtidor de diñeiro negro do PP"

O PP galego foi "o principal surtidor de diñeiro negro do PP"

O PP galego foi "o principal surtidor de diñeiro negro do PP"

A deputada socialista no Congreso, Laura Seara, dixo que “apesta a podrido no PP, e o rastro desta peste leva a Galicia”. Así o dixo antes de sinalar que o PPdeG “foi o principal surtidor de diñeiro negro do PP”, de acordo cos datos coñecidos sobre o financiamento irregular deste partido que se coñecen da investigación xudicial en marcha.

A parlamentaria socialista advertiu que o presidente do goberno “ten moi difícil” demostrar na súa comparecencia de mañá que “nin ordenou, nin autorizou nin consentiu” a contabilidade B do seu partido. Dixo que nesta comparecencia debe dar conta entre outros os mais de 200 millóns de pesetas de diñeiro negro que o PPdeG entregou ao PP entre 1990 e 1995 cando o íntimo amigo de Rajoy, Ángel Piñeiro, era tesoureiro en Galicia.

Tamén deberá explicar os 10 millóns de pesetas entregados en 1990, con Cuíña como secretario xeral, e os 16 millóns aportados polo PP galego entre 1997 e 1998, unhas aportacións que están todas acreditadas nos documentos que coñece o xuíz Ruz.

Seara lembrou que Rajoy “tivo altísimas responsabilidades” no PP galego naqueles anos, sendo membro da executiva galega entre 1996 e 1998, vicepresidente da Xunta con Fraga, presidente da Deputación de Pontevedra e deputado nacional por Pontevedra, “todo isto cando a trama de corrupción se estaba montando”.

Concluíu que “non podemos permitirnos ter como presidente do país a unha persoa de dubidosa honorabilidade” e explicou que Rajoy “ten unha maleta chea de historia, de cargos e de responsabilidade incompatible co silencio e coa arrogancia, e o PP foi tremendamente arrogante”. Dixo que “ou explica este thriller de corrupción política ou ten que coller esa maleta e marcharse a Santa Pola”.

Encubrimento

Seara lembrou ademais que o propio PP foi quen cualificou a Bárcenas de “delincuente”, e advertiu que “Mariano Rajoy durante anos o encubriu”, e sinalou que o artigo 451 do Código Penal tipifica o delito de encubrimento. Dixo que mentres Rajoy falaba de chantaxe “mais parece o apadrinamento de Rajoy a Bárcenas”, segundo o coñecido polas mensaxes cruzadas entre ámbolos dous compañeiros de partido.

Advertiu que “Rajoy falou moi pouco pero mentiu moito” ata deixar en cuestión a imaxe e a honorabilidade de España”, polo que, engadiu, “ou resetea a honorabilidade do noso país ou ten que presentar a súa dimisión”.

Feijóo

Seara engadiu que “unha vez que Rajoy dea explicacións sobre a trama corrupta lle toca a Feijóo”. Sinalou que “non pode esconderse en Rajoy” quen é o “herdeiro directo do financiamento irregular do PP” polo que esixiulle que “dea a cara e explique o financiamento irregular do PPdeG”.

Lembrou que Feijóo tivo responsabilidades de goberno en España, no PPdeG e como vicepresidente do goberno galego cando a trama corrupta funcionaba “a todo gas” ata chegar ao punto que “foi elixido nun congreso do PPdeG pagado por Bárcenas” presuntamente con diñeiro negro do PP.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar