O PP expropia os servizos sociais prestados polos concellos para privatilazos e abrir oportunidades de negocio

O PP expropia os servizos sociais prestados polos concellos para privatilazos e abrir oportunidades de negocio

O PP expropia os servizos sociais prestados polos concellos para privatilazos e abrir oportunidades de negocio

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou ao PP de “expropiar os servizos sociais prestados polos concellos para privatizalos e abrir oportunidades de negocio”. Logo da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento explicou que esta é a estratexia marcada polo Anteproxecto de Lei de Reforma da Administración Local.

Dixo que esta norma constitúe un “ataque despiadado contra o municipalismo e contra os servizos públicos esenciais”. Explicou que, logo de que Feijóo rexeitara comparecer para dar conta da súa postura no Parlamento fronte a esta Lei, os socialistas farán que vote sobre a mesma a partir dunha Proposición non de Lei que solicita a retirada da reforma.

Advertiu ademais que o PP ten rexeitado a solicitude de comparecencia de Feijóo para dar conta da posición do goberno galego fronte a esta reforma da administración local. Será Pachi Vázquez, dixo, quen utilice a sesión de control para que o presidente do Goberno explique as supostas medidas tomadas polo seu goberno para manter os servizos públicos esenciais como “muros contra a pobreza”.

O responsable socialista lembrou a conmemoración, hoxe, do Día Mundial do Traballo Social, para lembrar o desmantelamento dos servizos públicos ofrecidos polos concellos galegos por parte do PP. Advertiu que a “estratexia de cuestionar os servizos proporcionados polos concellos prexudica a igualdade de oportunidades e a cohesión social”.

Explicou que o PP utiliza o requisito do déficit –do cen por cen para os concellos fronte ao 15 da administración central- para “afogar a concellos e comunidades autónomas” e “recentralizar” os servizos cara ás Deputacións Provinciais e ao goberno central.

Lamentou que a Xunta desmantele a protección social que ofrecen os concellos malia á “ameaza de pobreza” da cidadanía na terceira Comunidade Autónoma na que mais caeron os salarios en 2012. Lembrou que as entidades locais constitúen unha “forza de choque contra a pobreza e a exclusión” e dixo que en Galicia hai 600.000 galegos baixo o limiar da pobreza, 30.000 fogares sen ingresos e 90.000 cos seus membros en paro.

Ademais, o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha Interpelación socialista sobre a saturación das urxencias sanitarias provocada polos recortes, que está a provocar “consecuencias dramáticas”, como foi o falecemento dunha paciente na sala de espera do Hospital de Vigo. Tamén será debatida unha pregunta oral sobre a desaparición do 10 por cento da plantilla dos traballadores públicos, un total de 20.000 empregos no ano 2012.

Losada sinalou que o PP rexeitou tamén unha solicitude de comparecencia de Feijóo para dar conta das políticas de emprego da Xunta. Lamentou que “cada xoves, logo do Consello da Xunta, Feijóo ofrécese a dar explicacións sobre tódolos temas a todo o mundo, pero cando se lle pide que compareza no Parlamento, diante de tódolos galegos, nin está nin se lle espera”.

Política Industrial

Os socialistas galegos levarán ao Pleno tamén unha Proposición non de Lei sobre as “mentiras” de Feijóo e do goberno galego sobre as súas accións en política industrial, e nomeadamente con relación ao dique flotante de Ferrol, logo de que a UE constatara que o Goberno “non presentou proposta algunha” para realizar esta infraestrutura.

Lamentou que a Xunta opte por “mentir e enganar aos cidadáns” utilizando de forma “impune” os mecanismos de publicidade e propaganda do executivo para agochar o “dramático proceso de desindustrialización de Galicia”. Esta Comunidade Autónoma, apuntou, perdeu un de cada catro empregos no sector industrial, nunha situación “peor que a reconversión dos anos 80” mentres Feijóo “non toma solucións de ningún tipo”.

O próximo Pleno incluirá ademais unha moción sobre a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinando ilegal a consulta aos pais que Feijóo introduciu no Decreto do Plurilingüismo, ademais de acusar á Xunta de “abdicar” das súas responsabilidades.

Tamén presentarán unha pregunta oral sobre a “manipulación” na TVG sobre os casos de presunta corrupción e a “cegueira que teñen cando os imputados son do PP e a exhuberancia informativa demostrada cando corresponden a outras forzas políticas”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar