O PP fai do monte "un polvorín"

O PP fai do monte "un polvorín"

O PP fai do monte "un polvorín"

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Sonia Verdes, acusou hoxe ao PP de “facer do monte un polvorín” rexeitando un dispositivo antiincendios “eficaz e profesionalizado” e desmantelando a prevención de lumes. Así o dixo no debate no Parlamento dunha Proposición non de Lei do PSdeG para elaborar un Plan de Prevención contra Incendios –Pladiga-, rexeitada polo PP.

Verdes reclamou a aprobación urxente dun Pladiga “con suficiente dotación económica que garanta a  protección e seguridade e a defensa fronte aos lumes”. Cualificou de “temerario” o desleixo amosado polo Goberno galego e secundado hoxe polo PP diante dos recortes drásticos de 22 millóns de euros na política de prevención e de 7 millóns na loita contra o lume, unido a unha Lei de Montes “incendiaria”.

A responsable socialista reclamou un dispositivo permanente que permita un continxente de brigadas contratadas a través de Seaga que desenvolvan traballos de prevención, silvicultura preventiva, mellora das infraestruturas, desbroces e mesmo participar na extinción de lumes. Salientou a urxencia destas medidas diante da “grave situación nun monte completamente abandonado antes de que teñamos que lamentar outra traxedia”.

Propuxo a posta en marcha de axudas para a limpeza dos montes a través das axudsa do PDR comunitario “para optimizar os recursos propios que permita racionalizar o gasto en extinción”. Tamén chamou a “retomar a colaboración cos concellos para a protección dos núcleos rurais” e propuxo “consenso para xestionar o monte e reforzar a prevención, valorizando o monte e o rural e rachando coa cultura do lume”.

Sonia Verdes advertiu que a Xunta “non entende que para loitar contra os incendios hai que facer algo mais que perseguir aos incendiarios” e que “non se perseguen desmantelando as brigadas de investigación e con ocultación, senón que se perseguen apostando pola vixilancia, a disuasión e a concienciación cidadá e, en definitiva, con transparencia informativa”.

Criticou así que “dificilmente se pode superar tanta incompetencia como ten demostrado a Xunta na súa xestión dos lumes forestais”, e que culminou coa súa actuación no incendio das Fragas do Eume, no que “non lles doeron prendas en frivolizar defendendo a actuación supostamente eficaz do Executivo”. Lembrou que “no que vai de ano en apenas 100 días ardeu en Galicia mais do que ardeu en todo 2007 e 2008”.

Criticou a complacencia do presidente da Xunta cando en catro días os lumes “cobrábanse a vida dun brigadista en Ourense e devoraban o meirande paraíso natural  de Galicia, que é o bosque atlántico das Fragas do Eume”. Lembrou tamén que no ano pasado arderon en Galicia 36.400 hectáreas incluíndo mais de 20.000 hectáreas da Rede Natura, asolagando o Macizo Central Ourensán, a Serra do Invernadoiro ou o Xurés.

Advertiu que isto evidencia que “os responsables son os que prenden, pero tamén aqueles que fan desleixo das súas obrigas, que cos recortes e unha austeridade mal entendida abandonan o monte” e demostran “improvisación e falla de planificación” mentres demostran que “falla coordinación e sobra incompetencia” deixando aos concellos galegos abandonados na loita contra o lume.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar